Loading

Yo La Tengo regresan a Santiago

  Yo la tengo

  Sala Capitol. Santiago

  Venres, 8 de febreiro. 22:00

  22€ 

Volven Yo La Tengo á sala Capitol. Esta é a cuarta ocasión na que a banda de Hoboken actúa en Compostela, e a quinta en Galicia. Segundo parece, fálase dun directo a finais dos anos oitenta. Se nos fiamos desa historia apócrifa, o desembarco orixinal do trío en terras galegas foi en Laracha, na sala La calle de cristal.

Anecdotario á marxe, moitos recordamos o seu concerto no festival Santirock do ano 2000, que deixou varios momentos para a memoria dalgún Inorante: a coreografía de You can have it all, aquela pancarta sostida por uns sentidos fans e, como non, o apoteósico remate con Blue Line Swinger. Desde aquela, a xente continúa a pedir a canción cando visitan Galicia. De resposta, nin un só acorde. Nada máis que o sorriso cercano dos tres músicos. É que resulta imposible non renderse ante o seu carisma. Como no seu paso no 2010, cando sorprenderon a un dos pipas felicitándolle o cumpreanos no medio do concerto. Non faltou a tarta, acompañada dunha versión de Sunshine of my life para a ocasión. Tamén foi memorable a súa visita no ano 2013, na que rozaron a perfección. Nesa ocasión ofreceron un completo show separado en dúas partes, que, a modo de resumo rápido, podemos diferenciar entre acústico e eléctrico. Destacamos, respectivamente, I’ll be around e Pass the hatchet, I think I goodkind. Sen dúbida, este foi o seu mellor directo en Santiago.

Chegan a Europa logo de rematar o Hanukkah, a súa serie de 8 actuacións nun local de Nova Iorque. Durante ese ciclo de concertos entrelazan os seus temas con versións doutras bandas e artistas. En ocasións, contan coa participación de importantes músicos. Este ano subiron ao escenario, entre outros, Sharon Van Etten, Steve Gunn, Bill Callahan e Steve Wynn, líder de The Dream Syndicate.  Na xira europea, que comeza esta semana en Lisboa, repiten a proposta de dous sets. Están a presentar There’s a riot going on que, para ser xustos, non é o seu mellor traballo. Tratándose de Yo La Tengo, esto non significa que sexa un disco malo. Situalo na súa discografía, implica definilo como o álbum máis lánguido e íntimo de todos cantos teñen publicado. De ton nocturno, moi instrumental e profundamente atmósférico, There’s a riot going on estrutúrase nun torrente de loops e no ruido tenso que asoma na maior parte das melodías. En calquera caso, temas como Shades of blue, Shortwave, For you too ou Esportes dan boa conta de por que son un dos grupos máis versátiles do mundo.

Qué nos agarda este venres na Capitol? Volverán a tocar Blue Line Swinger en Galicia? Tirarán polo noise ou preferirán as brumas jazzísticas do seu último disco? Cantos clásicos van asasinar nesta visita? Os fans xa están contando as horas.

* Na imaxe, o debuxo de Adrian Tomine para o disco Yo la tengo is murdering the classics.

  Infórmate:

  Yo La Tengo vistos por outros músicos, recompilación de Ruta 66

  A banda selecciona as súas cancións favoritas para The Guardian

Reproduce:

Escoita: