Loading

Non resulta doado elixir o mellor da música en Galicia en 2018, un ano cargado de concertos e festivais. Non é doado deixar fóra os directos de Shellac, Low, Slowdive, James Holden ou Tricky; festivais como o Super Bock Under Fest ou o Atlantic Fest; artistas como Cuchillo de Fuego ou Músculo! Toda selección implica o ingrato labor de exclusión… Esquecede o título do artigo: sentímonos incapaces de decidir o mellor ou o peor. O que sabemos é o que máis nos gustou aos Inorantes. Queredes sabelo? Seguide lendo, pois.

 

MELLOR ARTISTA MUSICAL 2018

1. Xabier Díaz. O mellor artista musical do ano en Galicia é, para nós, Xabier Díaz. O gran renovador do trad no país acadou en 2018 a súa maior cota de brillantez grazas á Noró, o segundo LP xunto ás Adufeiras de Salitre. Un álbum excelente de principio a fin, que complementou cunha incansable xira. 2018 foi redondo para Xabier. Só unha péga para el: deixou o listón moi difícil de superar.  

Xabier Díaz

2. Baiuca. Non é o primeiro en combinar tradi con música de vangarda. Antes houbo proxectos como Os Grú, Anda-Lhà Lus e Spiritu (986). Pero Baiuca foi quen obtivo mellores resultados desa mestura. O estudo dos ritmos, percusións e voces do folclore galego explican a clave do seu éxito.

3. Agoraphobia. O salto adiante da banda de Boiro coa publicación de Incoming Noise foi enorme. Os directos de 2018 confirmaron a promesa do LP: Agoraphobia foi a mellor banda de garage, stonerriot grrrl do ano. Xa están preparando novo material. Seguirémolas de preto. 

4. Presumido. O dúo vigués de synth-pop composto por Tarci Ávila e Nacho Dafonte bebe das fontes da electrónica pop dos 80 conectándoas coa música máis avanzada do momento. O seu espectáculo de luces e son é un dos mellores que se poden ver en Galicia.

5. Boyanka Kostova. Saibran Yiyi e Chicho (Manuel en Esteban&Manuel) son, con seguridade, o único grupo no mundo que leva o nome dunha haltera búlgara. Son tamén pioneiros do trap galego. E iso que eles non teñen claro se o que fan é trap. Tan inclasificables como divertidos.

 

mellor actuacion en directo 2018

1. Anna Calvi. O gran pecado da crítica é a súa paixón pola hipérbole. Talvez os referentes que se empregan ao falar de Anna Calvi (Nick Cave, PJ Harvey, Patti Smith…) son un tanto esaxerados, pero na Capitol deu conta de que o seu directo está a altura dos grandes da música actual. Voz e guitarra elevándose por riba do público no que para nós foi a mellor actuación en vivo en Galicia en 2018. 

 

2. Rubén Blades. As festas do Apóstolo trouxeron este ano un luxo á Praza da Quintana, e non, non foi a omnipresente Rosalía. Referímonos á xira de despedida de Rubén Blades, probablemente o músico de salsa máis importante da historia. O poeta panameño amosou o porqué en Santiago. 

3. María Arnal i Marcel Bagés. Do feixe de visitas que María Arnal i Marcel Bagés fixeron este ano a Galicia para presentar 45 cerebros y 1 corazón quedámonos co concerto que ofreceron no Castelo de San Antón no Festival Noroeste da Coruña. Poucas veces a fermosa voz de María soou máis fermosa. 

4. Benjamin Clementine. O músico londinense chegaba ao Super Bock Under Fest de Vigo coa vitola de cabeza de cartel do festival (con permiso de Slowdive) e abofé que o demostrou. O Auditorio Mar de Vigo vibrou do minuto un ao cen. O piano, a voz e o tupé de Clementine quedarán na memoria musical da cidade.   

5. Sangre de Muérdago. Pablo Ursusson e os seus son unha rara avis. No Patio da Tola, en metade do Courel esta banda de dark folk atopou a súa esencia: o bosque. Impagable a mestura de harpa, frauta traveseira, niyckelharpa, zanfona e os versos de Celso Emilio na boca dun galego ex cantante de crust, un alemán e unha americana.

 

mellor festival 2018

1. Festival Noroeste. Nin sequera a chuvia foi quen de augar o mellor festival do ano en Galicia. O Noroeste non só reuníu un cartel excelente (Belle and Sebastian, James Holden, María Arnal, Rocío Márquez, Neneh Cherry…), tamén acadou como ningún outro o equilibrio entre mainstream e underground, ocupar toda a cidade, a aposta por artistas galegos… Se os organizadores puideran controlar a chuvia da Coruña, sería perfecto.  

 

2. WOS Festival. O WOS Festival volveu demostrar que é o mellor festival de música de vangarda do noso país. A edición de 2018 atópase entre as máis brillantes. A electrónica con actitude punk de The Bug Ft. Miss Red ou o hip hop actualizado de Oddisee conquistaron ao público de Santiago. 

3. Sinsal. É unha das citas musicais por excelencia do país. A contorna que o acolle, a Illa de San Simón, non pode ser máis fermosa. O cartel secreto do festival é un dos nosos misterios favoritos. Este ano vibramos alí con Cosmo Sheldrake, Nakhane, Mordem ou Esteban&Manuel.

4. Esmorga Fest. O primeiro dos grandes festivais galegos no calendario tamén é un dos máis divertidos. A sala Litmar de Sarria ten ese toque kitsch que fai especial calquera festival. Was, Nudozurdo, Cala Vento, Jardín de la Croix, Mujeres ou La Plata puxeron a música.

5. Melona Fest. Máis de vinte concertos repartidos por sete espazos de Santiago durante catro días. Os rapaces da Melona pisan forte a berros de autoxestión. Na súa terceira edición destacou a xornada do sábado con Esplendor Geométrico, Emilio José e Os Indígenas ou Cuchillo de Fuego.