Loading

Faílde, o renovador descoñecido

  Antonio Faílde e a natureza recoñecida

  Centro Municipal Ángel Valente. Ourense

  De martes a sábado, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30

  Domingos, de 11:00 a 13:30 

 Ata o 31 de marzo. 

  Entrada de balde

O Centro Municipal Ángel Valente exhibe, desde hai tempo, a mostra antolóxica Antonio Failde e a natureza descoñecida. Esta exposición, a pesar de por en valor a un renovador da escultura galega na primeira metade do século XX, está a pasar bastante desapercibida. Talvez, a falta de interese dos medios, alén das fotos institucionais no acto inaugural, colabore a esta desafortunada situación. Segundo a organización, “fai fincapé na variedade de materiais, na súa riqueza plástica e técnica e especialmente, na súa visión da figura humana, en cómo se produce a transformación da materia natural en forma figurativa”. Expóñense 120 esculturas, 120 debuxos e, tamén, as ferramentas de traballo do escultor. Está comisariada por Natalia Figueiras Pimentel.

Antonio Faílde (Ourense, 1907-1979) comezou a traballar como canteiro con tan só doce anos e xa ao remate dos anos vinte tiña o seu taller, onde comezou a súa carreira como artista. Inspírouse nas tallas en pedra medievais (románicas e góticas) e, tamén, nas mostras íberas do museo arqueolóxico ourensán e na imaxinería barroca. Intercambiou inquedanzas culturais con membros da Xeración Nós como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou López Cuevillas. Foi becado pola Deputación de Ourense pouco antes da guerra civil, para iniciar estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A pesar da súa proxección, as exposicións públicas tardarían en chegar, sendo a primeira delas na cidade das burgas en 1949. Na década seguinte daría o salto internacional a Bos Aires e, anos despois, amosaría o seu traballo na Habana e en Caracas. Ao contrario da maioría de escultura de vangarda, Faílde renuncia a valorar o oco e o espazo. As súas figuras son compactas, normalmente pequenas, cun labrado tosco que o emparenta co medievo e, ao tempo, cun aspecto inacabado que o vincula coa sensibilidade miguelanxelesca. Coa extracción da forma escultórica da pedra. Amósanse sempre repousadas, con aspecto ensimismado ou meditabundo. E teñen notables valores simbólicos e expresivos. Coexiste no tempo, e en parte en concepto, co movemento renovador. Por iso, resulta moi interesante coñecer a un dos poucos nomes que deu a escultura na idade de ouro da arte galega contemporánea.

  Infórmate:

Información sobre o artista

  Nova sobre Faílde en La Región

Mira: