Loading
8M 2018

O feminismo transcendeu a teoría e os pequenos círculos para acometer unha convulsión social que tivo a súa máxima expresión o último 8 de marzo. Agora é máis que un movemento, é un verdadeiro modo de vida que pon en tela de xuízo tantas cousas establecidas que aínda resulta imposible enumeralas todas.

Falamos con María Xosé Queizán, Margarita Ledo Andión, Goretti Sanmartín Rei e Rosalía Fernández Rial dos inicios do feminismo en Galicia, a partir do 1975, e da súa evolución até o momento actual.

Este 8-M as mulleres poderán facer folga en Galicia por segunda vez na historia. A manifestación do domingo en Lugo, que reuniu a persoas de todo o país, demostrou que o feminismo rachou as barreiras e segue abríndose paso a pesar das dificultades impostas dende o poder.

Margarita Ledo
Margarita Ledo comezou a sentirse feminista logo de escoitar a Simone de Beauvoir en París.

1975: o inicio da andaina

“En 1975 Simone de Beauvoir, o símbolo da segunda vaga, a persoa que redactara en 1971 o ‘Manifesto 343’ polo dereito ao aborto en Francia, fai un acto na Faculdade de Letras da Universidade do Porto, onde eu impartía aulas. É ese o momento no que me sinto parte dun movemento que, máis tarde, recoñecería como feminista”, lembra Margarita Ledo.

En palabras de María Xosé Queizán, “o feminismo perdeuse nos anos 80 cando se abandona a liberdade sexual para todas e queda como liberdade sexual masculina. Houbo moitas mulleres que non tiñan unha conciencia feminista e foi un desastre, na miña opinión”.

Creo que as novas xeracións deberían entrar no feminismo teórico, retomalo e continualo” (María Xosé Queizán)

“Tamén foi un desastre que se deixara de ler, porque o feminismo é un movemento pero necesita unha teoría e esa teoría foi fundamental nas primeiras escritoras, por iso tamén penso que agora deberíamos volver a elas”, reflexiona María Xosé.

Naqueles primeiros anos de democracia non se falaba de patriarcado. “E apenas se falaba de feminismo, agás o grupo de Vindicación [revista fundada por Carmen Alcalde e Lidia Falcón]. A idea de igualdade de dereitos primaba. Até que fomos descubrindo que a exclusión tiña a ver co Poder. Que as mulleres fomos condenadas a seren as grandes transmisoras do patriarcado: educar nas súas leis, coidar do fogar, facer de peaña na carreira política dos homes… En suma, que a igualdade, como cidadáns, é un dereito de base, pero como mulleres o que compre é unha mudanza total de valores cara a súa aplicación nas relacións sociais”, sinala Margarita.

María Xosé Queizán
María Xosé Queizán lembra o pasado 8-M como un fito “moi emocionante”.

María Xosé fai fincapé en que as mulleres deixaron de ser analfabetas no 1979 coa obrigatoriedade de ir estudar. “Van menos de cincuenta anos e somos maioría na Universidade”, celebra. A escritora viguesa é optimista co que está por vir pois pensa que o feminismo “ten que romper todos os teitos de cristal” como están a facer as mulleres no ámbito científico. “Eu estou convencida de que o mundo nunca vai para atrás”, afirma.

“A sororidade e o pacto entre as mulleres é un elemento que hai que reivindicar sempre. Como tamén hai que reivindicar que se conte con mulleres en plural e que se recoñezan as diferenzas entre nós porque hai unha liña común que é a da dominación, pero non se pode caer na abstracción da muller”, apunta Goretti Sanmartín.

A sororidade e o pacto entre as mulleres é un elemento que hai que reivindicar sempre” (Goretti Sanmartín)

Margarita sinala que dende os inicios do movemento feminista até o de agora “mudaron algúns modos pero estamos inmersas no mesmo proceso”. Ela recoñece que a grande visibilización da muller, resultado de décadas precedentes, é recente.

Con todo, a conquista de dereitos da muller para acadar a igualdade non semella rematar. “Coido que afecta a unha mudanza das mentalidades que vai alén do xénero biolóxico e que radica, precisamente, no patriarcado. Non queremos outro sitio senón que precisamos, como di Ana Romaní, doutro lugar”, argumenta a cineasta.

2018: o 8-M e a primeira folga feminista

Para María Xosé o #MeToo influíu tanto na poboación que foi en parte froito dese movemento que o pasado 8-M “as avoas, as nais e as netas” tiveran “razóns para estar na rúa”. “Foi algo moi emocionante. Creo que as novas xeracións, sobre todo agora que son todas universitarias, deberían entrar no feminismo teórico, retomalo e continualo”, engade.

Non queremos outro sitio senón que precisamos, como di Ana Romaní, doutro lugar” (Margarita Ledo)

“O do pasado 8-M explícase porque levábamos uns anos con un incremento de resposta e con mulleres moito máis concienciadas. Este é un feminismo moito máis de acción”, di Goretti, quen tamén fai fincapé en que é necesario involucrar á xente nova. “Necesitamos que se movan as consignas, que a xente nova coñeza o discurso de antes para construír o seu”, engade.

Aproveitar a teoría para pasar á acción. Así o ve tamén Rosalía Fernández Rial, que leva dous anos lendo moito máis sobre feminismo e asegura que sinte unha “revelación absoluta”.

Rosalía Fernández Rial
Rosalía Fernández Rial confía en que os dereitos que tanto custou conseguir non sufran un retroceso.

“Para min estes últimos anos foron unha toma de conciencia da importancia fundamental do movemento. Un cambio que me leva a intentar ser coherente cada día na casa, no trato coas persoas, nas aulas… No eido educativo é fundamental ser conscientes do que lle estamos transmitindo ás nenas e aos nenos. Hai centos de detalles dos que non me decataba antes porque era o normal. Nese sentido si que me cambiou a vida por completo”, conta a escritora de Carballo.

“Tes que te cuestionar todo”, resume Rosalía. “Os meus autores de cabeceira eran Lorca e Cortázar e non entendo como cando estudei a Xeración do 27 non me falaron de Las Sinsombrero ou como non me din conta de que nun dos meus relatos preferidos de Cortázar había tanta misoxinia”.

Rosalía resalta precisamente o seu agradecemento ás persoas que, cando ela aínda non era tan consciente do que significaba o feminismo, xa estaban aí e o tiveron moito máis difícil. “Fixeron que hoxe poidamos ser escritoras, ter unha voz propia, un pensamento crítico… que puideramos ser quen somos”, destaca.

Corenta anos e os mesmos valores

Todas coinciden en que neste momento hai unha resposta do sistema capitalista para que as cousas volvan atrás. Desde o momento que as mulleres queren ocupar o seu lugar o sistema encárgase de reprimilas, así o explica Goretti, que asegura que “a dominación é o instrumento que ten o sistema para que fiquemos caladas e que nada se mova”.

Hai discursos novos dentro do feminismo e eu defendo a unión fronte á dispersión. Na diversidade tamén está a forza” (Rosalía Fernández Rial)

“Hai un statu quo que interesa manter. Pero queremos confiar en que a xente non se vai deixar levar por posturas tan extremas que nos fagan retroceder tantos anos na conquista dos nosos dereitos. Penso que temos que tender a man para non volver a eses séculos escuros. Confío en que a humanidade escollerá a liberdade propia e allea fronte á restrición”, di Rosalía.

Segundo Goretti hai dous elementos que a ultradereita leva por diante no Estado español: que non se mova nada respecto da unidade de España nin da liberación das mulleres.

“O feminismo é o máis perigoso que hai, no sentido de que é o máis revolucionario. Significa un cambio de mentalidade por completo e facer un mundo moitísimo máis xusto”, engade Goretti, para lembrar que o mundo capitalista no que vivimos baséase na explotación, na escravitude e no control do corpo das mulleres.

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín reivindica a sororidade e o pacto entre as mulleres.

O debate sempre está aberto cando falamos de feminismo. E un dos temas dos que máis se fala na actualidade é da necesidade de regular a prostitución. “Este é un tema fundamental, polo que eu sei en Galicia a maioría está pola abolición da prostitución. Pero estamos nun momento clave, os inimigos xa saben por onde teñen que ir e, por iso, hai que ser moi claras”, di María Xosé.

“O abolicionismo é algo definitorio: non se pode ser feminista e non ser abolicionista”, explica. “Son moitas as cousas que temos que facer as mulleres para situarnos en pé de igualdade, outra delas é pasar a ter un traballo público e non privado, deixar de facer un traballo esclavo que ademais mantén ao Estado”, asevera a viguesa.

“Os feminismos actuais marcan unha diferencia pois teñen en conta o movemento LGTBI e correntes novas como son o ecofeminismo ou o ciberfeminismo. Hai discursos novos dentro do feminismo e eu defendo a unión de forzas fronte á dispersión. Se sumamos imos saír gañando, sempre hai pequenas diferenzas, pero penso que na diversidade tamén está a forza”, engade Rosalía.

O feminismo é o máis perigoso que hai, no sentido de que é o máis revolucionario” (Goretti Sanmartín)

“Agora hai moita conciencia da necesidade de que haxa unha resposta de autodefensa feminista. Nas primeiras etapas tamén había autodefensa, logo pensamos que era necesario ter homes feministas… Pero houbo unha involución e o momento actual responde a iso”, resalta Goretti.

“Eu mesma pensaba que a etapa da autodefensa xa estaba superada. Mais volvemos a un sistema de valores que alimenta o mito do amor romántico e temos novas maneiras de dominación que ás veces non son recoñecibles polas mulleres, sobre todo polas xeracións máis novas”, di a política de A Estrada.

E segue: “As que levamos as lentes violetas sabemos que o feminismo significa unha maneira completamente distinta de estar no mundo e que os dereitos que imos conquistando hai que defendelos cada día”.

Manifestación 3M
A manifestación do 3-M en Lugo abriu os grandes actos da semana da Muller de 2019. Foto: Silvia Roca

En definitiva, o feminismo segue a ser un exercicio constante, un estado de alerta. “Tes que estar sempre alerta, coas gafas violetas postas. E iso sei que causa certa insatisfacción nas feministas porque sempre temos que estar poñendo o acento, pero penso que ten que ser así porque en certa maneira somos unha vangarda”, resolve Goretti.

ELAS RECOMENDAN… unha lectura sobre feminismo

María Xosé Queizán

A escritora viguesa volve a Rosalía a través do seu libro Rosalía de Castro e o poder sexual, editado por Xerais no 2017. “É moi importante porque explica como Rosalía, que era unha muller que vivía recluída e non tiña un contacto académico, a través da súa observación da realidade social era quen de captar cousas tremendamente profundas sobre o poder sexual masculino. Aínda hoxe, Rosalía é progresista en relación coas mulleres”, explica.

Margarita Ledo Andión

A xornalista e cineasta luguesa recomenda Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez, editado por Xerais no 2013 porque é un libro vencellado co “desexo de comunidade” que xurdiu o no pasado 8-M “a partir das diferentes condicións concretas, sociais, históricas e culturais”. E engade un novo do trinque, Feminicidio, de Carme Adán, editado por Galaxia no 2018.

Goretti Sanmartín Rei

A filóloga e política de A Estrada ve difícil escoller un só ensaio sobre feminismo e recomenda a novela “dunha activista que sempre defendeu a sororidade e os pactos de mulleres”, Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño, editado por Galaxia no 2015. “Temos que recompoñernos, establecer outro tipo de relacións entre mulleres e superar a historia como nola contaron os homes”, apunta.

Rosalía Fernández Rial

A escritora de Carballo recomenda unha lectura actual, Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena Presas, editado por Laiovento no 2018. “Paréceme un bo ensaio que vincula ao ensino co feminismo e fala sobre por que a literatura infantil e xuvenil debe ser creadora de imaxinarios e fortalecer certas tendencias”, sinala.

*A fotografía principal da reportaxe corresponde á manifestación do 8-M de 2018 en Santiago e foi cedida a Inorantes pola súa autora, Esther Taboada. O noso agradecemento para ela, así como para Silvia Roca, pola imaxe do 3-M en Lugo e, por suposto, ás catro entrevistadas.