Loading
José Telmo Lodeiro

Paisaxe e futuros, de José Lodeiro

  Paisaxe e futuros

  José Telmo Lodeiro

  Galería José Lorenzo. Santiago

  De luns a sábado, de 11: 30 a 14:00 e de 17:30 a 21:00

  Domingo, de 11: 30 a 14:00 

 Ata o 15 de decembro

  Entrada de balde

A Galería José Lorenzo continúa a poñer en valor a importantes artistas e intelectuais do século XX en Galicia. Fíxoo en xuño con Luis Huici e actualmente, na Coruña, con Antonio Lago Rivera. Paralelamente, rende homenaxe ao pintor José Telmo Lodeiro (Vigo, 1930 – 1996) na exposición Paisaxe e futuros, en Santiago. Nela móstranse tres importantes series do artista: xeometría, futuros e paisaxes. Todas elas teñen puntos en común, que chegan a entrelazarse ao longo da traxectoria do pintor. A súa obra caracterízase pola tensión entre a abstracción e a figuración, o dominio tonal coa precisión dun músico, o dinamismo compositivo e un manexo impecable da cor. Se nos poñemos a especular, podemos pensar que, se a súa obra madura xurdira dúas décadas antes, estaríamos a falar dunha figura de fondo calado no ámbito estatal e mesmo internacional.

En ocasións relacionado con Víctor Vasarely e con Eusebio Sempere, os Inorantes pensamos que, en realidade, a súa arte ten moito máis vencellamento coa vangarda histórica internacional. Salvando as distancias, nós detectamos moito máis preto de Lodeiro a Josef Albers, a Bauhaus e as experiencias da arte socialista dos anos vinte que a opt art e as creacións cinéticas de aqueles. O compromiso social do primeiro Lodeiro, que pintou, con fins de denuncia, a traballadores do campo e da industria, deu paso a un compromiso artístico. Algo que se observa nas tres series. As paisaxes son unha excusa para as súas investigacións pictóricas coas diferentes bandas de cor, os Futuros simulan arquitecturas visionarias dominadas, en todas as composicións, por un feixe de luz vertical. En ambos casos a xeometría é unha constante. E contén toda a pureza na serie do mesmo nome. Dela, di a galería que “atisba a importancia do Manifesto Realista (1920) de Pevsner e Gabo“. Ese é o célebre téxto que explica as ideas do construtivismo soviético. É dicir, unha estética de liñas e planos que compoñen o cadro. A pintura e a arte buscando a súa esencia en Moscú e, anos despois, na ría de Vigo.   

Lodeiro, desde unha perspectiva conceptual, pódese considerar un precedente do street art moderno. No ano 1968, xunto con outros artistas galegos, levou a arte á rúa na praza da Princesa da cidade olívica. Tamén participou nas primeiras exposicións do grupo Atlántica (1980 – 1983) e, entre ambos acontecementos, exhibíu a súa obra en Bos Aires (1974) e México (1982). Para os Inorantes figura a reivindicar e se non que lle pregunten a Méndez Ferrín. O intelectual ten debilidade pola obra do pintor. Unha devoción que tamén amosaron Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor. Exposición moi recomendable.

  Infórmate:

  A obra de Lodeiro en Afundación

  Web sobre Lodeiro

Mira: