Loading
Lucía Aldao

Primeiro poemario de Lucía Aldao

Un poemario moi agardado nas letras galegas. E á vez moito máis que un conxunto de poemas. Un poemario que leva anos crecendo na oralidade e enriquecéndose das vivencias da súa autora, Lucía Aldao (A Coruña, 1982), que conversa con nós sobre o seu primeiro libro, Todo isto antes era noite, que ve a luz despois de máis de quince anos vivindo da poesía.   

Había unha necesidade de pasar páxina, de meterme xa noutra historia. Cando miro cara atrás… é que levo dende os 15 anos recitando e, ademais, é o meu traballo. Levo case catorce anos con María facendo espectáculos de Aldaolado… Os cambios gústanme e creo que son necesarios, os medos son outros. Como non teño nada en contra do libro, simplemente era unha cousa que non fixera até o de agora, pois vin claro que tiña que publicar”, explica. 

Había unha necesidade de pasar páxina, de meterme noutra historia”

Lucía Aldao leva traballando profesionalmente na poesía escénica desde o 2005 coa tamén poeta María Lado, xuntas son Aldaolado.  Con este libro fai permanentes eses versos que levan con ela desde hai case dez anos, e que protagonizaron algúns dos seus espectáculos neste tempo.

“A permanencia tivérona sempre. Son unha escritora pouco produtiva, mastigo moito o poema antes de escribilo, e cando o escribo o normal é que sexa xa unha versión definitiva. Polo que vexo ao falar con outras compañeiras e compañeiros poetas non é o proceso creativo máis común. A xente tende a refacer moitas veces ata chegar a unha versión final. Eu non. De feito, tamén é unha das razóns polas que os poemas teñen un ton tan oral e certa frescura por momentos”, conta a poeta.   

 

Por isto, a poeta asegura que non lle deu medo publicar. Xa tiña as versións definitivas dos seus poemas. O que pasaba era que até o de agora non tivera un interese real en publicalos. “Non me impoñía o feito de velos por escrito e non ter a opción de cambialos. Eu o poema sempre o escribo, e ás veces fágolle modificacións para recitar, pero sempre os escribo. O que pasa é que non escribía para publicar”, sinala.  

“Levaba tres ou catro anos enviando o libro a premios. Como tamén son das poucas persoas que viven directamente da poesía aquí en Galicia, atraíame a idea de gañar un premio para que eses cartos servisen para patrocinar esa produción literaria que ninguén patrocina. Porque claro, eu vexo que me levanto tódolos días ás sete ou oito da mañá e escribo e fago mil historias non remuneradas… Atraíame a idea de ter ese amparo económico para seguir creando”, reflexiona.  

Agora teño a sensación de débeda saldada comigo mesma e coa poesía”

Finalmente acudiu a unha editorial, Apiario, fundada polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, e alí atopou o seu sitio para publicar. “Agora teño a sensación de débeda saldada comigo mesma e coa poesía”, afirma. “Tiña claro que me gustaría publicar con Apiario porque dábame moito medo que se confiase demasiado en min, que se aceptase de primeiras o que eu entregase. Era un libro un pouco esperado entre a xente que é lectora de poesía en Galicia, e tiña medo porque nunca fixera un libro. Por iso a familiaridade coa que se traballa con Apiario axudábame nese proceso. Necesitaba que se confiase en min pero tamén que se desconfiase”, engade.  

O primeiro poemario de Aldao, editado por Apiario.

Pero, como enfoca ese ‘pasar páxina’? Con medo e con curiosidade. Si que me gustaría comezar a escribir doutro xeito. Cando pasas páxina se supón que comeza algo novo. Teño moi pouco escrito posterior aos últimos poemas que aparecen no libro (os máis antigos teñen nove ou dez anos e os máis recentes farán agora un ano e pico). Agora ábrese un período como de exploración até atopar unha voz que me deixe contenta, como a que tiña antes. A min gústanme eses poemas, téñolles moito respecto e moito agarimo, pero quero escribir outras cousas”, di. 

O espírito é o mesmo que teñen os espectáculos de Aldaolado, que son como unha pílula concentrada de vida”

“No libro non se pecha nada, soamente se pecha no título. Todo isto antes era noite é o que dá unha idea de que agora comeza algo novo. A ver por onde me levan os camiños da poesía”, conta Lucía. O espírito é o mesmo que teñen os espectáculos de Aldaolado, que son así como unha pílula concentrada de vida. Hai humor e moita ironía. Hai celebración e tamén dor, padecemento, pero como na vida de calquera”, apunta.  

Lucía Aldao leva quince anos vivindo da poesía con Aldaolado, onde comparte espazo con María Lado.

Percíbense a través das páxinas deste poemario momentos dunha dor que racha por dentro, compensados con esas doses de humor que equilibran o relato. “Dar unha de cal e unha de area é a fórmula máis efectiva para dicir o que realmente quero dicir. Como as cousas boas sempre van acompañadas das malas ese é o xeito máis honesto que encontro para expresarme no poético e, tamén, no meu discurso non literario. Tirar da profundidade e da banalidade son fórmulas que me permiten expresarme como quero”, salienta

A vida quere unha resposta. A ambición do futuro queda resumida neste verso do último poema do libro, que funciona como peche de todas as imaxes que contén. Intensidade, intimidade e un rasgamento interno son tres piares deste poemario. Os poemas non foron escritos buscando a unidade dun libro, mais teñen esa unidade que lle dá a propia autora. “Non escribín un poema un día sobre un partido de fútbol e outro día un poema de estilo paisaxístico, eu escribo sobre o que escribo. Pero nun libro precisaba unha unidade máis evidente, para o que contei coa axuda das editoras”, lembra. 

Tirar da profundidade e da banalidade son fórmulas que me permiten expresarme como quero”

A noite é ese elemento, esa idea, que vertebra Todo isto antes era noite. Unha metáfora que decidiu empregar despois de comentar os poemas coa súa amiga, e tamén poeta, Yolanda Castaño. E desas conversas tamén saíu a idea de facer un percorrido nocturno polas rúas da Coruña a través dos títulos.  

A poeta, oriunda do barrio coruñés dos Mallos, está a gravar un disco en Berlín que verá a luz neste ano.

Lucía Aldao converteuse en autora publicada nun ano no que “É un luxo ter como compañeiros de publicación neste ano a Xabier Cordal, Gonzalo Hermo, Miriam Reyes…”, destaca a coruñesa, que fala de que estamos a vivir un “momento importante” na poesía galega. E ela sábeo ben, que vive disto e non para de traballar. 

“2018 foi un ano de moitísimo traballo, tivemos noventa funcións de Aldaolado. Pero eu teño claro que estamos nun momento de dalo todo. Estamos nunha franxa de idade na que non podemos permitirnos descansar moito. A evolución de Aldaolado é moi lentiña pero é boa. Estamos onde queremos estar, nos espazos pequenos e nos bares, e queremos seguir estando aí”, afirma.

Aldaolado xa están a preparar un novo espectáculo e, á vez, cada unha ten proxectos persoais como o disco que está a gravar en Berlín Lucía Aldao. “Ten toda a pinta de que o 2019 vai ser un ano bonito e duro”, vaticina. 

Unha entrevista de Ana González Liste