Loading
alexandro

Alexandro combate o lume

  Alexandro. Lume

  Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ourense

  De luns a venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00

  Sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 

 Ata o 21 de abril. 

  Entrada de balde

O Centro Cultural Marcos Valcárcel exhibe Lume a serie máis recente do pintor ourensano Alexandro. Estivo inmerso neste traballo entre os anos 2016 e 2018. Todas as obras colgadas, trinta en total, expresan a desolación ante a destrución dos montes, abrasados polas lapas. A exposición, pois, pode interpretarse nun dobre sentido: por un lado expresa o estado de ánimo do artista e, por outro lado, implica a denuncia social ante unha lamentable situación, que no noso país se repite de xeito cíclico. O artista define a escena como “unha nova paisaxe lunar, o terrible de sentir o impacto de ver arder Galicia e perder na escuridade a luz atlántica”. Está comisariada por Antón Castro. É a primeira ocasión en que a curadoría, excepcionalmente, non recae no responsable da montaxe.

Alexandro (Ourense, 1949) é un artista que percorreu o mundo na procura do eu creativo. Residiu en Alemaña, Dinamarca e Francia. Expuxo en París e tamén en Nova York. A súa obra foi moi apreciada polo artista Xaime Quesada que, referíndose a Alexandro, afirmou que “a pintura platónica e o amor acaparárono sempre”. Amosa unha ducia de referentes e todos eles teñen un lugar común: a forza expresiva dos seus traballos. Goya, Pollock, Bacon, Saura ou Richter agóchanse na alma das súas pinturas. Abundan os negros e as terras, os valores táctiles e o neobarroquismo dun creador exaltado e xenuino.

  Infórmate:

Entrevista a Alexandro en La Región

Texto da exposición

Reproduce: