Loading

Formas do deseño. Galicia XXI

  Formas do deseño. Galicia XXI

  Varios artistas

  Auditorio de Galicia. Santiago

  luns a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00

 Ata o 23 de xuño

  Entrada de balde

O Auditorio de Galicia vén de inaugurar a mostra Formas do deseño. Galicia XXI. Está comisariada por David Barro e Mónica Maneiro. Falar de deseño moderno en Galicia é falar de Sargadelos. Polo menos, como precedente. A revitalización da fábrica con traballos de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane abre a mostra. Non obstante, o discurso expositivo vai alén destes clásicos. Estrutúrase en tres partes e ten unha organización, máis ou menos, cronolóxica. Por un lado, conta cunha serie de deseñadores totalmente consolidados que continuaron a traballar co cambio de século. Entre outros artistas atópanse nesta escolma Ventura Cores, Pepe Barro, Francisco Mantecón, Xosé Bar Boo, Guadalupe Piñeira, Pilar Díez, Alberto Noguerol, Nuria Carballo ou Uqui Permuy. Nun segundo “agrupamento” están os creativos e creativas xurdidos a partir do ano 2000 e que se caracterizan pola súa heteroxeneidade e por teren en común a Galicia como punto de partida. Algúns desenvolverían a súa traxectoria fóra. Entre outros, Tomás Alonso, Iván Mato ou Isaac Piñeiro. Pola contra, FrutoDS, Idoia Cuesta ou Cristina Nieto terán a nosa comunidade como eixe dos seus deseños. Por último, salientan desde a organización que, recentemente, “o desenvolvemento da identidade corporativa e os sistemas de identificación visual facilitarán a entrada de tipografías con raíces galegas”. Nesta selección atópanse Marcos Dopico, María Ramos ou NUMAX.

Outros aspectos a ter en conta desta mostra son a transformación na forma de traballar o deseño, ligada á irrupción das novas tecnoloxías da información e a comunicación, desde os anos noventa e a incorporación do deseño no mundo da empresa. Ademáis, o catálogo, que se presentará antes de que remate a exposición, vai incluir a creativos que non foron incluidos en Formas de deseño. Galicia XXI  por motivos de espazo. En definitiva un percorrido integral para entrar en contacto co deseño máis innovador de Galicia. Unha visita que permite ver como os artistas beben dos referentes propios (Sargadelos) ou internacionais (Bauhaus, Ulm,…) para atopar un estilo propio.

  Infórmate:

Entrevista a David Barro en latamuda

  Nova en laventanadelarte