Loading
MELLOR EXPOSICION E LIBRO 2018

Temos claro o peor do ano en arte en Galicia: a desaparición do MAC na Coruña, a deriva do MARCO en Vigo e a desidida dalgúns museos públicos como o de Belas Artes coruñés. Máis difícil é elixir entre as mellores exposicións, houbo unha boa chea delas, con especial brillantez para as de fotográficas. Deixamos fóra mostras excelentes como Vida, de Gervasio Sánchez; ou A arte no comic. Nos libros, mención especial para Agustín Fernández Mallo e predominio das mulleres nas nosas letras, coma vén sendo habitual.

 

Mellor exposición 2018

1. Pestana, a verdade entre as mans. O Museo de Galicia recuperou este ano a obra dun dos mellores retratistas do século XX, o lugués Baldomero Pestana (Castroverde, 1917-2015). Por diante da súa cámara pasaron xenios como Man Ray, Vargas Llosa ou García Márquez, convertendo a Pestana no xenio que retrata os xenios. Todas esas imaxes puideron verse no Gaiás na que para nós foi a mellor exposición do ano en Galicia. 

Baldomero Pestana

 

2. This Is Not An Exit. O austriaco Markus Muntean e a israelí Adi Rosenblum protagonizaron a última gran exposición do MAC na Coruña antes da súa desaparición. This Is Not an Exit é un personal estudo da figura humana en clave realista no que destaca a expresividade dos corpos e a forza dos rostros. 

3. Galicia Universal. A máis ambiciosa das mostras de arte que se exhibiron no país en 2018 foi, sen dúbida, Galicia Universal. O Museo de Galicia acolleu os fondos máis importantes das coleccións de Abanca e Afundación. 194 obras de Castelao, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Souto, Seoane, Mallo, Lugrís, etc.

4. Graciela Iturbide. Aínda aberta ao público na Fundación Barrié da Coruña (ata o 27 de xaneiro) esta retrospectiva exhibe 186 imaxes obra da fotógrafa mexicana Graciela Iturbide.  Como se fose un realismo máxico fotográfico, as series de Iturbide mesturan a sensación do documental co onirismo.

5. Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976. Primeiro no Auditorio de Galicia e agora (ata o 13 de xaneiro) no Kiosco Alfonso, esta exposición recupera a fermosa crónica fotográfica das sete campañas que o Francesc Català-Roca realizou en Galicia entre 1956 e 1976. O catalán retrata a irrupción do turismo fuxindo do estereotipo.

 

1. Trilogía de la Guerra. Agustín Fernández Mallo asinou o que, para nós, é a mellor obra literaria dun autor galego en 2018. O escritor coruñés acada nesta novela un produto a medio camiño entre a autoficción e o posmodernismo dos DeLillo, Pynchon ou Foster Wallace. O libro está cheo de inventiva, malia que é certo que vai de máis a menos. Mais a primeira parte desta particular triloxía é simplemente soberbia. 

 

2. Bonus Track. A poeta Rosalía Fernández Rial debutou este ano na narrativa con Bonus Track, unha colección de relatos curtos que ten como leitmotiv as letras de cancións. A obra demóstranos que a prosa de Fernández Rial é tan excelente como a súa narrativa. Agardamos con ganas un debut na novela.   

3. Elefante. Outro libro de relatos para o terceiro posto desta lista: Elefante, de Manuel Darriba. En particular, o que dá título ao libro é practicamente unha novela curta. Mesturando prosa, poesía e ensaio, o autor constrúe un discurso cun evidente fondo de crítica social e política.

4. Noites de Safari. Co heterónimo de Marleen MaLone, a viguesa Iolanda Zúñiga aborda esta historia de empoderamento sexual feminino utilizando un realismo suxo e provocador. A literatura galega precisa moitas máis novelas así, que nos demostren que as nosas letras tamén chegaron ao século XXI.   

5. Pantallas. As pantallas-espello de Celia Parra compoñen o seu segundo poemario en solitario. Uns poemas que van máis aló das páxinas para crear imaxes e reflexos na cabeza do lector. Non en balde, a autora está especializada en videopoesía e impulsou o documental Versogramas