Loading

Ata o puto carallo do machismo. Así de contundente se amosa o músico Santi Araújo, antes en La Familia e agora en pleno arranque do seu proxecto en solitario. Neno de aldea, xornalista, fan das tecnoloxías e das guitarras, falador, autocrítico e vegano, entre outras moitas cousas, Araújo vén de publicar Catedral, un EP de cinco cancións que esta semana presenta en Vigo e A Coruña, xunto a Micah P. Hinson.

Santi Araújo vén de publicar Catedral, un EP que está a ter moi boa acollida.

A conversa con Inorantes versa, no ton sempre entusiasta de Santi, en torno ao proceso de creación, sobre como as cancións de Catedral foron a el despois dunha forte crise de parella (“eu non decidín volver á música”, afirma) e acerca de como lle serviron de “terapia” e “espello interior”, para coñecerse mellor. “Se espichase mañá, ter feito estas cancións déixame algo máis satisfeito”, destaca o de Ponteareas. Sen embargo, a entrevista remata por outros lares dun xeito tan inesperado como natural.

“Dáme puto noxo ter que lidar cos machistas e os putos roles”, exclama de súpeto, despois de facer referencia a un cambio de data da xira que agora comeza. O 8 de marzo tiña previsto tocar en Pontevedra, pero “cambiámolo porque é a folga feminista e pedín cambialo”. Así, sen que se lle pida explicacións, explica que é fillo de nai divorciada. “Chuchei o feminismo desde o principio. Sempre souben que unha tía ten todo o poder do mundo para facer o que queira”, chama a atención. 

Dame puto noxo ter que lidar cos machistas”

Como home, síntese “prexudicado” xa que lle resulta “noxenta” a situación. “Non quero ter que ser o que acompaña a casa, nin chamar por teléfono para saber se chegou ben”, subliña. Con todo, cre que “estamos ganando”, pese ao auxe de Vox, e só espera o día no que chegue a igualdade real entre homes e mulleres. “Despois, xa, os animais”, chancea. Xa mencionamos o seu veganismo.

Catedral é un exercicio de “autoexploración” con temas que compuxo en 2017, tras unha crise de parella.

Volvendo ao álbum, Catedral, un exercicio de “autoexploración”, Santi Araújo admite que aló por 2017, cando compuxo os temas, “sabía que había cousas que non estaban nada ben” nel. “E apareceron xusto as cancións”.

Tamén cando escribía en La Familia as letras xurdían en épocas de “catarse” e erixíanse en “taboas salvavidas”. “Falo moito con amigos e teño ido a terapia. Pero ao final o único que me acouga o espírito é facer cancións”, resalta. 

O único que me acouga o espíritu é facer cancións”

Por iso, e de xeito “compulsivo”, que para algo un é prolífico, fixo algo así como dúas cancións por xornada. No fondo estaba esa crise de parella, “bastante xevi, aínda que admite que “ao final todas as crises teñen que ver cun mesmo”. “Están os teus problemas e logo está como os xestionas. E eu son moi masoca”, reflexiona. De aí o “estalido” no que contratempos de “moitos anos” frutificaron nunha infinidade de temas. “Cando vin todo aquelo dixen: agora que fago?” 

E nese momento é no que apareceu Raúl Quílez (o seu nome artístico é Ralph Killhertz), do que Araújo admira a súa “sensibilidade” e “experiencia abrumadora”. “Pensei que me ía dicir que non. E cando me dixo que si volvín a dicirme: que fago agora?”, ironiza. Resultado: foise “deixando levar”, eso si, “sen facer nada para a galería”.

Araújo atópase agora nun equilibrio ao que, confesa, lle custou moito traballo chegar.

Entendendo que haxa quen lle pregunta “por que só cinco cancións”, Araújo responde que “ás veces menos é máis” e que, se ben o EP podía estar composto por “sete ou nove” temas, “ao mellor non era tan redondo”. Ese foi o motivo polo que optou polos que vía conectados por un mesmo “leit motiv”.

Por que só cinco cancións? Ás veces, menos é máis”

“Ao fin”. Ao fin Santi, vitalmente, se atopa nun “equilibrio” ao que lle custou moito traballo chegar, xa que na fuxida das poses, acabou adoptando outra actitude como de apoucado. Gústalle recoñecerse nesta maneira “máis sincera” e na que se ten “máis respecto”, segundo confesa. Pero incide en que foi unha harmonía difícil de acadar. A mesma que agora está “empezando a saborear”. “Ao final, as proxeccións son unha merda”, resume.

 

Neste momento, rexeita “clixés” pero tampouco se agocha. “Onte veu miña nai e díxenme: vou quitar as letras que teño pegadas pola parede, que vergoña! E despois pensei, pois non, por que as vou quitar? Que as vexa!”, relata desde a súa gorida na aldea.

Ao final, as proxeccións son unha merda”

Nesa nova forma de afrontar a vida, prefire “non proxectar” a boa acollida que está a ter Catedral. “Fai uns meses, sendo como son un pavo de Ponteareas, non pensei que ían pasar as cousas que están a pasar. Que ía a facer a produción máis sofisticada que fixen. Espero seguir facendo e gozando. Non me importa tanto vivir disto como estar a gusto e tocar onde me sinta ben”, expón.

Ten xa “medio apalabrado” o seguinte disco pero descoñece o que sairá del. Ten “moitas cancións antigas” e as que xa está a compoñer nestes días, algunhas “moi rockeiras”, outras “de bossa”“Agora vou cara outra parte, algo de raíz, psicodelia… Non quero parar, e ver cara onde me leva”, sinala. Para un adolescente que só tiña oídos para Oasis, os Beatles e o britpop, resulta abraiante sorprenderse escoitando a xente como Juan Luís Guerra e Caetano Veloso, e mesmo música etíope, pero tamén Kendrick Lamar, Drake, Drexler ou Metallica. “Tampouco critico o meu eu adolescente. Pero estou a escoitar moita música e agora atrévome con cousas que hai  uns anos diría: Santi non fai esto”, indica. Fala de narcocorridos e de boleros e valora esa “liberdade de exploración” que experimenta nesta nova etapa. 

Medio apalabrado xa o novo disco, o de Ponteareas non se impón prazos, pero espera gravar este ano.

Neste escenario, a tarefa despois será saber “acotar, dar forma”. O prazo, asegura, márcao el, aínda que lle gustaría que fora “este ano” cando lanzase o novo disco. “Gravar este ano e quizáis para principios de 2020”, pensa. Polo de agora, Catedral ten percorrido por diante e non ten “ningunha gana de queimalo”

Contento de que esté “callando” a “honestidade” como actitude, dálle pudor afirmar que o seu éxito se poida deber a iso. “De cando en vez penso: non estarán cansados das miñas movidas? Non están cansados das movidas de Santi? Será que todos estamos feitos do mesmo e eu o que fago o fago movido pola emoción”, remarca. “Ao mellor nesa busca é onde a xente me atopa”, conclúe.