Loading
MELLOR DO ANO CINE E TEATRO

Foi o 2018 un bo ano para o cinema galego. Foi o ano de Dhogs, mais tamén de Matria ou Trinta Lumes. A alta calidade dos proxectos cinematrográficos asinados no país obrigounos a deixar fóra filmes tan interesantes como Nove de novembro, a primeira cinta LGTB de Galicia. O teatro, en cambio, brillou menos, especialmente no segundo semestre. Caracterizámonos por inorantes e por optimistas, e cremos firmemente que iso nos prepara para un 2019 excepcional sobre as nosas táboas. 

 

mellor filme 2018

1. Dhogs. Sabémolo: o ano de produción de Dhogs foi 2017, mais a historia do cinema galego lembrará o 2018 como o ano de Dhogs e a Dhogs como o filme galego de 2018. Unha proposta atípica no noso cine, uns actores, Iván Marcos, Melania Cruz, Morris…, en estado de graza, un final sorprendente. Que serán quen de facer Andrés Goteira e Suso López cando manexen o presuposto que o seu talento merece? 

 

2. Matria. No mes de febreiro Álvaro Gago acadou un fito para o audiovisual galego: gañou o premio do xurado no festival de Sundance con Matria. Recentemente foi nomeado aos Goya con esta curta sobre Ramona, intepretada con brillantez pola amateur Francisca Iglesias, que cuestiona o mito do matriarcado en Galicia.

3. Trinta Lumes. A primeira longametraxe de ficción da redondelá Diana Toucedo, a medio camiño entre o documental e a ficción, é unha marabilla contida en 80 minutos. Toucedo gravou 100 horas de material no Courel para narrarnos este conto máxico que foi moi ben acollida na Berlinale.

4. Hamada. Só transcorreu un mes dende a súa estrea no IFDA de Amsterdam. Despois pasou por Cineuropa e o Novos Cinemas. Suficiente para decatarnos de que este documental de Eloy Domínguez Serén, que conta a historia duns mozos refuxiados no Sáhara, é unha das grandes novas cinematográficas galegas do ano.

5. Desenterrando Sad Hill. Triunfou en Sitges e colouse por sorpresa nas nominacións aos Goya. Este documental do vigués Guillermo de Oliveira trae a primeiro plano a recuperación do cemiterio de Burgos no que se rodou O bo, o feo e o malo. Exercicio de nostalxia cinéfila con cameo de Clint Eastwood incluído.

 

MELLOR PRODUCIÓN TEATRAL 2018

1. Garage. Voadora é sinónimo de teatro galego de vangarda. Afeitos estamos ás súas producións imaxinativas e transgresoras. Con Garage volvérono conseguir. Empregando como actrices a traballadoras da fábrica de Citroën en Vigo, cunha anovadora linguaxe escénica, déixáronnos esta denuncia do machismo no mundo do motor e conseguiron ser portada de El País. Unha queixa: moi poucas funcións en Galicia.  

 

2. Divinas Palabras Revolution. Outra aposta arriscada e pouco compracente: a adaptación de Valle Inclán por parte do Centro Dramático Galego e Chévere. Xesús Ron dirixe este Divinas Palabras convertido nun Gran Hermano. Duro e desagradable por momentos. Mais non é así o mundo tamén?

3. A Leituga. Esta produción de Eme2 conta con dous piares que sobresaen por riba do resto: o texto xa clásico do venezolano César Sierra, de 1989, adaptado para a ocasión por Xosé Barato; e un elenco por riba da media: Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Federico Pérez e o propio Barato.

4. Commedia. Cándido Pazó decidiu revisitar o seu maior éxito teatral, esta adaptación de Goldoni que estreara orixinalmente na MIT de 1993. Vintecinco anos despois Ribadavia repetiu como escenario deste retorno, que contou, na medida do posible, co mesmo elenco. É difícil repetir os acertos. Pazó conseguiuno.   

5. Casa O’ Rei. A aposta de Ibuprofeno Teatro para 2018 foi esta peculiar adaptación do Rei Lear shakespeariano levada a un mesón de comidas típicamente galego. Terceira parte desa triloxía gastronómica que compoñen tamén O Furancho e Raclette. Boa proposta, pero sóbranlle uns 30 minutiños.