Loading

Premio para Man de Camelle

A Carmen Hermo gústalle presentarse como pintora. Non artista ou outro nome máis rechamante: pintora. Man de Camelle, que publicou con Kalandraka, vén de gañar o Premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego, Trátase dunha aproximación tan “directa” ao artista como á forma de actuar de Manfred Gnädinger en vida.

Carmen Hermo, autora do volume Man de Camelle.

Trátase dun libro de debuxos a carbón feito co estilo e gusto exquisitos que caracterizan á editorial. O trazo é “sinxelo”, como a tecnoloxía coa que o alemán esculpiu as rochas en Camelle, fronte ao mar, en plena Costa da Morte, onde chegou nos anos 60, decidido a levar ata o final ao seu xeito de ver as cousas.  

“Empregaba unha tecnoloxía moi básica, pero obtiña uns resultados incribles, destaca Hermo, quen xa se encargou da musealización da súa obra no centro que se inaugurou en Camelle en 2015, un lugar digno de visitar aínda que só sexa polo “distinto” que é a outros museos. 

Man obtiña un resultados incribles cunha tecnoloxía moi básica”

Esta artista residente en Pontevedra fixo un traballo de “arqueoloxía contemporánea”, tratando de “descifrar” moitas das mensaxes de Man, o anacoreta que se deixou morrer pola pena que lle causou a catástrofe do Prestige. A súa imaxe transformouse en símbolo, pero non hai que esquecer que as súas pinturas (moitísimos autorretratos), fotografías, libretas e inxente obra escultórica tiñan e teñen moito máis trasfondo do que o icono nos deixa ver. E é aí onde Carmen Hermo advirte de que aínda “queda moito por facer”.

Unha imaxe do volume de Carmen Hermo.

A súa maneira de amosar ao artista é a través da mirada de moita xente que o coñeceu, veciños de Camariñas na súa maioría. Deste modo, reivindica un achegamento “máis neutral”, sen que interveñan “amizades ou inimizades” e confluíndo nel “olladas de todo tipo”

Intentei emulalo, pórme na súa pel”

Nese “baño” de miradas e tamén co mergullo na súa obra, dunha “cantidade impresionante”, o seu obxectivo foi “intentar universalizalo”. “Intentei emulalo, pórme na súa pel”, chama a atención. Unha pel que mesmo se adaptou as crúas circunstancias nas que o alemán optou por vivir.

Man de Camelle
O verdadeiro Man de Camelle.

Para Hermo, a mensaxe de coherencia e de ecoloxismo de Manfred é hoxe por hoxe máis precisa que nunca. “O planeta estase a revelar. Estámolo a ver todos menos Donald Trump”, incide. Pola súa banda, valora a importancia de “seguir contribuíndo” no respecto polo medio ambiente, esa natureza “impresionante” na que se asentou Man, e co seu “minimalismo creativo” materializado en accións como a reutilización de plásticos. 

Coa vontade de “levar a ollada aos artistas contemporáneos”, a autora de Man de Camelle reivindica o romanticismo como prisma co que observar ao artista. “As historias románticas son das menos edulcoradas. Hai monstruos, naufraxios… Trátase de ver a beleza nesa parte máis dura da vida”, expón. É, segundo ilustra, como quen ve o lixo ou o reflexo do ceo. “Eu vexo o reflexo. Esa é a miña visión do romanticismo”, subliña. 

O libro Man de Camelle está editado por Kalandraka

A portada do Man de Camelle de Kalandraka é “bestial”, como resalta a propia Hermo. “Semella unha lousa de formigón e esa mirada de mar azul atravésaa”, remarca. Non en van, a súa primeira loita foi “contra esa parte da civilización que esnaquiza a natureza”, cando se programou a construcción do espigón en Camelle.

Con anterioridade á protesta no dique, “intentara con cartas convencer aos responsables para que o cambiasen de sitio”. Mais “non tivo éxito”. Despois, “propuxo un espigón artístico”, pero “tampouco”. Unha desas misivas, segundo relata Hermo, “é como unha oda ás pequenas praias entre as rochas que estaban ali, onde se ía facer o espigón. É dunha beleza, dunha meditación, dunha observación da natureza con todo o tempo do mundo!”, exclama. Agora, as cartas e tamén o espigón “quedan aí”, como pegada fronte ao paso do tempo.

A ollada de Man da natureza é dunha beleza, dunha meditación!”

Home “moi solidario” e “comprometido” que colaboraba con multitude de ONG, Man chegou a “profesionalizar” o seu museo, xa que tiña libretiñas nas que facía anotarse os visitantes, aos que pedía un pequeno debuxo, nome, profesión e idade. “Cobraba primeiro 100 pesetas e logo xa 1 euro. No museo hai 2.800 libretiñas, a 80 páxinas por libreta, imaxinade á de xente que foi”, destaca Carmen Hermo. 

 

Ao seu xuízo, o feito de pedir un prezo pola entrada mantén por completo a súa coherencia e ata “lle dá máis”, posto que, se ben o arte “alimenta ao espírito”, o creador tamén ten que dar de comer ao seu corpo. 

O arte alimenta o espírito, pero o corpo tamén ten que comer”

Asegura a pintora que “sempre” estará dalgún xeito vinculada con Man de Camelle e a súa “historia marabillosa”. Polo de agora, falta facer un catálogo do museo, coa finalidade de “dar peso a nivel intelectual” o arte contemporáneo. 

Portada de Man de Camelle.

“Man foi un artista moi auténtico. Viviu conforme ao que pensaba, ao extremo, ata o radical. Se para iso se tiña que desnudar, facíao. Eu quixen implicarme na súa autenticidade contando as cousas dun modo que se entendesen visualmente, cunha linguaxe moi sinxela”, defende Hermo. 

Como di Antón Castro no limiar do libro: “Como artista, Man puido converter a natureza empedrada dos acantilados do mar de Camelle, metonimia da conciencia mítica, etnográfica e antropolóxica de todas as Galicais do mar, escenario da Costa da Morte, en paisaxe”.