Loading

En Vilarxubín, na Pontenova (Lugo), amuletos que colgan das portas das casas protexen á decena de veciños que habitan a aldea. Son cornos, patas de cabra e demáis fetiches que enfeitan un pobo que semella “inalterado no tempo”, en palabras de Xaime Miranda.

A localización da curta será en Vilarxubín, na Pontenova

Miranda é quen está detrás de O neno e a sombra, a curtametraxe de folk horror que se comezará a rodar a finais de febreiro do ano que vén. Con Miguel de Lira, Manuel Lourenzo, María Roja e Diego Anido entre os actores e música de Nuno Pico e Jevi, o cantante de Oh Ayatollah! e a alma mater de Malandrómeda, o proxecto resulta máis que atractivo.

Xusto cando lanza o crowdfunding para obter algo de financiación, falamos co director, un mariñán do 87 que estudou Comunicación Audiovisual en Santiago e que, tras un máster en Barcelona e o seu paso pola faceta corporativa en Alcoa en San Cibrao, busca adicarse ao cine ao cen por cen. Os videoclips que realizou para bandas como Mequetrefe, The Brosas, Agoraphobia e tamén Oh Ayatollah foron “un vehículo” para tratar de chegar á meta, confesa.

Por que folk horror? Xaime Miranda recoñécese seguidor do cine de xénero e pensa que o folk horror, “terror ambientado na tradición mitolóxica propia”, é moi acaído para o panorama galego. “É un xénero que se está a usar bastante a raíz dunha serie de películas británicas que recuperan temas que estiveron de moda nos anos 70”, comenta.

Rodaxe do teaser de O neno e a sombra

Con base “no paganismo e nas lendas”, ambientado no rural e lonxe doutras aproximacións máis “intelectuais, antropolóxicas ou poéticas”, este xénero parécelle “un terreo pouco explorado en Galicia”, se ben cita exemplos recentes como o de Mouras, de Olga Osorio; e A nena azul, de Sandra Sánchez.

O folk horror é un terreo pouco explorado en Galicia”.

É, admite, un “bo momento” para explotar este enfoque, que non dubida en vincular co cine “máis comercial”, tendo en conta que vivimos nun mundo con “plataformas como Netflix que dan espazo para cinematografías non tan típicas, de distintos lugares, e que retratan algo que pode verse como universal aínda falando de cousas moi concretas”.

Miguel de Lira será un dos actores da curta.

E de que vai O neno e a sombra? Este drama psicolóxico, que transcorre no rural galego dos anos 80, conta a historia dun “pai desesperado ante os problemas de saúde do seu fillo” que acode xunto unha meiga “en busca dun remedio”. “Coa guía da meiga, Manuel cruza a fronteira do real e inicia unha arriscada viaxe a fonduras descoñecidas, onde se terá que enfrontar á fonte dos males do seu fillo”, prosegue a sinópse.

Aínda non sabemos moi ben como conseguimos o reparto”.

“Aínda non sabemos moi ben como o conseguimos”, admite Miranda sobre o reparto, que terá outros nomes aínda por pechar. Explica que foi todo “a raíz de Miguel de Lira”. A idea inicial da curta era algo “moi pequeno” que ían facer “así case sen medios”, cunha cámara máis rudimentaria. “Pero por amigos en común con Miguel de Lira, vimos que andaba por aquí, pola súa conexión con Burela, preguntámoslle e dixo que si”, expón. 

O director e Miguel de Lira, durante outro momento da rodaxe do teaser.

Entón, á equipa empezoulle a “dar mágoa gravar cunha cámara calquera”. “Foi cando decidimos darlle outra categoría ao proxecto”, destaca o director. “Daba máis seguridade ter a Miguel de Lira”, resume.

Entre eses amigos en común, Nuno Pico foi alguén ao que Miranda coñeceu porque é veciño e “ao moverse nos mesmos círculos”. “Cando comezou con Oh Ayatollah! eu empezaba a facer os videos e xa lles dixen que si querían”, sinala.

A continuación veu Manuel Lourenzo, co que deron porque é do Valadouro, onde “tamén valoramos rodar”. Dáse a circunstancia de que Lourenzo escribiu un libro que recopila contos e lendas da zona. “Parecíanos moi acaído”, resalta Xaime Miranda. “Foron dúas coincidencias”, conclúe. Mentres, con María Roja xa traballara nun clip de Agoraphobia e a Diego Anido escollérono, entre outras cousas, porque “ten un físico que nos interesaba” para o papel que interpretará.

Outro dos lugares da rodaxe será a Fraga Vella.

Haberá música pop nunha curta de terror? “Para nada”, responde o director de O neno e a sombra. El e Nuno levaban “tempo falando” de sacar adiante algún proxecto conxunto, con “outros estilos que lle gustan como a electrónica”. “Unha música con sintetizadores, ao estilo das pelis de John Carpenter”. 

E “ao ir evolucionando a cousa” falaron con Jevi, estreito colaborador dos Oh Ayatollah! “Entre todos decidimos que a nivel formal, de estrutura e códigos, a música sería de sintetizadores pero cos instrumentos tradicionais galegos, para darlle ambientillo”, chama a atención Miranda. Así, en O neno e a sombra soará a zanfona, a trompa galega… Iso sí, “manipulados, secuenciados… moi traballados”.

Como “ambicioso” obxectivo, márcanse chegar aos 6.000 euros co crowdfunding, xa que “ao final quedas coa metade”, aproximadamente. E logo xa verán de conseguir algunha subvención institucional, máis orientada á posprodución e á distribución.

Non en van, o reto, tamén co listón alto, é que a curta “teña recorrido fóra” e chegue a festivais especializados como Sitges, “por exemplo”. A rodaxe está prevista para catro días do final de febreiro ou do comezo de marzo e logo “haberá que mirar datas e compatibilidades”. Agardamos ansiosos.