Loading

O sábado, 2 de febreiro, entréganse uns Premios Goya con moita representación do cinema galego. Estes premios aínda seguen a esquecerse de moitas propostas, pero non deixan de ser representativos dalgún xeito do cine que se está a facer a nivel estatal. Por iso é importante que haxa galegos, porque aquí hai xa tempo que temos unha industria audiovisual con profesionais que se merecen tanto a visibilidade como o recoñecemento ao seu traballo. 

 

E comezamos o repaso aos galegos nos Goya coas seis nominacións para A sombra da lei, a película de Dani de la Torre (co que conversamos en Inorantes). O director de Monforte contounos que o filme “fala do sufraxio feminino, dos dereitos laborais, de como as decisións de algúns homes cambian as nosas vidas, e de que detrás de cada ideoloxía hai intereses”.

A sombra da lei está nominada nas categorías de mellor música orixinal, mellor dirección de fotografía, en dirección artística e tamén en deseño de vestuario, maquillaxe e peluquería e mellores efectos especiais. Con sorte, falaráse moito desta película na entrega dos Goya, que nesta ocasión vai celebrarse en Sevilla.

 

El Reino, de Rodrigo Sorogoyen, podería ser a cinta que lle dea un Goya ao noso Luís Zahera. Nominado como mellor actor de reparto, o actor galego dálle a réplica a Antonio de la Torre (que compite polo cabezón a mellor actor) nesta cinta sobre a política e a corrupción que tanto se asemella á realidade.

Nesta categoría compite co propio Antonio de la Torre (nominado por La noche de 12 años), con Juan Margallo (Campeones) e con Eduard Fernández (Todos lo saben). Este premio serviría para asentar unha carreira como actor xa consolidada nas terras galegas, pero que aínda ten moito por ofertar.

Hai que ver a de ledicia que repartiu Matria desde que Álvaro Gago gañou no festival de Sundance. Gañar o Goya á mellor curtametraxe de ficción sería o broche perfecto para esta obra que conta a historia de Ramona, unha traballadora dunha fábrica de conservas, rodada no Salnés.

A galega Matria vai competir coas curtas 9 pasos, de Marisa Crespo e Moisés Romera; Bailaora, de Rubin Stein; Cerdita, de Carlota Pereda; e El niño que quería volar, de Jorge Muriel.

Na edición número 33 dos Premios Goya tamén temos unha curta galega entre as de animación. O director de Cangas do Morrazo Khris Cembe firma Soy una tumba, un thriller ambientado no contrabando das rías galegas que condensa en 12 minutos a historia dun rapaz que presencia un crime.

Cembe xa sabe o que supón gañar un Goya porque participou como responsable da animación das curtas Birdboy e Decorado do galego Alberto Vázquez, e tamén no filme Psiconautas, los niños olvidados, todos eles premiados cun cabezón

 

En Inorantes falamos con Guillermo de Oliveira, artífice de Desenterrando Sad Hill, nominada ao Goya á mellor película documental. Naquela conversa xa nos contou que ameaza con facerlle unha tumba a Goya no cemiterio de Sad Hill a modo de homenaxe.

“Parecíame unha historia bonita e poética e fun aló coa idea de facer unha pequena reportaxe”, contounos o director vigués sobre os inicios deste documental que agora se pode ver na plataforma Netflix

 

Javier Gutiérrez podería facerse co seu terceiro Goya por este adestrador protagonista de Campeones, o filme de Javier Fesser. O actor nado en Asturias pero que pasou toda a súa infancia en Ferrol, competirá ao galardón de mellor actor con Javier Bardem (Todos lo saben), Antonio de la Torre (El Reino) e José Coronado (Tu hijo).

Campeones suma 18 nominacións e recibiu unha gran acollida nas salas de cine. Conta a historia dun adestrador ao que se lle complican as cousas e remata adestrando a un equipo de baloncesto formado por persoas con discapacidade intelectual que lle darán un cambio á súa vida.

 

Memorias de un hombre en pijama, a adaptación das vivencias do ilustrador e guionista de cómics Paco Roca, ten detrás un equipo con moita presenza galega. Aí están Ángel de la Cruz e Diana López Varela como guionistas e as produtoras Ézaro Films e Lady Bug

Nominada á mellor película de animación, conta con música orixinal de Love of Lesbian e a participación de actores como Raúl Arévalo e a galega María Castro, que lle dan voz á parella protagonista.