Loading

Conversa con Nelo (Pálida)

Encantaríame facer algo coa música adaptativa. Non tiven a oportunidade de aportar nada nese campo”. Quen fala é José Garnelo (Vigo, 1984), alcumado Nelo, mentres reflexiona sobre a banda sonora do último videoxogo de Zelda. Nese medio o audio pode acomodarse ao que está facendo o xogador en cada momento, algo verdadeiramente atractivo para calquer compositor con inquedanzas. Nelo, como Link, o protagonista da aventura de Nintendo, ten un discurso que caracteriza a quen se sinte fascinado por un desafío. E, en canto o supera, tal e como fan os auténticos artistas, busca outro maior ou novidoso. Sempre con ansia de descubrir o tesouro no alxube para chegar máis lonxe. Sempre alonxado das fronteiras da conformidade extrema.

O videoxogo, a industria audiovisual e a música reparten as súas adicacións. Nesta conversa falamos da súa ocupación como músico. Actualmente ten activados dous proxectos: por un lado está Pálida, experiencia individual que cumpriu un lustro o pasado decembro e que se centra na música electrónica e, doutra banda, está Seda, trío musical que amalgama psicodelia, synth e hip-hop. O 15 de marzo actuará con ambos proxectos no Esmorga Fest de Sarria, evento no que participa desde a súa primeira edición.

Pálida, o dogma electrónico

Comezou na música con bandas de pop e rock ata abrirse camiño na electrónica. De feito, os seus primeiros traballos como Pálida poden interpretarse como un cruceiro de camiños. “Ao primeiro buscaba un espazo onde había psicodelia e noise”. Foi no disco Days static (2015) cando comezou a achegarse máis “cara a electrónica pura e dura”. Iniciou así unha nova etapa que ten como despegue o seguinte LP: The clutch (2016). Foi a partir dese momento que “comecei a interesarme máis pola música de baile, que era algo que eu coñecía desde un prisma de aficionado”, afirma.

Desde unha óptica máis analítica, e con maior interese creativo, decidiu adscribirse a esa corrente, pero “sempre queda algo da primeira etapa, porque nunca pretendín facer un tema de techno e house canónico. Moitos dos grupos que me gustan son electrónicos, pero moitos outros non, como Jefferson airplane ou Sonic youth. Inevitablemente bebes do que amas”. O pasado ano o EP A White sphere afondou, todavía máis, na esencia da electrónica. Catro temas cohesionados, como se fosen un, e que confirman a madurez do artista.

non pretendo dar unha mensaxe política, pero fago as cousas dun xeito político e quen queira ler ten todo sobre a mesa: o xeito no que tratas á xente, o xeito no que tratas a túa obra, o xeito no que traballas…”

En canto ás referencias, alén de Jon Hopkins, Four tet, Polar inertia ou o primeiro James Holden, un nome repítese en varias ocasións ao longo da conversa con inorantes: The Field. Nelo refírese a el en termos próximos ao fervor relixioso. “É, para mín, a Alfa e a Omega. Todo comeza e remata na súa música”, expresa o vigués. Coméntase que foi nun concerto dese artista sueco cando sentiu a chamada definitiva da música electrónica.

A “énfase física” do directo

A forma en que Pálida se presenta ante o público é moi expresiva, como se quixera infundir nos espectadores o efecto catárquico de depuración da alma e das paixóns. Como se a súa música tivera algo de narrativo. Según explica, todo isto débese a que “o xeito no que eu me acheguei á música era moi físico: o instrumento contra o corpo, a vibración do son…”. Sempre traballa ollando o directo, por iso “non penso en termos dunha canción e logo outra. Trátase de crear segmentos, máis ou menos grandes e densos, que vou poder colar ou fusionar con outros”. Tanto é así que o seu último LP, Shönen Kingdom (2018), é unha gravación ao vivo con novos temas. O seu particular Raw Power da electrónica: nese disco congrega ao IDM, a estrutura do anime, o retro-house e o clubbing.

Sinala que lle falta concreción, pero nos novos temas que está a compoñer pensa nunha “experiencia de estudio máis pechada en si mesma. Logo xa buscarei o xeito de levalo ao meu terreo no directo”. Esta estética de contrastes, que caracteriza ao artista, vislumbra unha tensión entre a improvisación e a planificación medida. Ainda que non parece que exista un equilibrio de forzas e hai certa querencia pola invención repentina. Por “non saber moi ben o que acaba de acontecer”. Nun libro de Vila-Matas dise que entender pode ser unha condea. E non entender, a porta que se abre.

Ao respecto, Nelo conta unha fermosa anécdota: “houbo unha festa que estivo moi ben. Chegou un punto da actuación no que me din conta de que podía intervir no estado, xa alterado, da xente a través da música. Fíxeno variando o son dos sintes, retorcendo os audios, dándolles diferentes caracteres… E, sobre todo, facendo lentas transformacións no son, detectei que podía modular o estado da xente. Especialmente, dos que consumiran MDMA. Observabas unha reacción física da xente: era moi divertido e bonito de ver”. Este comentario é case un manifesto contra a frialdade snob e amosa un profundo respecto polo candor do público, tal e como diría Carl Wilson.

Os medios técnicos

“Danme pánico os ordenadores no escenario. Non me fío deles. Cólganse e deixante vendidísimo”. Nelo é un artista previsor, que prefire restrinxirse antes que ter que cancelar un concerto por problemas técnicos. A cuestión é que tampouco emprega a computadora para crear. Nese caso “ten que ver co feito de impoñerme limitacións. Está ben traballar coas limitacións que impoñen os instrumentos que tes. Por un lado, obriga a exprimir o equipo e, por outro lado, é estimulante a nivel creativo: obriga a empregar a imaxinación”.

Unha vez máis, a idea de improvisación e do audiovisual, un mundo do que tamén ten amplos coñecementos. Neste caso, imposible non pensar no “voto de castidade” do cinema Dogma: as dez regras que calquera filme debería cumprir. Ademáis, en termos económicos, fala de que “se quería sacar adiante proxectos persoais, alén de seguir a miña musa, tiña que traballar dentro dun marco que me fose accesible”. Con óptica filosófica fala da importancia da “reciclaxe interior”. É dicir, que cómpre compatibilizar as ideas creativas con “sacar as cousas adiante e velas terminadas, aínda que non sexa coa finalidade ou co acabado que che encantaría”.

Seda, na procura da confluencia estética | Foto: Alexandra Padín

Hai, logo, aquí un vencellamento entre metodoloxía e política? Resposta: “non pretendo dar unha mensaxe política, pero fago as cousas dun xeito político e quen queira ler ten todo sobre a mesa: o xeito no que tratas á xente, o xeito no que tratas a túa obra, o xeito no que traballas…”

Seda

En tempos recentes Nelo compatibiliza a natureza introspectiva de Pálida con Seda, o trío de Vigo no que comparte protagonismo con membros de Dois e Jay. “Logo de tantos anos cun proxecto en solitario, é moi agradable e refrescante o feito de tocar con esta xente que, ademais, son boísimos amigos meus”, declara. O escoitado ata a data soa fantástico e resulta moi heteroxéneo. De feito, se hai algo en común dos proxectos orixinais que desembocaron en Seda, iso é o eclecticismo. O moañés sinala que “o motivo troncal da música que facemos con Seda é que resulta colorida”, a partir de aí hai unha certa liberdade derivada da tricefalia. Nese bazar de estilos “moitas veces a forma final das cancións non ten nada que ver coa idea orixinal”.

Está ben traballar coas limitacións que impoñen os instrumentos que tes. Por un lado, obriga a exprimir o equipo e, por outro lado, é estimulante a nivel creativo: obriga a empregar a imaxinación”

A día de hoxe confirma que “estamos nunha fase moi boa, na que nos coñecemos mellor (…) O que facemos é chegar, ensaiar e poñernos a improvisar: ver o que sae. Procuramos que haxa unha gravadora rexistrando o proceso para que non se nos olvide”. Están compoñendo un novo EP e, agora que ensaian con maior frecuencia e regularidade, “hai certa vontade de homoxeneizar”.

Semella que as letras, onde “cada un escribe as partes que canta”, son un bo punto de partida. Remarca que, desde a súa apreciación persoal, “se colles todas as letras vai aparecendo unha sorte de nexo temático. Teño a sensación de que os tres temos tendencia a escribir sobre a nostalxia, a melancolía, o contraste entre o que aspirabas que fose o mundo circundante e a realidade que atopas”. Pero, de momento, non hai unha intención nin nada pactado entre os músicos.

O día do concerto no Esmorga, este venres, “Seda vai estrear un novo tema, acompañado dun videoclip. A canción chámase Trenzas e, xunto a Nieve en el ático e Cueva negra, forman o noso segundo EP”, anuncia Nelo. Tamén vai actuar con Pálida. Este proxecto individual vén sendo ao festival algo similar a Shellac co Primavera Sound: cinco edicións, cinco participacións. “Penso moi a miúdo que se morro mañá(…) houbo un festival no que toquei en todas as edicións”.

O entusiasmo co que fala do Esmorga chega a ser contaxioso. O certo é que na vila lucense gárdanlle un especial cariño. Conta, entre risas, que “hai un certo amor recíproco e é relativamente habitual (…) que me coreen ‘o fillo de Sarria'”. Este ano, con dobre participación, parece ir polas chaves da localidade. Ten pensado facer algo especial neste quinto aniversario? “Entregarlles o meu corazón un ano máis, porque non sinto senón gratitude cada vez que subo a ese escenario”. Agardemos, pois, grandes cousas. Que se apropie da súa descripción de The Field. Que a quinta vez sexa “a da maxia, a hipnose, o trance”