Loading
Josune Arakistain

A igrexa bautizouno como o fol do inferno. Non cabía dúbida para os sacerdotes: quen andaba nas romarías nas que soaba a trikitixa ía por mal camiño, guiado polo demo e afastándose de obrigas tan fundamentais como ir a misa. Porén, máis aló da mala fama que lle quixeran dar os curas e tamén pese o pouco entusiasmo co que o acolleu o nacionalismo en primeira instancia, este instrumento que trouxeron os italianos ten a día de hoxe unha forte implantación en Euskadi. Falamos con dous trikitilaris, Xabi Solano e Josune Arakistain, que son sinónimo do referente e da renovación no panorama musical actual. 

Esne Beltza

Esne Beltza (en galego, leite negro) é o nome do grupo que xurdiu da cabeza de Xabi Solano nunha das xiras con Fermin Muguruza. Xabi canta e toca a trikitixa, que, como el mesmo destaca, funciona como “un instrumento máis” na banda, marcada pola “mestizaxe” e unha base moi forte de reggae.

A trikitixa ten, pola contra, un papel protagonista en Huntza (hedra), conxunto de amigos que se coñeceron nos trikipoteos dos xoves sendo estudantes universitarios en Bilbao. A súa viaxe, segundo Josune, comezou “moi rápido, casi sen darnos conta, pero xa pasaron tres anos e temos aprendido tanto…”

 En Esne Beltza a trikitixa funciona como un instrumento máis. A banda está marcada pola mestizaxe”

Os primeiros levan desde 2007 en activo, marcando unha senda que, dalgún modo, retoman e redimensionan agora bandas como Huntza, que apareceron en escena en 2014. “O camiño do rock con batería, guitarras, trikitixa… iniciouse nos 90, cando abrollaron unha morea de bandas. Cos anos foi esmorecendo e agora con Huntza volveu”, valora Solano. “Xabi é un referente da trikitixa e é raro atopar a alguén que non coñeza algunha das súas cancións. Sempre é un pracer coincidir con eles”, subliña Arakistain.

Huntza.

A Sala Malatesta de Santiago recibiraos este sábado nunha cita que se prevé “intensa”. “Os concertos de Esne Beltza son de empezar ao sprint e acabar ao sprint. Sen pausa. A suar como cabróns”, destaca Xabi Solano.

Os concertos de Esne Beltza empezan con sprint e acaban con sprint, sen pausa”

Pola súa banda, Josune confesa ter “especial cariño” a Galicia. Na súa primeira xira estiveron dúas veces en terras galega e “a verdade e que sempre comentamos entre nós que tiñamos que volver”. “Cada un do grupo ten os seus gustos… Pero soan artistas como Carlos Núñez, Ezetaerre…”, sinala.

Xabi Solano.

Josune Arakistain provén da música tradicional, pero resalta que Huntza vai “por outro camiño”, ainda que esa etapa “marcou totalmente” a súa maneira de “crear” e os seus gustos, segundo recoñece. “Eso reflíctese nas cancións de Huntza”, reflexiona.

A música tradicional marcou totalmenta a maneira de crear de Huntza, pero imos por outro camiño”

Do seu lado, Xabi opina que a renovación “exércese moito” e cre que pode ir algo en contra da tradición, polo que aboga por “reivindicar as dúas cousas”. Polo que a Esne Beltza respecta, resalta que “ao comezo foi así”, era música de negros feita por músicos brancos, en liña co seu propio nome, pero agora a cousa “abriuse máis” e fan “de todo”. “De soul a música tradicional vasca. Somos xente que vimos de grupos moi distintos e hai moita diversidade”, apunta.

 

A trikitixa estivo históricamente vinculada aos homes pero hoxe en día a líder de Huntza atreveríase a dicir que “a maioría de trikitilaris somos mulleres”. Todo un fito no contexto da segunda folga feminista convocada para este 8 de marzo, día internacional da muller traballadora no que a metade da poboación reivindica o seu sitio no mundo, en todos os ámbitos, tamén o musical.

Antes non estaba ben visto que unha muller tocara a trikitixa, agora a maioría de trikitilaris somos mulleres”

Chama a atención sobre que “antes non estaba ben visto que unha muller tocara a trikitixa”, pero agradece que “os tempos cambiaron”. Así e todo, cre que “aínda queda moito traballo para que os escenarios sexan equitativos”.

 

O fol do inferno resoará con forza e por partida dobre este sábado na Malatesta, moi preto do antigo mosteiro de San Lourenzo e aos pés da Catedral de Santiago. Que Deus nos colla confesados!