Loading

Rubens e Rembrandt sobre papel

  Trazos maestros: dibujos holandeses y flamencos del Victoria and Albert Museum

  Fundación Barrié. A Coruña

  De martes a domingo, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00

 Ata o 23 de xuño. 

  Entrada de balde

A Fundación Barrié exhibe 90 obras, que teñen o papel como soporte, de grandes mestres da pintura holandesa e flamenca da Idade de Ouro.  Entre outros artistas, exhíbense pezas de Rubens, Rembrandt, Van Dyck e Frans Snyders. A mostra, titulada Trazos maestros: dibujos holandeses y flamencos del Victoria and Albert Museum, exhibe parte dos fondos dunha das coleccións máis destacadas ao respecto. Está comisariada por Louise Cooling, anterior comisaria adxunta do V&A. É a primeira vez que esta antoloxía se amosa en Europa, alén do museo londinense.

A mostra está dividida en cinco grandes apartados: Pre-Idade de Ouro, relixión e mitoloxía, persoas, paisaxes, Post-Idade de Ouro. No primeiro grupo, do século XVI, atópanse as paisaxes de Hans Bol e Matthijs Cock. Tamén colgan obra relixiosa de, entre outros, Jan Swart Van Groningen. Entre as vistas da Idade de Ouro, no século XVII, compre destacar a Jan Van Goyen, Paul Bril e Rembrandt, mentres que nos bodegóns o mestre é Frans Snyders. Doutra banda, especialmente interesante é comprobar os contrastes entre os temas relixiosos da República Protestante dos Países Baixos frontes as propostas contrarreformistas no sur da rexión. Da estética reformadora é un bo exemplo, outra vez, Rembrandt. Van Dyck ou Rubens, pola contra, expresan a opción católica.

Remata a mostra cunha selección de obras dos séculos XVIII e XIX que amosan a influencia da Idade de Ouro, nun momento de grandes transformacións xeopolíticas. Non só en Holanda e Flandes, senón en toda Europa. Segundo a organización, a mostra “segue un estudo de dez anos, co obxectivo de catalogar e debater cada unha das obras da extensa colección”. De feito, hai algunhas obras expostas que son atribucións e non autoría dos artistas, como é o caso de Jan Brueghel “o vello”. Para o visitante é unha boa oportunidade  para ver como os grandes mestres se desenvolven con outras técnicas e que posibilidades aportan nos seus traballos. Tamén, a través dos bocetos, poderán valorar a preparación de obras de maior envergadura. A pintura do norte foi, en canto a variedade temática e incluso formal, a máis rica do mundo barroco. Esta exposición da boa conta diso.

*Copyright de todas as imaxes Victoria & Albert Museum.

  Infórmate:

Nova da inauguración en eldiario

  Web do Victoria & Albert Museum

Reproduce:

Mira: