Loading

Vortex, o mellor LP de Toundra

A rotura dun óso da man de Alberto Tocado, o baixista de Toundra, obrigou á banda a cancelar concertos por primeira vez en 12 anos de carreira. En Galicia tocounos no Esmorga Fest e en La Iguana de Vigo. Este sábado 11 de maio terá lugar finalmente o concerto adiado en La Iguana, e nós recuperamos a conversa que mantivemos con Esteban Girón, o seu guitarrista, poucos días antes da cancelación.

O tuareg da portada de Vórtex, o quinto e, polo momento, último disco de Toundra.

“Nunca digas nunca”. Esteban Girón é un tío de palabra. Pronunciada por el, a frase afástase do slogan trillado e adquire a significación do mandato artístico. O guitarrista de Toundra ten claro que son unha banda instrumental e que ese será por sempre o noso sinal”. Mais “a liberdade sempre foi unha fiel compañeira”, advirte.

Con Vórtex recén presentado en Galicia (ateigaron a sala Capitol en xaneiro) e tamén tras encher salas de medio continente (deron 25 concertos en 27 días), Toundra tiñan previsto volver esta fin de semana por terras galegas para subirse ao escenario de La Iguana Club e da Litmar de Sarria. Pero o que semella unha lesión importante e que esperamos que se recupere canto antes pero, sobre todo, o mellor posible, frustrou ambas citas.

En conversa con Inorantes, Girón facía hai apenas un par de semanas unha revelación tan franca como propia da estrela que lle chisca o ollo ao público local. “Medrei vendo Xabarín Club e En Xogo Goles na TVG. Iso marca un vencello forte”, subliñaba. O músico asturiano, moi ligado a citas como o Resurrection Fest (onde volverán a actuar este verán), destaca que “Galicia sempre nos deu alegrías”. “Moitos dos mellores concertos que temos dado foron aí”, incide.

Medrei vendo Xabarín Club e En Xogo Goles na TVG”

De feito, ao Esmorga, o festival que comezou como un aniversario que se lles foi das mans aos organizadores, Esteban dicía que o grupo lle tiña “moitas ganas”, polo xeito “especial” en que está tratado o cartel, con nomes este ano como Za!, Lagartija Nick, Perro e Carolina Durante. 

O guitarrista David López Macón, tamén en Adrift, en primeiro plano; ao fondo Álex Pérez á batería

“O que se opine ou non se opine aí fóra sobre Toundra non pode ser nunca un estímulo real, unha motivación, o que te move. Hai que facerlle o caso xusto e necesario e ser agradecido polas gabanzas que che poden chegar… pero tamén hai que illarse un pouco de todo iso”, expón Esteban Girón, preguntado polo feito de ser recoñecidos como un dos principais grupos de post rock estatal. 

O noso verdadeiro estímulo é facer do seguinte disco o mellor”

Pola súa banda, sinala como “verdadeiro estímulo facer do seguinte disco o mellor”. “Por iso seguimos avanzando. É a maneira na que traballamos sempre”, resalta. O seu quinto álbum é unha evolución lóxica da súa traxectoria de xa 12 anos na que, ademáis, se percibe un salto cualitativo na utilización de novas ferramentas como a caixa de ritmos.

Toundra levan xa 12 anos de traxectoria e Esteban Girón asegura que “estar xuntos é a maior motivación”-

O método de creación é o seguinte, segundo explica Girón: pór “en común as influencias comúns”, coquetear con outras “menos obvias” e ser “sinceros” con eles mesmos. “Se quixéramos dar un xiro radical, teríamos que chamar ao proxecto doutra maneira. Como cando nos xuntamos con Niño de Elche”, apunta.

Con Niño de Elche fumos comer recentemente e falouse da posibilidade de retomar Exquirla”

Fala de Exquirla, unha das iniciativas máis interesantes dos últimos tempos no panorama musical estatal, no que o post rock se fusionaba co flamenco trasgresor de Francisco Contreras. Para todos os que ficaron sen a oportunidade de velos en acción, un halo de esperanza: Toundra e Niño de Elche xantaron xuntos recentemente e “falouse da posibilidade” de volver tocar. “Pero será cando sexa o momento oportuno”, avisa Esteban.

Girón tamén deixa o portátil de cando en vez. Na foto, nun momento de relax entre concerto e concerto

De momento, o próximo 8 de maio porán banda sonora en directo a El Gabinete del Doctor Caligari, nos Cines Capitol. “Música composta expresamente para iso”, chama a atención, para subliñar que esto xa é para eles “un proxecto especial como foi Exquirla”.

Interpretar arroupados por unha orquestra é “algo que temos moi apartado”. E non porque o resultado non fose óptimo (véxase a súa actuación de 2016 no BarclayCard Center de Madrid). O caso é que “involucra a moita xente” e “por respecto” cara eles só atenderán “a chamadas deste tipo” cando poidan “pagar e dar de alta aos músicos sen perder diñeiro”. “Como xa pasou nalgunha ocasión”, indica.

 

Asumindo que os anos pasan (“si, facémonos maiores”), Esteban afróntao “coas ganas de quen ten aos seus tres mellores amigos nunha banda de música”: son David López ‘Macón’ (tamén á guitarra), Alberto Tocados (baixista) e Álex Pérez (batería). Conta como anécdota unha noite deste pasado febreiro na que tocaron en Gaswerk, nunha sala “preciosa” en Winterthur. “Alí tocamos en 2012 na nosa primeira xira por Europa. Vimos un video caseiro que fixemos hai sete anos no camerino… e, meu deus, si, facémonos maiores”, chancea. 

Estar de xira é a mellor experiencia que tiven e quizáis a mellor que teña xamáis”

Estar de xira é “algo canso” pero failles felices. “Estar de xira é a mellor experiencia que tiven nunca e quizáis a mellor que teña xamáis”, confesa Esteban. Veñen de voltar a Vortex, a pequena sala que deu nome o seu último traballo. Foi, di, “como estar na casa”. “Non cabía unha alma máis na sala. Foi emocionante ver as caras da xente e de como a nosa humilde banda é algo importante para eles”, comenta. Mike, a primeira persoa que os levou alí, foi ao concerto: “Ese día morrera o seu pai. Díxonos que lle axudara moito o noso concerto. Gracias por vir, Mike”. 

Toundra.

Pouco a pouco, Toundra tense convertido na “parte central” das vidas profesionais de Esteban, Macón, Alex e Alberto. “Mutamos en traballos que nos permitan tocar. Se non, teríamos que deixalos”, afirma Girón.

El empezou con 19 a traballar nunha tenda de discos e “sempre” tivo “claro” que calquera traballo que tivese “tería que deixarme tocar sempre que eu quixera”. “Ser músicos é quizáis o que levamos a facer máis tempo nas nosas vidas. Iso, e o Xabarín Club, marca”, conclúe.