Loading

A edición número 23 do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se celebrará entre o xoves 29 de novembro e o mércores 5 de decembro, será lembrada como a máis convulsa dende que o festival nacera no ano 1996. En xuño Fran Gayo e Analía G. Alonso, ata entón director artístico e produtora executiva do evento, desvinculáronse do OUFF e os titubeos do concello convenceron a todo o sector de que por primeira vez en máis de dúas décadas Ourense quedaría sen o seu festival.   

A Deputación e a Fundación Carlos Velo reaccionaron, encargáronlle a dirección a Miguel Anxo Fernández, e nun prazo récord de sete semanas foron quen de sacar adiante o proxecto, cun programa digno para o que viña sendo un dos eventos cinematográficos máis importantes do noso país, se non o máis importante.

En total son preto de 100 os traballos que se presentan a concurso neste OUFF, chegados de 17 países distintos, entre longametraxes, curtas e series de televisión. Nós imos centrarnos na sección oficial, na que concursan 10 filmes.

Mug
Mug, da directora polaca Malgorzata Szumowska.

Destaca a presenza de tres cintas premiadas noutros prestixiosos festivais internacionais que levan a sinatura de tres mulleres: Mug, da polaca Malgorzata Szumowska; The Miseducation of Cameron Post, da iraniano-estadoundisense Desiree Akhavan; e Capharnäum, da libanesa Nadine Labaki.

Mug levouse o Gran Premio do Xurado na última edición do Festival de Berlín. O filme conta a historia de Jacek, un mozo rebelde que perde o seu rostro e a capacidade de falar nun accidente cargado de simbolismo ao construír unha estatua de Cristo, e ten que ser sometido a un transplante facial que a comunidade se resiste a sufragar.

The Miseducation of Cameron Post
The Miseducation of Cameron Post, da estadounidense Desiree Akhavan.

The Miseducation of Cameron Post alzouse co Gran Premio do Xurado en Sundance e coa Espiga de Prata en Valladolid. Na longametraxe da estadounidense de orixe iraniana Desiree Akhavan, coma en Mug, Cristo tamén xoga un papel destructor, aínda que dun xeito ben distinto. A protagonista, Cameron, unha adolescente, é descuberta mantendo unha relación lésbica, e a súa tía ultracristiá envíaa a un centro para que a reeduquen sexualmente.

E para rematar a triloxía de referencias cristiás temos Capharnäum, da libanesa Nadine Labaki, que leva o nome dunha pequena vila mariñeira que inevitablemente nos trae á cabeza o Cafarnaún do Evanxeo. Labaki gañou o Premio do Xurado en Cannes, coa historia do pequeno Zain, que aos doce anos é xulgado por apuñalar a un home e decide denunciar aos seus pais por traelo a un mundo tan miserable como este. 

Capharnäum
Capharnäum, da libanesa Nadine Labaki.

Do resto da sección oficial salientamos dúas cintas das que xa vos falamos con anterioridade en Inorantes. Por unha banda, está a islandesa A muller da montaña, dirixida por Benedikt Erlingsson, que presenta a unha muller de cincuenta anos que loita por defender un ideal: a salvagarda da natureza fronte a industrialización desmedida. Esa protagonista, interpretada por Halldóra Geirharðsdóttir, ten un perfil complexo que se vai debuxando a medida que avanza a acción, coa paisaxe islandesa como coprotagonista do filme.

A outra é Todas as mulleres que coñezo, longametraxe documental que dirixe a luguesa Xiana do Teixeiro. A película introduce ao espectador nas conversas cotiás entre amigas. Conversas nas que as mulleres falan abertamente das consecuencias do patriarcado. Un filme feminista rodado en Lugo e Ourense co que a súa directora quixo construír un espazo de sororidade.  

Todas as mulleres que coñezo
Todas as mulleres que coñezo, da galega Xiana do Teixeiro.

A lista de participantes na sección oficial complétana dúas películas mexicanas: Cría puercos, de Ehecátl García; e Ayúdame a pasar la noche, de Ramón Chávez Delgado; dúas españolas: Fishbone, do alicantino Adán Aliaga; e Memorias de un hombre en pijama, filme de animación de Carlos Fernández Vigo; e Beast, un thriller do británico Michael Pearce.

Apertura e clausura

Fóra de concurso estarán os filmes que abren e pechan o OUFF. O encargado de levantar o pano será Mar de Terra, un documental de José Antonio Blanco sobre o entroido ourensán (e tamén lugués) que conta coa presenza, interpretación e música de Kepa Junquera.

Mentres que a película de clausura será Un home fiel, a longametraxe de Louis Garrel, que recentemente puidemos ver en Cineuropa. Un xogo de tríos amorosos coescrito por Jean-Claude Carrière, que acadou o premio ao mellor guión en Donostia.

Un Home Fiel
Un Home Fiel.

En canto aos galardóns especiais desta edición, recaerán en dous dos actores máis importantes do país: Luís Tosar e Mabel Rivera, e no cineasta ourensán Xavier Bermúdez, autor de obras como León y olvido. Sen dúbida, unhas mencións de honra máis que merecidas.

*Podedes consultar aquí a programación completa do OUFF.