Loading

Yo La Tengo: dous sets e partido

  Yo la tengo

  Sala Capitol. Santiago

  8 de febreiro de 2019

O regreso de Yo la tengo a Santiago non puido ser mellor. As cancións do seu último disco, There’s a riot going on, luciron espectaculares. O repertorio incluíu temas históricos que repasaron a variedade estilística que caracteriza ao trío. Dous sets fronte a un auditorio cheo. Partido, outro máis, para os de Hoboken.

Prólogo: condicionados pola actuación do Santirock

A visita de Yo la tengo a Santiago ten, dende hai case dúas décadas, un carácter de acontecemento, de cerimonia. Pero nunca está baseado na sociedade do espectáculo, nin no filtrado previo dos grandes medios de comunicación. O mito, o Códice Calixtino do indie-rock, vén do seu concerto no ano 2000 do Monte do Gozo. Na caña previa ao concerto, un asistente, que non os volveu ver desde aquela, sinala que “está condicionado por esa actuación” chea de momentos icónicos para os fans locais.

Yo la tengo: Santiago, 8 de febreiro de 2019

Igual de fantástico foi o concerto do venres, que apenas amosa paralelismos co seu debú compostelán. Sen embargo, si que recolle o legado do seu espectáculo no ano 2013: un primeiro set máis calmo e, logo dun breve descanso, unha segunda parte máis inmediata e ruidosa. Concerto xeneroso en duración (22 temas), en calidade e nunha escolma que entrelazou os seus clásicos coas composicións do seu novo traballo, There’s a riot going on.

Ira Kaplan, a calma antes da treboada

Precisamente, co tema que abre ese disco comezou o concerto. Pronto nos regalaron un destello de calidade, na magnífica transición musical para enlazar coa seguinte canción. Cando comezou a soar Our way to fall, no exterior, había unha cola que dobraba a esquina da rúa. Os estadounidenses arrancaron con puntualidade británica. Yo la tengo é ese grupo que outros músicos queren ver: entre o público membros de Triángulo de amor bizarro, Mequetrefe, Pantis ou os extintos Das Kapital.

E nun momento onde impera o comentarista impresentable, houbo un profundo respecto polo concerto. Polo menos, desde a posición dun inorante. As citas con Yo la tengo teñen algo de celebración en varios actos, por onde discurre o noise descontrolado, os loops infinitos, a rotación de instrumentos e a complicidade do público.

 

A primeira parte mantivo o ton lánguido do seu último traballo que, sen dúbida, medraba no directo por esa introdución de capas sonoras coa que eran capaces de recrear todo tipo de ambientes: desde o jazz embriagado de Tired Hippo ata o preciso teclado de She may, she might. Porque se algo tivo esa primeira parte foi precisión. Yo la tengo teñen unha abraiante capacidade para introducir matices nas súas cancións en directo. Se hai que empregar un instrumento, por exemplo, a pandeireta, non vai ser porque queda ben na foto.

Eso mellor deixalo para os inefables irmáns Gallagher. No tridente de Hoboken unha leve percusión, un asubío ou un cascabel introdúcense nas súas composicións para apropiarse do vello aforismo “menos é máis”. Nesta primeira parte, impecable en xeral, cómpre destacar dous momentos: I’ll be around, con esa “teoría de cordas” acústica que podería emparentar co folk primitivo e, inmediatamente despois, unha inmersiva Nowhere near. O baixo, os teclados e a voz de Georgia Hubley fixeron flotar aos fans. Ira Kaplan aportou o correcto apunte eléctrico da súa guitarra.

Georgia e James, a achega ao jazz

Kaplan amenazou con que para a segunda metade tiñan previsto tocar os mesmos temas aínda máis lentos. Unha broma, claro. Pero con Yo la tengo todo sería posible. O trío cambia de repertorio con cada actuación, algo que os fai aínda máis grandes. Como poden acadar ese nivel nos seus directos?

O novo set comezou cunha composición lenta, breve e algo aburrida, para saltar, inmediatamente, a un tema onde as voces non chegaron a compenetrarse de todo. Foi resolto na parte final cun increíble crescendo que advertía do potencial do triángulo sónico. Chegou Stockholm Syndrome para confirmar que a maquinaria xa estaba completamente engraxada.

 

E, a continuación, For you too foi a expresión da fidelidade do público coa banda, que amosou tanta entrega nese corte como nos antigos hits que se escoitaron. Nesta sección non todo foi guitarreo enérxico e acoples. Houbo espazo para o baile con un interlúdico Beanbag chair. A canción colaborou tanto na secreción de serotonina como o camelo de Philip Seymour Hoffman.

Shades of blue soou fantástica, máis alta e con máis capas que na súa versión grabada e anticipou outro dos momentos do concerto: Sugarcube puxo a saltar a toda a Capitol. Tema directo, sinxelo e pegadizo polo que non pasa o tempo nada máis que para melloralo. A comunión co público foi total e a interpretación epatante.

Inferno sónico na Capitol

Foi a partir dese momento cando o ruído cobrou protagonismo, subindo un par de chanzos respecto a Sugarcube no seguinte tema, e logrando unha aspereza controlada en Decora. O arrastre final desa canción, para transformarse en Little Honda, foi tan ben resolto como a transición que deu inicio ao evento. Unha demostración increíble da versatilidade da banda, que é capaz de xogar coa mesma axilidade co jazz que co noise.

O tema prolongaríase máis de dez minutos e nada ou pouco tivo que ver coa súa versión do disco. Na súa parte intermedia chegou o descontrol noise. A abstracción pura. A posibilidade de indagar no sonido e despreocuparse da música. Un feito que só se poden permitir artistas coa sabedoría de Yo la tengo, que teñen demostrado a súa competencia con calquera xénero derivado do pop moderno. Estrépito necesario para rematar un evento memorable.

 

Aínda houbo tempo para rubricar outra das súas sinais de identidade. Nos bises tocaron tres versións. Evidentemente, cociñadas co particular estilo dos estadounidenses. Asasinaron tres clásicos e tocou voltar á realidade. Dúas horas de maxia na Capitol.

Epílogo: “se alguén di que o concerto foi unha merda é porque non o viu”

Yo la tengo condensaron a historia do pop moderno en dúas horas de concerto. E o fixeron pasando de modas pasaxeiras (nos noventa miraron de esguello ao drum’n’bass e agora ao trap), porque o seu tren de longa distancia só transporta cadáveres exquisitos. Dos que escribiron a Historia. Incluso a indumentaria atemporal (a camiseta de Ira, a camisa de Georgia, as gafas e o peinado de James), parecen responder a ese discurso.

 

Ademais, deixando a un lado os aspectos técnicos, sempre teñen ao seu favor un elemento emocional e a habilidade de conmover. Provoca fascinación velos saltar de instrumento en instrumento. O mesmo sucede cando suben decibelios e, un minuto despois, fanche sentir a sonoridade leve dun parpadeo.

Tópicos aparte, o concerto foi fantástico. Por que? Porque Yo la tengo fan boa música. É a única afirmación que podemos expresar. Aínda que a vehemencia apoderouse de nós ao remate do evento. Unha frase lapidaria anónima: “se alguén di que o concerto foi unha merda é porque non o viu”. Outro quixo matizar, pero non moito: “se non che gusta o concerto é porque non che gusta a música”.

*Vídeo de Nowhere Near da canle de YouTube Isafromnowon