Loading
esmorga fest 2019

O primeiro gran festival do calendario galego xa está aquí. O Esmorga Fest volverá trasladar a capitalidade musical a Sarria durante unha fin de semana, e abrirá a veda para o monzón de festivais programados no país para os próximos seis meses. Logo da temporada de seca, volven as chuvias (musicais).

Unha das particularidades que fan tan entrañable o Esmorga é esa anécdota ben coñecida que conta que a súa orixe está nunha celebración de cumpreanos que acabou “índose de madre”, tal como o definen dende a organización. Dalgunha forma, ese espírito cumpreaneiro e festeiro segue presente no festival.

Esquecede eses eventos prefabricados no que unha produtora/axencia de representación mete os seus grupos con calzador (si, eses grupos que semellan ter o don da ubicuidade; cando isto suceda, preguntádevos sempre quen os representa). O Esmorga non é un deses festivais, non.

Sala Litmar
Unha vista nocturna da Litmar, epicentro do festival.

Ese sabor festeiro tamén ten que ver co escenario principal dos concertos: a Sala Litmar, a que fora a discoteca máis importante de Sarria e unha das primeiras de Galicia, en funcionamento dende os anos 70. Por alí pasaron Manolo Escobar, o Dúo Dinámico ou Massiel. Esa atmosfera kitsch, retro e marabillosamente hortera aínda está presente na Sala.

O Esmorga é, como indican na organización un “festival de música independente alternativo”. E así o leva tatuado a lume na pel. O cartel non engana: líderano Perro, Zá!, Apartamentos Acapulco ou Lagartija Nick, cun pequeno guiño á radiofórmula da man dos madrileños Carolina Durante.

Toundra
Toundra é un dos cabezas de cartel do Esmorga.

O sábado, como é habitual, será o día grande do Esmorga. Pola Litmar ía desfilar Toundra, a banda instrumental por antonomasia no panorama español. Mais, a última hora, un día antes do comezo do festival chegou o anuncio da cancelación do seu concerto. Unha lesión na man do baixista, Alberto Tocados, obrigou a Toundra a deixar aparcados, polo momento, os seus directos. Unha nova moi dura para o Esmorga, que tiña neste grupo un dos seus meirandes reclamos. Por sorte, hai moitos máis motivos para achegarse a Sarria.

Unha das nosas debilidades do cartel do Esmorga son os murcianos Perro, que seguen a xirar co seu cuarto LP, Trópico Lumpen. Como no caso de Toundra, é o seu álbum máis completo, no que, ademáis do krautrock e o tropicalismo, se atreven tamén coa psicodelia. Nunnha entrevista en El País aseguraban que o seu estilo era o “Loquesalga”. Un bo exemplo do humor que acompaña a esta banda: só fai falla ver os nomes dos seus anteriores discos: Estudias, Navajas; Singles Brasileñas; ou Tiene Bacalao, Tiene Melodía.

Perro
Os murcianos Perro levarán o seu espectáculo gamberro á Litmar.

Seguimos con grupos que nos gustan mencionando a Za! O dúo catalán formado por Papa Dupau e Spazzfrica Ehd ten unha relación directa con Perro, e teñen participado xuntos en concertos, multiplicando ese gamberrismo que os caracteriza. Pero alén do espectáculo que supoñen as actuacións en vivp de Za!, o dúo demostra, disco tras disco, ao longo da súa xa dilatada carreira, ser un proxecto cunha enorme calidade musical, cunha experimentación que non deixa nada ao azar e sempre coidada ata o máximo detalle. Za! practica un son moi difícil de definir que nos ofrecer unha viaxe dende o jazz ao hip-hop pasando polo krautrock.

Se falamos de lonxevidade, dentro do cartel do Esmorga, Lagartija Nick leva a palma. Os granadinos suman preto de 30 anos nisto da música e a súa carreira é tamén difícil de definir e etiquetar. Tendo en conta que toman o nome dunha canción de Bauhaus. Que as súas influencias iniciais foron The Stooges ou Sex Pistols. Que despois se achegaron ao grunge. Que aínda despois (1996) gravaron Omega xunto a Enrique Morente, un dos mellores álbumes musicais españois das últimas tres décadas… En definitiva, historia viva da música peninsular na Litmar.

Lagartija Nick
Case trinta anos de carreira sobre o escenario cos granadinos Lagartija Nick.

Carolina Durante foi unha das revelacións musicais españolas do 2018. Grazas a un tema, Cayetano, que a todos nos fixo rir/sorrir ao escoitalo por primeira vez (agora que vemos que ademais de levar zapatillas Pompeii, os Cayetanos deste mundo votan a seres como Abascal ou Casado xa non nos fai tanta gracia). Nin eles mesmos pensaban acadar unha décima da parte do éxito que obtiveron. Logo veu a colaboración con Amaia de Operación Triunfo…, e agora Carolina Durante parece xa definitivamente engulido polo mainstream e as zapatillas Pompeii.

Apartamentos Acapulco chegan á Litmar co seu segundo longa duración, El resto del mundo, recén estreado. O conxunto granadino (outro máis, que lles darán nesa cidade aos músicos!) practica un indie pop alternativo solvente que neste traballo alcanza o maior grao de pulcritude da súa carreira.

Apartamentos Acapulco
Apartamentos Acapulco vén de lanzar o seu segundo LP, El resto del mundo.

Completa a xornada principal do sábado PV3000, o proxecto de electrónica do santiagués Emilio Horyaans, home multimedia que coñecemos mellor por realizar videoclips a bandas como Boyanka Kostova.

Antes destas sete bandas, entre as 13:00 e as 20:00 estarán na Sociedade Recreativa La Unión sete bandas dentro do Escenario Futuros Referentes Son Estrella Galicia. Destaca o indie rock dos arxentinos Bestia Bebé (ás 18:00) e os rockeiros murcianos Amor Germanio (ás 17:00).

Bestia Bebé
Os arxentinos Bestia Bebé, a aposta máis interesante do escenario de La Unión.

Xornada do venres

Previo ao día grande do sábado, o venres abrirá o festival un interesante octeto. Destacamos de entre estes grupos aos vigueses Seda, que xa hai meses destacamos coma un dos grupos a ter en conta en Galicia nun futuro próximo. Hip-hop, smooth pop, arty, electrónica, guiños ao jazz, post-psicodelia, e moito máis, conforman as súas influencias. Deste crisol nace algo autenticamente xenuíno.

Poderemos disfrutar tamén do postrock con tintes épicos e posthardrock dos cátalans Ànteros. Unha banda cun directo moi potente, que asinou un bo disco con Cuerpos Celestes, o seu segundo LP, alá polo 2017. Pola súa banda, Sierra é un grupo madrileño que dende a organización sinalan como unha das bandas revelación dos próximos anos. De A ninguna parte, o seu disco debut, din que é todo “un tratado de pop”.

Ànteros
O postrock e posthardcore de Ànteros, proposta para o venres.

O venres tamén teremos a oportunidade ver a Pálida. O de Vigo xa é un símbolo de festival, pois actuou en todas as edicións previas. Trátase dunha das figuras máis representativas do underground electrónico galego. A súa música ten vínculo co orgánico, aínda que recentemente se inclina cara a música de baile máis vangardista. Disfruta da improvisación e, de feito, o seu último traballo, Shonen Kingdom, é un LP gravado ao vivo con temas novos na súa totalidade. Os seus directos, como os seus temas, son magnéticos.

Completan o cartel do día inaugural do Esmorga Dûrga, Voltaica, Tuya e El Lado Oscuro de la Broca. En conxunto, cremos que o festival de Sarria ten sido quen de xuntar un cartel moi interesante, que segue a liña e o espírito daquel primeiro cumpreanos, e que vai ano tras ano consolidando a súa personalidade.

Escoita:

Perro

Zá!

Lagartija Nick

Apartamentos Acapulco

Bestia Bebé

Ligazóns:

Conversa con Nelo, de Pálida e Seda

Crónica do Esmorga Fest (I)

Crónica do Esmorga Fest (II)

*Para coñecer a información completa do Festival, podedes premer aquí.