Loading

Antes de rodar Desenterrando Sad Hill, o vigués Guillermo de Oliveira xa visitara unha morea de localizacións de filmes de culto. O acantilado de Thelma & Louise en Utah, o restaurante en Los Angeles no que Robert de Niro e Al Pacino compartiron a súa primeira escena en Heat e as escaleiras de Rocky en Philadelphia son só algúns exemplos. E tamén antes de dar coa historia do documental agora nominado aos Goya, este cineasta con alma de fan xa construíra un cemiterio. Premonición?

O cemiterio onde se rodou O bo, o feo e o malo, nun val de Burgos, na actualidade

O camposanto fíxoo para unha das súas curtametraxes baseadas en videoxogos, Seth’s Gold. Algo despois, enterouse, por un amigo que o escoitou na radio, de que un grupo de veciños creara unha asociación para recuperar o cemiterio no que Sergio Leone grabara O bo, o feo e o malo. En Burgos. E alá foi a indagar no conto.

“Parecíame unha historia bonita e poética e fun aló coa idea de facer unha pequena reportaxe”, recorda De Oliveira, en conversa con Inorantes. Daquela, en setembro de 2015, a Asociación Cultural Sad Hill “estaba solicitando os permisos” para traballar no val e na primeira convocatoria “fun con eles”, rememora. “Fun con eles e vin que alí había algo máis grande”, destaca.

Cando fun ao cemiterio vin que alí había algo máis grande”.

Entre os participantes nunha tarefa de primeiras tan pouco atractiva (retirar a vexetación que crecera dende 1966 para chegar ata a pedra e despois cavar as tumbas) “había xente que por entón (en 1966) non nacera”, o que quere dicir, segundo resalta o director, que “a semente da peli xa pasou á seguinte xeneración”.

Unha muller limpando o empedrado durante as tarefas para recuperar o cemiterio

Despois, sobre o terreo, decatouse de que “a nova se estendeu como a pólvora” e, xa que logo, a xente acudía ao val de Mirandilla xa non só de Burgos, senón dende “outras provincias, outras comunidades e outros países”. “Apadrina unha tumba (a campaña que lanzaron por entón) era como ‘faite socio”, explica.

O bo, o feo e o malo é un filme que lle gusta “moito” a Guillermo de Oliveira, pero non é “fan acérrimo” e de feito non é a súa preferida de Leone (a súa predilecta é Ata que chegou a súa hora). “Non é unha película pola que iría cavar alí. Iría cavar polo fenómeno que se xenerou, polas connotacións socioculturais e polo feito fermoso de desenterrar un escenario de cine”, explica. 

Iría cavar alí polo feito fermoso de desenterrar un escenario de cine”.

O que quixo retratar o vigués en Desenterrando Sad Hill, o filme que competirá por levar en febreiro o Goya a mellor documental, foi precisamente iso, “o fenómeno de fans”, que “fala de valores universais”.

Sen produtora detrás, o contacto coas distintas personaxes que falan na cinta realizouse “como o faría calquera”. “Miramos en Google, buscamos a información de contacto e así fumos facendo. Dás con paredes, topas con barreiras e ao final dás con unha persoa que é a que te di que non”, chancea o autor. “Imaxina chamar a Warner Bros dicindo que queres falar con Clint Eastwood”, engade.

Clint Eastwood, nun momento da súa entrevista para o documental

A comparativa serve para comprender a magnitude do reto: “Mentres nós fixemos o documental, el (Clint Eastwood) rodou tres películas”, expón Guillermo de Oliveira. Conseguir o si do creador da mítica banda sonora, Ennio Morricone, levou seis meses e a entrevista con Clint, a única que non puido ser presencial, outros nove. A chave: tesón ata que din “non teño forma de quitarme de enriba a estes españois”.

Nalgún momento Tarantino verá o documental e dirá: Como non me chamaron?!

Máis difícil aínda foi con Quentin Tarantino. “Xamais a conseguimos”, comenta o director galego con resignación. “E iso que sempre di que O bo, o feo e o malo é a súa peli preferida e el é un dos grandes reivindicadores do filme”, advirte. Con Tarantino, alguén “moi illado do mundo”, a equipa de Desenterrando Sad Hill intentouno “todo”. “Fumos ata o seu cine en Los Angeles, tamén ata unha das súas casas… Pero nada. Nalgún momento verá o documental en Netflix e dirá: ‘Como non me chamaron?!”, ironiza.

 

Agora, De Oliveira descarta que o autor de Pulp Fiction contacte coa equipa, mais o que non ve moi “tolo” é que Eastwood, ao que se ve emocionado durante a entrevista, “volva a España para visitar o cemiterio”. Dende aquela rodaxe, segundo chama atención, non volveu á Península. Pola súa banda, a Asociación xa lle cursou unha invitación.

Non vexo moi tolo que Clint Eastwood volva a España para visitar Sad Hill”.

A peregrinaxe ao val onde Sergio Leone ubicou unha das escenas máis memorables da historia do cine ten un trasfondo “case relixioso”, como reflexiona o director do documental. “Hai case un fervor relixioso”, remarca. Ao respecto, descoñece si responde a unha crise das relixións ou é “un pouco consecuencia do paganismo da segunda parte do século XX”. “Quizáis haxa algo diso”, apunta, traendo a colación unha das frases que se pode escoitar na cinta: “A relixión é algo un pouco complicado e o cine permite obter algo a cambio con menos esforzo”.

En calquera caso, puntualiza que a resposta de cadaquén para ir ata Burgos é unha, de aí a visión “coral” que da o filme, “algo que non podes verbalizar”.

Leone no cemiterio de Sad Hill en xullo en 1966

Tras o paso polos cines e a chegada a Netflix do documental, a afluencia o cemiterio de Sad Hill medrou exponencialmente. “Agora se vas unha fin de semana, aquelo é unha romería de xente”, indica. Por iso, os membros da asociación están “preocupados” pola súa protección e dende hai máis dun ano traballan para que a zona se declare ben de interese cultural (BIC), “para que a administración recolla a testemuña”.

Pola súa banda, Guillermo de Oliveira, que nos próximos meses avanzará no seu novo proxecto, desta vez no campo da ficción, vive estes días “super feliz” ao ter logrado a nominación, que considera “broche de ouro” para o filme nun “ano complicadísimo”, polo nivel do resto de documentais. Non conta con gañar o galardón, pero se o recibe, a ameaza é seria: “Faremoslle unha tumba a Goya”.