Loading

M ola moitísimo a idea dun instrumento intocable. Eso debeu de pensar Paulo Pascual cando lle deu por aproximarse ao theremin, aparello coñecido entre outras cousas por bandas sonoras de películas de ciencia ficción. “Engancha moito cando aprendes a facer as sete notas e interpretas melodías. A man esquerda na antena de volume que traballa a expresion é un puntazo”, recoñece. A relación entre ambos é desde hai tempo tan boa que no seu proxecto musical e visual faise chamar Modulador de Ondas

Paulo Pascual aka Modulador de Ondas, concentrado nos movementos das súas mans durante un recital

En conversa con Inorantes, Paulo Pascual destaca que tocar o theremin “é como modelar barro sen que haxa barro”. “Iso é chamativo e máxico”, resalta. O son inmaterial que produce ten un aquel fantasmagórico. El é un dos poucos thereministas de España e o único en Galicia xunto a Uxo Pousa, de Tomiño. Xuntos veñen de confluir nun trío para levar os temas do disco Planeta Theremin ao directo. Planeta Theremin: o primeiro LP dun thereminista galego con este instrumento como solista. Con Modulador de Ondas, todo son fitos.

“Facer melodías co theremin non ten nada que ver con facer melodias con outro instrumento”, incide Pascual, quen da clases deste instrumento en Vigo: é mestre theremin. “O que me motiva é facer melodías cos movementos das mans e dos brazos. Oxalá foramos moitísimos aquí, estaría moi ben compartir experiencias con mais intérpretes como sucede se es guitarrista por exemplo…”, reflexiona.

Facer melodías co theremin non ten nada que ver con outro instrumento”

Que diría León Theremin, o inventor xudeu ruso, se levantara a cabeza! Pois seguro que lle gustaría. Melómano confeso, este home nacido en San Petersburgo a finais do século XIX pariu o theremin como consecuencia da súa interese pola física e as ondas electromagnéticas que por entón crearan a radio. Deu así cun dos primeiros instrumentos electrónicos. Polo que din, ata se interesou por el Lenin. Pola súa banda, o bo de León quixo tratar de resucitar o mesmísimo Vladímir Ilich Uliánov, pero ese é outro conto (*).

León Theremin, o inventor xudeu ruso deste instrumento que produce sons fantasmagóricos

A aprendizaxe non é sinxela. Entra en xogo a memoria muscular, que, segundo chama a atención Paulo Pascual, “é importante na técnica e todos a temos”. Sumado a traballar co oído, este elemento “é clave”, explica. 

Na técnica do theremin é clave a memoria muscular, que todos temos”

Na casa, el ten xa “unha pequena colección”: un b3, un pequeno dunha antena, dous de Golem, un Moog, un Elysian e o seu “adorado” Subscope Voicematic, feito polo luthier electrónico alemán Dominlk. Cóntao con paixón, igual que fala do disco que vén de publicar, no que “o tratamento do theremin foi”, recalca, “o que se lle da a calquer outro instrumento solista”. Nun disco dun violinista, exemplifica, “veríamos con normalidade que convivira con outros instrumentos, ou mesmo co theremin”. No xeito que o utiliza el no album, “convive de marabilla coas cordas, co chelo e coa guitarra”, segundo afirma. E engade que “tamén funciona guai cos ventos” xa que, “de feito, pode considerarse un instrumento de aire”.

Un theremin de Modulador de Ondas, no seu espazo onde da clases en Vigo a xente de entre 13 e 45 anos

Sobre as clases Paulo garda anécdotas, como a dun dos alumnos, que non ten theremin pero que “aprendeu uns cantos movementos das mans pola súa conta vendo vídeos de thereministas antes de empezar”. “Moi guai, porque si que lle funcionou!”, exclama o profesor. “Non partiu de cero nin moito menos!” 

Nas súas aulas hai xente de edades comprendidas desde os 13 aos 45 anos. Cre que “cada vez a xente se interesa mais por este aparello, e non como nunha época nos 90 que os grupos empezaron a incluilo nos concertos para facer espectáculo movéndose diante e facendo efectos aleatorios”. “Iso foi un pouco raro”, opina. Lamenta que “o publico chegou a pensar que un theremin so valía para iso”. Non obstante, agora, di, “hai cada vez mais persoas, mais mulleres en concreto, que fan cousas flipantes con este fascinante artefacto”.

O vinilo de Planeta Theremin ten unha edición moi coidada de plástico transparente

Particularmente ligado co mundo cinematográfico, Pascual ten con Macarena Montesinos o proxecto 16 mm, consistente en musicalizar con material propio en directo cine con chelo e theremin. “Arrancamos co material de Segundo de Chomón”, recorda. Agora, centrados nos ensaios para Modulador, aparcárono un pouco, pero teñen datas xa para o mes que ven.

Queremos tocar e gozar de cada unha das actuacións que teñamos por diante”

Con Planeta Theremin aspiran a “tocar e gozar de cada unha das actuacións” que se lles presentan por diante. “Xa temos algunha data e estamos anotando máis, aproveitamos para dicir desde aquí que se hai programadores inquedos ou cunha mirada a cousas non convencionais, aqui estamos”, sinala. Non en van, queren levar o proxecto tamén fóra de Galicia.

 

Este sábado 16 é a data na que darán a coñecer o Planeta Theremin en La Iguana en Vigo. Inaugurán alí as sesións vermú: “Temos moitas ganas! Vai ser algo moi especial, a nosa história é sinxela e sinceira, o que facemos é musica, que ninguén pense que vai ser algo cañeiro ou bailable, é algo ambiental onde valoramos moito a escoita do espectador”, expón Paulo Pascual. “Faremos soar os nosos intrumentos con naturalidade e todo moi relaxado e distendido”.

A nosa historia é sinxela e sinceira, que ninguén pense que vai ser algo cañeiro ou bailable”

Con unha forte ligazón coa Metamovida, coa que deu varios concertos, Modulador de Ondas está máis no aire que nunca: temos todo un planeta por descubrir. 

Non todo vai ser o theremin: Paulo Pascual, compositor, tamén é guitarrista

(*) De León Theremin hai escritas moitas cousas, desde que pediu o cadáver de Lenin cando morreu para conxelalo e despois administrarlle electricidade, co que pretendía resucitalo (nin tan sequera foi quen de probar, porque ao líder bolchevique lle extraeron o cerebro) ata que foi espía. Historias ou lendas que non deixan de xenerar unha atmósfera se cabe maior de fantasía en torno ao instrumento fetiche de Modulador de Ondas.