Loading

Ailustradora Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982) firma o libro El Gran Hotel de Wes Anderson, unha sorte de biografía ilustrada do director estadounidense que busca facerlle unha homenaxe rescatando toda a súa filmografía. O próximo mércores, 12 de decembro, ás 20:00 horas, presentará o libro no espazo Numax de Compostela acompañada da deseñadora Raquel Boo e do editor Javier Ortega, da compañía Lunwerg.  

“Estiven case día e noite con el os últimos meses”, resume Nuria Díaz sobre esta aventura que a levou a firmar o seu primeiro artefacto como autora completa, pois tanto as ilustracións coma os textos son dela. Todo comezou por unha encarga do editor, ela xa traballara con Lunwerg e propuxéronlle facer un libro no que falase do particular estilo do cineasta e da súa traxectoria. “O meu estilo tamén encaixaba moito co propio estilo de Wes Anderson e gústame moitísimo como quedou a edición, fixeron un traballo fantástico na editorial, engade.

O meu estilo [como ilustradora] encaixaba moito co propio estilo de Wes Anderson”

“Non estou afeita a escribir, de feito eu debuxo porque é unha maneira que a min me vai ben para comunicar. Neste caso como é unha biografía o traballo foi máis de documentación que de escritura, tiven que atopar os datos para logo estruturar ben a información”, conta. 

Nuria Díaz estudou Belas Artes e compaxina a ilustración co deseño gráfico.

“Eu son moi fan”, confesa. “Pero tampouco son fan absoluta, non me gustan todas as películas”, apunta. “É un director bastante peculiar, ou che gusta ou non che gusta, non hai término medio; eu creo que non che deixa indiferente. Eu xa tiña vista toda a súa filmografía porque a nivel visual encántame”

Xa tiña vista toda a filmografía porque a nivel visual encántame”

As súas películas favoritas van cambiando ao longo do tempo. “Agora gústame moito Moonrise Kingdom porque me encanta a nivel visual pero tamén a historia, tamén The Royal Tenenbaums que é unha das míticas… e de animación, aínda que me gustou moito a última, Isle of Dogs, a que me parece espectacular é Fantastic Mr. Fox”, describe.   

Margot, do filme The Royal Tenenbaums, é unha das súas personaxes preferidas

No libro faise un percorrido polos nove filmes do cineasta de Texas e tamén se van desvelando aspectos da súa vida, pese a que é un home moi reservado. “Non ten redes sociais nin nada, as cousas máis persoais que están no libro descubrinas a través dos debuxos do seu irmán Eric que é ilustrador e colaborou con el nalgunha película. Foi bastante complicado encontrar detalles da súa vida persoal”. 

Cheguei a soñar con Wes Anderson e as súas películas”

“Cheguei a soñar con el e coas películas”, conta Nuria, que agora mira o libro satisfeita e xa pensa no que podería pasar de chegar ás mans de Wes Anderson algún día. “Está feito con todo o cariño do mundo, é unha homenaxe ao seu cinema e estaría encantada”, sinala. “Mi madriña, se chega ás súas mans!”.   

Para Nuria Wes Anderson é un director que non deixa indiferente

“É un libro de autor. É moi importante porque eu puiden darlle o meu toque a todo. Tiven liberdade absoluta”, explica, pois ela entregou o libro maquetado á editorial. “Iso si, ás veces precisaba que alguén desde fóra o mirara porque cando estou absorta nun traballo cústame ser obxectiva”

“Eu comprendo que non lle guste a todo o mundo, sei que é un director moi estrano. Curioso. Nas súas películas tes que estar moi atento aos detalles e están construídas de maneira diferente aos filmes convencionais… É cine de autor ao final”, describe.  

A súa cinta de animación preferida de Anderson é Fantastic Mr. Fox

Pero como é para ela? “Para min o cinema de Wes Anderson é cor e é vintage. Ten como unha pátina de antigo, como de imaxes nostálxicas, un pouco naif. Entre a cor e os planos simétricos móvese todo. A simetría está aí en case tódolos planos e el di que nin pensa niso, que é unha necesidade que ten para contar as historias e que cando ten que meter os distintos elementos nun plano xúrdell así. Quero dicir que el non ten que pensalo para que lle saia esa simetría; o mesmo pasáballe a Kubrick”

Repasou toda a filmografía do cineasta para facer ilustracións como esta de Moonrise Kingdom

Semella que o mundo da ilustración estase a pór en valor, Nuria celebra que haxa cada vez máis ilustración para adultos aínda que sinala que en canto á visibilización e á remuneración as cousas “están terriblemente mal”. “Agardo que agora que parece que está moi de moda iso sirva para que as cousas melloren porque os que estamos traballando sabemos que as cousas non son tan bonitas como parecen desde fóra”, di. 

“Para o público en xeral a ilustración non se ve como ‘unha profesión seria’, como está relacionada co ocio e ten que gustarche para facelo… E a min gústame, evidentemente, pero teño encargos que non me apetece facer e son traballo”, explica. 

Agardo que agora que parece que a ilustración está de moda as cousas melloren para os que traballamos nisto”

Nuria tamén participou nun dos libros que máis pegada deixaron este ano en Galicia, o Pioneiras (Xerais) de Anaír Rodríguez, para o que ilustrou a mulleres galegas que destacaron nos seus ámbitos mais foron esquecidas polo mero feito de ser iso, mulleres. “Eu quedei moi sorprendida coa repercusión que tivo. É un libro que ten que ter todo o mundo”asegura.

Unha entrevista de Ana González Liste