Loading

Que erga a man quen non cantou algunha vez o “satélite, satélite, satélite Xabarín”. La Marabunta asinaron este hit e a obsesión polo mundo do cosmos é marca da casa de Nicolás Pastoriza. Tamén en Los Buzos e Bromea o Qué?, Nico Pastoriza é o músico vigués que o mesmo compón para amigos como Iván Ferreiro que avanza na súa carreira en solitario con disco dobre. O venres presenta PyME en La Fábrica de Chocolate do seu querido Vigo. 

Falar con Nicolás Pastoriza é falar de música. De influencias, múltiples e variadas e, sobre todo, apaixonadas. En conversa con Inorantes, Nico recorre as súas referencias, que inevitablemente comezan con The Beatles, o grupo que o acompañou “dende que era un neno ata hoxe”, e chegan a nomes como Stephen Malkmus, de Pavement. 

Con PyME, o seu novo álbum (concebido como The White Album, dos Beatles, que agora cumpre 50 anos), Pastoriza lanzouse a tocar a guitarra “máis do que fixera nunca”, algo que lle permite o dobre LP, pois contén “bastantes guitarras tolas“. “Comecei a obsesionarme e a escoitar e estudar a guitarristas que me gustan moito, como Stephen Malkmus, Tom Verlaine… Xente que non son só guitarristas, senón que tamén fan as súas cancións”, explica.

Nicolás Pastoriza
Nicolás Pastoriza xunto a Amaro Ferreiro.

Cita a Annie Clark, de St. Vincent, porque “as mulleres tamén tocan a guitarra”, e a outros máis clásicos no seu acervo como Graham Coxon, de Blur, e George Harrison, dos de Liverpool. Pero segue con Dinosaur Jr, con Sonic Youth… E de feito hai que pararlle os pés, porque se nota que si por el fora pasaría horas falando dos músicos que lle gustan.

E faino dende a honestidade intelectual. “Podes poñer que son dos que máis copio”, chancea. Inspirar, según di, é a palabra “educada” que susbtitúe ao verbo copiar nestes casos. Porén, el tira de dito para sinalar que “de ben nacido é ser agradecido”. E desconfía “moito” do que pensa “que está inventando algo da nada, porque é mentira”. “Nin tan sequera Bob Marley inventou nada”, advirte. No seu caso, todo o que compón lle soa a “algo” que coñece, aínda que logo sexa preciso aportar “esencia”. 

Nunca me sentín tan galego como me sinto vigués”.

E moita da esencia de Nicolás Pastoriza reside en Vigo. “Sempre me gustou moito. Vigo para min é como esa amiga da que estás un pouco namorado, e ás veces pensas: se te coidases máis…”, ironiza. Non ten problema en afirmar que “nunca” se sentiu “tan galego como vigués”. “Lóxicamente, síntome galego, e español… non me importa”, engade.

 

Ao seu xuízo, a cidade olívica “sempre” está ben en termos culturais. “Sempre hai xente facendo cousas, independentemente de que se coñezan fóra”. É máis, entende e subliña que, en contra do que quedou no imaxinario colectivo, “os 80 nunca foron a época dourada de Vigo”. “Foi unha época brillante, pero coma outra calquera, só que tivo máis repercusión nacional e internacional”, expón.

Neste sentido, indica que “iso non significa” que as décadas seguintes (90, dos 2000 e a actual) sexan “peores ou inferiores”. Son momentos, na súa opinión, “igualmente intensos culturalmente falando”. “Outra cousa é que exista o recoñecemento ou que a industria reme contigo”, apunta.

Os 80 nunca foron a época dourada de Vigo. Foi unha época brillante, pero coma outra calquera”.
Aínda que non sexa do que máis lle gusta conversar, Pastoriza non fuxe das preguntas sobre a política actual. “Se estou contento? Non, non o estou”, asevera. Lamenta as noticias sobre corrupción que día tras día teñen ocupado portadas e que, reflexiona, equiparan á clase política “cunha banda”. Non obstante, centra o seu discurso na “autocrítica” que el, como cidadán, pensa que cómpre facer. “Nós tamén temos unha gran parte da culpa”, considera.
Nico Pastoriza nunha fotografía de Samuel Moreda.

Nunha época de “postverdade”, polo tanto, aposta por “non fiarse de ninguén”, e menos de novos políticos que “se cren estrelas do rock”. “Que monten un grupo de rock entón, e non un partido”, resalta.

Outra cousa pensa dos alcaldes, que “sempre foron un pouco” como “a alegría da casa”. “Teñen que investir e vender a súa cidade”, comenta, preguntado polo rexedor vigués, Abel Caballero. Por outra banda, recorda que, no pasado, “cando Vigo empezou a deslumbrar, os primeiros que se soben ao carro son os alcaldes”, mentres lle ven á mente unha personaxe como Enrique Tierno Galván e o seu famoso “el que no esté colocado, que se coloque… y al loro!” durante a movida madrileña. Persoalmente, deixa ben claro que odia o Nadal, nunha cidade que vive a resaca do acendido de luces. “Con iso dígocho todo”, resolve. 

Odio o Nadal. Con iso dígocho todo

Volvendo á música, o seu decorado preferido, Nico Pastoriza é un fanático dos ovnis e todo o que ten que ver coa ciencia ficción. “Non é a ciencia ficción en si, senón as historias superterrenais que esconden estes contos, como os de superheroes”, precisa.

 

Ovnis entre Cíes e Nigrán, o primeiro single de PyME, está chamado a converterse nun himno. Un himno pero “sen estribillo”, como lle gusta chamar a atención ao seu autor. Ao estilo de Bob Dylan, remarca.

“Quería contar a historia de Encontros na terceira fase, unha das miñas pelis favoritas”, relata. “Quería contar esa historia de amor entre as dúas personaxes, que din: Está pasando algo e non o podemos perder. Levalo a unha canción pero dándolle o toque municipal, como adoito facer”.

Nico Pastoriza
Nico Pastoriza, retratado por Carmen Valdés.

Ao respecto disto, valora que as illas Cíes son ese entorno “exótico” no que máis dun podería crer que avistou un ovni. E un día traballando co borrador, nunha xornada na que estaba con Iván Ferreiro avanzando na segunda das cancións que fixeron xuntos para o seu disco Casa, cadrou a rima con Nigrán, xa que estaban preto. “Fixen a letra e xurdiu seguido. Púxenlla a Iván e encantoulle”, destaca.

E así naceu esta canción, “homenaxe ao Val Miñor” de dous artistas que, como recoñece o propio Pastoriza, se apuntan “a un bombardeo”. O bonito videoclip que ilustra o single foi obra de Eduardo Berea, outro amigo.

Tocou a principios de mes en Santiago e este venres 30 Nicolás Pastoriza presentará PyME en La Fábrica de Chocolate, en Vigo. Haberá invitados, “máis de un”, mais non os revela: será unha sorpresa. Xa despois de Nadal, volverá a Compostela e xirará por A Coruña, Ourense, O Grove, Madrid, Barcelona… “Se son músico é precisamente para non ter que estar metido na realidade más tanxible. Unha boa forma de evitalo é facendo cancións”