Loading
Alguén que Respira!

Dicía Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago, na presentación da segunda edición do Alguén que Respira! que “a boa poesía non é nin local nin internacional”. A boa poesía é universal. Un pensamento este que nos trae á cabeza aquilo que escribiu Percy B. Shelley na súa Defensa da Poesía: “A gran poesía é infinita, como aquela primeira semente que potencialmente contivo en si todas as árbores da súa especie”.

O Alguén que Respira! traerá un chisco desa universalidade poética a Santiago entre o 21 e o 23 de marzo. Exercerá de semente potencialmente infinita no Teatro Principal. Unha semente que promete agromar. “Este é un festival con proxección de futuro”, di Branca Novoneyra.

E se ben é certo que a verdadeira poesía non é nin local nin internacional, non é menos real que hai países e falas nos que, por unha razón ou outra (unha certa instrospección das xentes, unha certa sonoridade do idioma), a poesía enraízase con forza. Galicia e o galego son un bo exemplo.

Teatro Principal
O Teatro Principal será un dos grandes protagonistas do Alguén que Respira.

Seica Cunqueiro chamou ao galego “lingua de pobres e de poetas”. Hoxe, por fortuna, xa non é lingua de pobres (ou quizais, por desgraza, si), pero segue a ser fala de poetas. E como non vai ser lingua de poetas a lingua de Martín Códax, Airas Nunes ou Meendiño? Como non vai ser lingua de poetas a lingua que rexurdiu con Rosalía e Pondal? A lingua que nos deu o De catro a catro de Manuel Antonio, que nos deu a Manuel María e Uxío Novoneyra, a Lois Pereiro e Xela Arias

Nomeamos unha decena de poetas xa desaparecidos, mais por cada un deles hai unha ducia de novos poetas, infatigables, prolíficos e vizosos. Galicia e Santiago, en definitiva, precisan dun festival como este Alguén que Respira! E a súa segunda edición e consolidación supón unha excelente nova cultural para o país.

Elisa Lucinda
A brasileira Elisa Lucinda será a encargada de clausurar o festival.

Día Mundial da Poesía

Por que o 21 de marzo? Por que o festival comeza ese xoves co lanzamento de foguetes dende Galeras? Pois porque nesa xornada se celebra o Día Mundial da Poesía. Unha conmemoración impulsada pola UNESCO, que este ano cumpre dúas décadas. O organismo internacional quixo separar o Día do Libro do da Poesía para darlle un maior realce á lírica, tantas veces á sombra da prosa. E  en 1999 elixiu para conmemoralo o día que se celebra o equinoccio de primavera.

Máis de 50 artistas

Mais deixémonos xa de preámbulos e metámonos en materia. Deixemos o prólogo e introduzámonos nos versos. Vexamos que é o que poderemos atopar entre o xoves 21 e o sábado 23 de marzo no Alguén que Respira! Como visión global, diremos que serán máis de 50 os poetas e artistas galegos, españois e internacionais que tomarán parte no festival. Todos os eventos celebraranse no Teatro Principal, que se converterá nun protagonista máis (non un máis, senón un dos principais protagonistas) do evento.

Raúl Zurita
O chileno Raúl Zurita é un dos mellores poetas iberoamericanos actuais.

Raúl Zurita

Unha das grandes presenzas deste festival será a do chileno Rául Zurita, considerado un dos poetas iberoamericanos actuais máis importantes. Zurita tivo que soportar a ditadura militar de Pinochet (foi detido e torturado) e escribiu a súa gran obra coa triloxía Purgatorio (1979), Anteparaíso (1982) e La Vida Nueva (1994). Mente lúcida e crítica, dicía nunha entrevista recente: “Somos una raza asesina condenada a pelear por la felicidad (…) Cuando uno ve la caravana de migrantes que viaja a Estados Unidos, lo mal que están los que están mal, dan ganas de pensar que lo mejor sería que ocurriera el calentamiento global de verdad y vinieran olas de 400 metros y nos barrieran de la faz de la tierra”.

As súas performances poéticas son famosas e polémicas por igual. Unha das máis populares e fermosas foi aquela que en 1982 levou os seus versos ao ceo de Nova York co fume de cinco avións. Recentemente operado de parkinson, Zurita non quixo perderse o Alguén que Respira! e promete unha actuación moi especial.

Raúl Zurita participará no recital co que se celebra o Día Mundial da Poesía o xoves 21 ás 20:30. E ese mesmo día tomará parte no Café con Moha das 13:00.

Golgona Anghel

Con Golgona Anghel dáse unha circunstancia particular. Converteuse nunha das poetas en lingua portuguesa máis interesantes da última década, mais resulta que naceu e creceu en Romanía. É un deses estraños casos de alofonía que a emparentan cos Conrad, Nabokov ou Kundera. Licenciada en Estudos Portugueses e Españois na Universidade de Lisboa, a súa obra está escrita maioritariamente na lingua de Pessoa, malia que tamén o ten feito en castelán. É posuidora dun estilo moi persoal, con influencias do pop e da posmodernidade. Entre os seus versos algún xa se fixo popular como ese que di: É como a Salomé — dizem — pede cabeças mas só lhe entregam pizzas.

Golgona Anghel participará no recital co que se celebra o Día Mundial da Poesía o xoves 21 ás 20:30.

Elena Medel

Outra nova poeta que chegou coma unha treboada ao mundo da literatura hai xa máis dunha década é a cordobesa Elena Medel, que non só nos ten regalado varios poemarios brillantes ou o recente ensaio Todo lo que hay que saber de poesía, senón que é a editora dunha editorial tan querida como La bella Varsovia, unha desas editoriais que posibilita que a poesía siga resistindo ameazas (as tradicionais máis a novísima da pseudopoesía de redes sociais). Con só 33 anos ás costas, a traxectoria de Medel fainos pensar que exprime décadas das que o resto só extraemos unhas gotas de zume.

Elena Medel participará no espazo Atraversei a Cerca do sábado 23 ás 19:00. E ese mesmo día tomará parte no Café con Moha das 11:30.

Elena Medel
Elena Medel, poeta e editora en La Bella Varsovia.

Elisa Lucinda

E se Elena Medel é unha treboada, Elisa Lucinda é o furacán. A brasileira será a encargada de clausurar a segunda edición de Alguén que Respira! Elisa é máis cunha poeta, é todo un espectáculo.  Ás veces adoita pensarse nun recital poético con algo ligado á circunspección, algo serio, un pouco gris, mesmo aburrido. Iso pénsao quen non coñece a Elisa Lucinda, que é quen de facer maxia coa oralidade (a oralidade, unha das claves deste festival), coa súa capacidade de transmitir coa palabra, de removelo todo e orixinar o furacán.

Elisa Lucinda pechará o festival no último evento do mesmo, que comezará o sábado 23 ás 21:00. Ese mesmo día tomará parte na Conversa Poesía en Escena das 13:00.

Ronseltz

Unha das citas máis nostálxicas do Festival será a que consiga reunir ao colectivo Ronseltz, aquel grupo poético amigo das trasnadas que a mediados dos 80 axitou a cidade da Coruña. Os nomes máis importantes foron os de Xabier Cordal, Manuel Cortés (máis coñecido agora como actor en Chévere), Serxio Iglesias, Xoan C. Rodríguez e Miki Nervio). Colaboraron en varias publicacións, pero editaron un único volume, con Edicións Positivas, cun título que fala ás claras do que foi aquel grupo: Unicornio de Cenorias que cabalgas os sábados.

Escollamos un par de poemas ao chou desta antoloxía. Por exemplo, ao que chamaron Galiza, que di: Todo na miña terra é paisaxe / Menos traxe, / paxe / e garaxe. Ou aqueloutro ao que lle puxeron o título de Neotrovadorismo II (cantiga de amigo, escarnio e mal dizer): Antes eras un colega / pero agora / me cago en tu puta madre / me cago en tu puta madre. Segundo Antón Lopo, director do festival, os membros de Ronseltz non se falan dende os 80. Esperemos que o reencontro non faga precisa a utilización deste último poema.

O colectivo Ronseltz participará en Catro Graos de Abertura, dedicado á Oralidade o xoves 21 ás 18:30.

Ronseltz
Unha instantánea do colectivo Ronseltz aló pola década dos 80.

Pilar Pallarés

Pilar Pallarés foi unha das poetas galegas máis importantes dos primeiros 80, tamén radicada na Coruña, como Ronseltz. O seu poemario Entre Lusco e Fusco, de 1980, publicado con só 23 anos, supuxo unha importante renovación para a lírica galega. Tras uns anos afastada da primeira liña literaria, Alguén que Respira! vainos permitir disfrutar “do primeiro recital poético de Pilar nunha década”, tal como conta Antón Lopo.

Pilar Pallarés participará no recital co que se celebra o Día Mundial da Poesía o xoves 21 ás 20:30.

Bertsolaris e slam

Alguén que Respira! tamén ofrecerá por primeira vez unha actuación de bertsolaris en Galicia traducidos de forma simultánea ao galego. Os bertsolaris son poetas populares que se caracterizan pola improvisación oral. O máis semellante que temos en Galicia ao bertso euskaldun son as regueifas, que están a experimentar na actualidade un certo e salientable renacemento neste novo tempo para a oralidade. O venres estarán no Principal dous grandes bertsolaris: Jon Maia, que tamén é escritor e compositor de letras de artistas como Negu Gorriak, Def Con Dos, Esne Beltza ou Ken Zazpi; e Amets Arzallus, que chegou ser campión nacional de bertsos en Euskadi.

Amets Arzallus
O bertsolari Amets Arzallus, nado en Iparralde.

O mesmo venres haberá un campionato de slam, no que os participantes enfrontaranse a través de recitais dramatizados, estará conducido pola dramaturga Esther F. Carrodeguas e nel participarán Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Clara Gayo, Malvares de Moscoso e Silvia Casal.

Os bertsolaris ofrecerán o seu espectáculo o venres 22 ás 19:30. O torneo de slam celebrarase ese mesmo día ás 18:30.

Rap e hip-hop

O festival Alguén que Respira! entende a palabra poética coma algo moito máis amplo que o concepto tradicional de verso e rimas. Unha boa mostra do universo que se abre arredor da lírica son as sesións de rap a cargo de García MC, un dos fundadores de Dios Ke Te Crew e gran animador do rap en Galicia, que estará acompañado de LAR Legido, batería de Sumrrá, un dos mellores percusionistas que se poden atopar. O festival tamén contará coa presenza de Hard Gz, que con só 23 anos ten conquistado o panorama nacional e internacional da arte urbana.

O espectáculo de García MC e LAR Legido terá lugar o venres 22 as 20:30. Hard Gz tomará parte no festival o sábado 23 a partir das 21:00.

Hard Gz
O artista urbano Hard Gz, unha das voces máis transgresoras do Alguén que Respira!

Oito estreas

Alguén que Respira! non só quere debuxar en Compostela un panorama do que se está a mover na poesía actual, tamén pretende ser motor para a creación. E por iso trae oito propostas que son estreas absolutas no festival, que probablemente despois de poderán ver noutras partes, pero que se disfrutarán por primeira vez no Teatro Principal. Entre elas un videpoema de Margarita Ledo, un espectáculo entre Ana Romaní e Chus Silva, o proxecto no que colaboran Nuria Vil e a banda de psicodelia Rabuda, así como propostas por parte de Silvia Penas ou Mónica Caamaño.

Ana Romaní, Chus Silva e Margarita Ledo participarán en Atraversei a Cerca o sábado 23 ás 19:00. Nuria Vil e Rabuda estarán no Catro Graos de Abertura dese mesmo sábado ás 18:30. Mónica Caamaño e Silvia Penas, tamén o sábado, tomarán parte no evento de clausura a partir das 21:00. Silvia Penas tamén estará no Café con Moha do xoves 21 ás 13:00.

Teatro Principal

Dixemos ao principio que o Teatro Principal ía converterse nun dos grandes protagonistas do festival. Alguén que Respira! daranos a oportunidade de coñecer un escenario tan importante para historia da cultura galego. Pero non coñecelo de calquera forma, senón coñecelo intimamente, os seus recunchos. Ana Romaní e Chus Silva compartirán o seu proxecto no faiado do teatro cun grupo (necesariamente reducido) de espectadores, porque tal e como conta Antón Lopo: “O faiado está tal como estaba cando o construíron en 1841, coas mesmas madeiras e os mesmos cravos”. Elena Medel estará na chácena do teatro, tras o escenario. Visitaremos os lavabos e tamén os ambigús onde terán lugar os Cafés con Moha, charlas acerca de poesía cunha sobremesa especial elaborada para cada ocasión polo famoso hostaleiro compostelán Moha…

En definitiva, Alguén que Respira! é moito máis ca un festival poético e un convite a que Compostela respire poesía, que agrome esa semente que contén todos os poemas e a beleza do mundo.

Tedes o programa completo do Alguén que Respira! nesta ligazón.