Loading

  Seda + Dûrga + Voltaica + Ànteros + Tuya + Sierra + El Lado Oscuro de la Broca + Pálida

  Sala Litmar. Sarria

  15 de marzo de 2019

Eclecticismo como filosofía vital. A primeira xornada do Esmorga Fest en Sarria (Lugo) arrancou (puntual!) coa mala nova aínda quente da baixa de Toundra, cabeza de cartel do sábado. A organización reaccionou con axilidade anunciando a Triángulo de Amor Bizarro como substitución e, pola súa banda, os esmorgueiros non fallaron á convocatoria. Dicíamos eclecticismo xa que nesta quinta edición o festival aposta claramente pola diversidade de sons, dende a mestura dos vigueses Seda, ata o pop amable de Sierra e a electrónica de Pálida (un clásico na cita xa que estivo todos os anos), pasando polo postrock de Dûrga e Ànteros. Por cuestión horaria, Sierra e os zamoranos El Lado Oscuro de la Broca fixéronse co público e obtiveron a mellor acollida. A continuación as nosas impresións dalgúns dos concertos máis chamativos do primeiro día do Esmorga.

Seda

Os bolos deste proxecto no que conflúen un integrante de Jay, outro de Dois e Pálida cóntanse polo de agora cos dedos dunha man. Mentimos. Fan falla dúas: no que foi o seu sétimo concerto tras o seu paso por festivais como o Monkey Week de Sevilla e citas máis underground, os de Vigo fixeron algo formidable en Sarria. Cortiño, apenas media hora, pero con tempo para deixar abraiado a máis de un. Abrir a primeira xornada adoita ser complicado e quentar motores nunha localidade do interior de Lugo, en inverno, máis. Sen embargo, e aínda que o público foi tardando en chegar, o seu recital con mestura de hip-hop, pop, electrónica, jazz… elevou a temperatura da sala Litmar. O trío fai algo bastante  difícil de definir e aí está a gracia e o grande do seu proxecto. Xa o dixemos hai tempo, esta é unha banda á que ter en conta desde xa.

Seda tiveron a difícil tarea de quentar motores no Esmorga Fest

Dûrga

Din que o postrock está de moda. Pois Dûrga (deusa hinduísta cuxo nome significa “a inaccesible” ou “a invencible”) marcan tendencia. O trío de Valencia presentounos en Sarria o seu último traballo, De Lira Ire, co que a Litmar reduciu o barullo para escoitar cadencias suaves e cun son hipnótico. Se ben é certo que se apreciou certa falta de presencia ou punch no directo (o disco ten máis forza e nel os instrumentos conflúen mellor que como o fixeron anoite) o seu foi un dos nosos recitais preferidos. Houbo algúnha canción con letra pero triunfou a musicalidade. Por momentos teñen ecos aos enormes Mono (nin máis nin menos e salvando as distancias) e noutros recordan máis a Toundra, pero é precisamente a voz e as letras o que os define e dalles carácter propio. Poemas que por outra banda teñen o cheiro emo tan característico de estilos como o screamo (“Ahora celebro la vida, que hay un mundo entero por conquistar”, din en Stella, un perfecto exemplo da fusión de Toundra e Mono que fan os valencianos). Din que o seu De Lira Ire significa “desviarse do rego” ou “desviarse da norma”: nós creemos que camiñan con pé firme, como hai que facelo, desviados da norma.

 

Ànteros

Seguimos co menú de postrock que nos ofreceu o Esmorga, agora con Ànteros, banda consolidada neste mundillo. Neste caso, hai que pensar na mitoloxía grega, xa que a banda fai referencia no seu nome á personificación do amor correspondido, vengador do amor non correspondido. O seu é posthardcore e screamo, un todo en un. Con integrantes de outras bandas recoñecidas e xa máis rodados que Dûrga, o de Anteros foi unha brutalidade. Unha única pega: empezaron co son excesivamente alto, ao noso xuízo. Sen embargo, a partir da segunda ou tercera canción, foi un concerto perfecto. Tiñamos expectativas postas neles, pero superáronas tanto en intensidade como coordinación. Nos seus temas reinou a instrumentalidade nun directo moi potente acompañado ás veces pola voz desgarradora de  Endika Pikabea. Dos cataláns podemos dicir xa non que hai que estar atentos, senón que a súa é unha carreira que xa despegou.

 

El Lado Oscuro de la Broca

Son seis e iso, sobre o escenario, nótase. O son industrial co que naceu a banda zamorana encheu a sala acadando un dos puntos máis enérxicos e épicos da noite do venres. Rifs de guitarra e ritmos veloces nun estilo que, se ben de primeiras pareceunos algo falto de personalidade, foi cobrando sentido a medida que avanzaba a súa presentación. Iso no plano musical, porque no das letras, El Lado Oscuro de La Broca non están faltos de discurso, como amosa o tema La Golondrina, que trata da súa cidade e de cómo envellece, baseándose nunha obra do pintor Antonio Pedrero, que representa unha estampa típica dun bar mítico zamorano onde se reunían escultores, poetas, escritores… Rober, Juan, César, Roger, Rubén e Diego autodefínense como “varóns de orixe caucásico, boas persoas, traballadores, humildes e amigos dos seus amigos”, non sen ironía e certa alusión ao discurso políticamente correcto que eles rompen: non hai mulleres na banda, pero non será por antipatía cara elas. 

E, así, sen descanso, o festival continúa e encamíñase cara a súa xornada grande, a deste sábado. Sen respiro, posto que pasado o mediodía comeza a sesión vermú. Todos á La Unión!

Ligazóns:

Crónica do Esmorga Fest (II)

Conversa con Nelo, de Pálida e Seda