Loading
Micah P. Hinson

O mellor Micah P. Hinson está de volta

  Micah P. Hinson

  La Iguana Club. Vigo

  31 de xaneiro de 2019

Seica volveu o mellor Micah P. Hinson co disco When I Shoot At You With Arrows, I Will Shoot To Destroy You. O máis rebelde e o máis maduro á vez. Velo en directo é case hipnótico. E as voces expertas que levan máis de quince concertos do de Tennessee o acreditan.

O concerto que ofreceu en La Iguana foi como un pasaporte ao cosmos no que habita o músico estadounidense. Ao principio podes pensar que é unha pose, segundo van avanzando os minutos decátaste de que é imposible que o sexa.

 

Micah P. estivo ben acompañado por Santi Araújo, que presentou as cancións de Catedral (acerca deste EP conversamos con el recentemente en Inorantes) e mesmo interpretou un novo tema que aínda ten a medias. O de Ponteareas cantou en galego e deixou ao público da Iguana con ganas de máis.

 

Atinou ben o Micah P. cos seus comentarios entre canción e canción. Alí só, no medio do escenario da Iguana entre os dous leóns habituais, explicou que gravou este disco en vinte e catro horas como unha proba de que un grupo de persoas poden chegar a estar “en comunión”, aínda que sexa complexo logralo.

I’m too old for this shit”

“I’m too old for this shit”, espetou con respecto á industria musical e ás novas tendencias que deixan de lado a edición tradicional de discos. Así que tivo que confesar que fixera un disco “como a xente vella”.

Será que a idade e a paternidade (na que influíron as súas pregarias na Catedral de Santiago) lle sentaron ben ao músico, que está cerca de facer corenta anos e xa leva varias experiencias traumáticas na súa vida.

 

Pero esa aura de tristura que o acompañou nos últimos tempos non apareceu en Vigo, máis ben estaba retranqueiro. Místico, incluso. Fixo un repaso aos seus hits como Beneath the Rose ou Diggin a Grave e presentou os novos temas (atención especial merece Small Spaces) do xeito máis íntimo.

Choose vanity over wisdom”

Choose vanity over wisdom é o que di a nova pegatina da guitarra de Micah P., unha sentenza que non deixa lugar ás dúbidas e que acompaña á xa mítica frase This machine kills fascists que o Hinson tomou prestada de Woody Guthrie, que tamén a levaba na súa guitarra.

This machine kills fascists
Detalle da guitarra que usaba Woody Guthrie.

Irreverente e inclasificable, Micah P. foi o único que fumou no seu concerto. Fíxoo como pose artística. Polo menos iso comentou mentres poñía unha gorra na cabeza. Todo moi punki.