Loading

Aventura é a palabra dos Presumido. O proxecto de pop electrónico de Tarci Ávila e Nacho Dafonte está a consolidar a boa acollida tanto da crítica como do público. E todo dende que decidiron saltar ao baleiro e deixar a súa discográfica para facer realmente o que querían como querían. Un soño para calquera artista que eles están levando adiante con traballo, traballo e máis traballo. 

Conversamos con eles xusto cando acaban de reeditar Vendetta, o disco co que se fixeron un oco na electrónica. Agora chámase Re-Vendetta e contén os dez temas orixinais con dúas cancións extra e unha nova portada. Con esta maniobra conseguiron volver a colocar toda a súa música a disposición da xente na rede. 

“É todo como moi aventureiro”. Así definen os últimos meses. Non é para menos. Dende que publicaron Vendetta todo foi trepidante pero tamén inesperado, non é unha traxectoria habitual dos grupos romper coa túa discográfica xusto cando a cousa comeza a despegar. Sen embargo, conscientes de que perderon unha infraestrutura moi prezada na industria musical, celebran que agora saben que poden levar o seu proxecto exactamente por onde queren.

Tarci Ávila e Nacho Dafonte acaban de editar o EP Invierno.

Pero, son completamente libres? “Si. Ao final é todo unha búsqueda da propia identidade. Tiñamos o soño que teñen todos os grupos ao principio de ter unha discográfica detrás, e conseguímolo en menos dun ano desde que nolo propuxemos. Pero resultou que non era o noso. Nós temos certas inquedanzas, un ritmo de traballo moi esixente e un torrente creativo que non cabe nun filtro empresarial que che pon uns prazos para sacar as cousas que chocan de fronte co teu criterio”, reflexiona Tarci. 

Ao final todo é unha búsqueda da propia identidade”

Tarci e Nacho son uns rapaces inquedos. Cuatro estaciones demóstrao. Está plantexado como un conxunto de EPs que sairán en cada estación e que despois se editarán en formato físico conxuntamente. Acaban de publicar os temas que conforman Invierno: El rey azotadoLa ley de hielo e Amapola desnuda

 

“Agora trazamos as datas de Presumido como queremos. E temos toda a liberdade creativa do mundo. Eliximos presentar os novos temas neste formato e así estamos bastante ocupados”, explica Nacho. “Este tipo de cousas eran impensables antes”, coinciden. Pois o disco Cuatro estaciones que agora vai saír por entregas xa llo presentaran a súa discográfica no 2017 e, polo que din, esa foi unha das razóns para desvincularse.  

“Presumido non pode estar parado”, apunta Tarci. Ambos deixaron traballos e estudos para apostar por este proxecto co que foron crecendo e aprendendo das posibilidades da música electrónica. “Nós sempre estivemos seguros do que facíamos. As cousas que intuíamos se están materializando. Só hai que ver ao ritmo que se están a vender as entradas do concerto de Madrid e como funcionou o crowdfunding”, sinala Nacho.

Nacho refírese ao concerto do próximo 2 de marzo na sala Costello de Madrid e á campaña na que implicaron aos seus seguidores para poder recuperar os seus instrumentos. Cando falan de aventura os Presumido tamén se refiren ao momento no que empeñaron todos os seus instrumentos para comprar a súa liberdade musical. Un crowdfunding co que chegaron a máis público e consolidaron aos seus seguidores de sempre.

Portada de Invierno, o primeiro EP de Cuatro Estaciones, do dúo galego Presumido.

“O bonito que ten este proxecto é que nos está obrigando a crecer como persoas. O noso día a día é totalmente construtivo, se mire por onde se mire”, di Tarci. “Vendetta foi a nosa escola de electrónica. Tanto Nacho coma min viñamos de tocar pop, metal, rock… Esa ambición que tiñamos coa música electrónica desenvolveuse naquel disco e penso que agora xa somos uns músicos familiarizados con todo o mundo que rodea á música electrónica”, engade.

O bonito que ten este proxecto é que nos está obligando a crecer como persoas”

“Non perdemos ese punto artesanal, o do it yourself que din os guiris. Dende o principio quixemos que fora un grupo de estadio a escala. Como non tiñamos nin medios nin cartos, decidimos facelo todo pola nosa conta. Fixemos un sistema de luces con cousas que pode ter calquera na súa casa e estivemos investigando con tipos de bombillas e con circuítos. Ata que dimos cun sistema que se adapta completamente á música”, contan referíndose ao espectáculo de luces que despregan nos seus concertos.

 

Electrónica si, pero sen perder de vista o artesanal. “Tamén temos a batería de Nacho, que a fixemos de forma artesanal para poder levar todos eses sons que se escoitan no disco ao directo. É unha batería que visualmente parece unha acústica normal pero que é totalmente electrónica”, exemplifica Tarci.

Ademais, traballan nunha idea para que cando saia Cuatro Estaciones poidan montar un espectáculo con luces e visuais que definan os catro ambientes e sensacións dos distintos EPs. Para o verán teñen confirmados xa tres festivais: o PortAmérica, o Sonorama e o FaCeLa. E cando comece o outono agardan iniciar unha xira de presentación de todas as novas cancións que coincida coa publicación do disco físico. 

Desde o principio quixemos que Presumido fora un grupo de estadio a escala”

“Sempre facemos o máximo”, di Tarci sobre estes meses preparando as novas cancións. Invierno trouxo tres temas moi redondos, moi pensados, como din eles, “de electrónica de verdade”. “O que se pode notar é que hai unha madurez pola nosa parte. O productor é o mesmo (Iago Lorenzo) e o masterizador tamén (Robin Schmidt), o elemento que cambio aí somos nós. Evolucionamos e aprendimos moitísimo nesta ponte que houbo entre Vendetta e Cuatro Estaciones”, agrega.

Tarci e Nacho despois do seu primeiro concerto no festival Noroeste no 2016.

En Villa Presumido, alá por Ponteareas, o ritual de bañarse no río en calquera estación do ano non mudou. “Senta súper ben”, asegura Tarci. “É adrenalina pura”, apunta Nacho. “Acabamos atorados de traballo e dentro desa hiperactividade cando imos ao río e sentimos esa dor intensa que che dá a auga xélida… Saímos renovados, con forzas e enerxías para seguir nesta loucura que temos montada”, explican.