Loading

A poesía é unha fonte permanente de consellos para Xosé Luís Méndez Ferrín. O escritor ourensán foi o encargado de preparar o manifesto do Día Mundial da Poesía, que se celebra o 21 de marzo, e que compartirá cos asistentes ao Alguén que Respira!, a segunda edición do festival da palabra poética, impulsado polo Concello de Santiago

“Para min é unha inmensa satisfacción participar nun festival que ten unha dimensión verdadeiramente creativa e transformadora. Non é unha mimetización de vellos festivais que houbo de poesía. Recórdame un pouco á gran invasión que sufriu Santiago cando o PEN Clube fixo da capital clerical de Galicia a capital da poesía liberadora”, lembra.

“Hai uns cantos anos diso”, recoñece Ferrín con certa ironía. O escritor refírese ao 60 Congreso Mundial do PEN Club Internacional que tivo lugar en Compostela no ano 1993 por iniciativa do club galego. Nel participaron uns trescentos escritores que representaban a cincuenta linguas diferentes.

Méndez Ferrín
Méndez Ferrín foi o encargado de escribir o manifesto polo Día Mundial da Poesía.

“Santiago non só é un reduto da mentira histórica, centrada no gran embuste do sepulcro Xacobeo e no predominio do clero católico caduco, senón que tamén é a capital da poesía libre”. E así o demostra a segunda edición do Alguén que Respira! que se desenvolverá do 21 ao 23 de marzo.

Conversar con Ferrín ten moito de aventura. Non se pode calcular onde vai viaxar a súa mente porque as súas anécdotas e lembranzas son incontables. Nunca sabes onde vai aniñar o seu pensamento cando lle formulas unha pregunta. O que está claro é que vai fiando un lúcido discurso para levarte ao sitio concreto ao que el quere chegar.

Non lle presta demasiado falar da produción literaria que aínda ten entre mans, sempre se coida moito de avanzar as súas publicacións. A última delas unha recompilación dos artigos que publicou dende o ano 1979 en Faro de Vigo, Arraiano entre arraianos, editado por Positivas coa colaboración da revista Arraianos. 

Santiago non só é un reduto da mentira histórica, tamén é a capital da poesía libre”

Ferrín recoñece que segue a escribir, que lle dá ás teclas da súa máquina para crear versos, aínda que o fai cando llo permiten “os achaques”. O que fora director da Real Academia Galega chegou o ano pasado aos oitenta rodeado da familia e os amigos.

Algún artefacto literario ten entre mans, pero non revela os detalles. “Sigo traballando… Non me preocupa demasiado nin teño présa. Xa de novo dosificaba moito as miñas aparicións en forma de libro. Nunca tiven présa por publicar, e menos hoxe”.

Convimos que tampouco é bo sentir esa présa por publicar. “É un sinal de ansiedade”, resume. A súa escrita é efervescente, mais precisa do acougo para agromar.

O escritor ourensán asegura que segue a escribir pero non ten présa por publicar.

E pasamos a falar dos autores e autoras, deses referentes, que o teñen axudado na escrita do manifesto para o Día Mundial da Poesía que lerá en Compostela o xoves 21, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, o gran escenario do festival.

“Os poetas constrúense sobre o que escribiron, falaron ou dixeron outros poetas anteriores”, asegura. “Non hai poetas orixinais no mundo. Iso non existe. Todo se fai sobre unha tradición. O que pasa é que un escolle aos afíns, aos que lle din algo, e eses adoitan ser conselleiros permanentes. Están aí, sempre”, engade.

Nunca tiven présa por publicar, e menos hoxe”

“Para min, por exemplo, A Ilíada está sempre. Sobre todo algunhas pasaxes. Máis que a Odisea, que é máis ben unha novela de aventuras, magnífica e espléndida”, conta.

Non quere citar nomes concretos, pois afirma que está influído por toda a tradición literaria galega. Porén, confesa: “Nunca vou estar lonxe de Pondal, de Rosalía e de Curros. Están aí sempre. Van comigo a todas partes”.

Nunca vou estar lonxe de Pondal, de Rosalía e de Curros. Están aí sempre. Van comigo a todas partes”

Asegura que está completamente ao día de todo o que se publica en galego e non lle perde a pista ás novas voces da nosa poesía. “Sigo moi atento todo o que se edita en galego, pero xa non tanto ao que se publica noutras linguas. Cando era novo estaba moi atento ao que saía en Francia, pero non sei dende cando non aparece un poeta alí; ou eu non son sabedor de que apareceu, que pode ocorrer”.

“Hai un certo retroceso”, sinala sobre a produción poética francesa, “non sucede así na poesía anglosaxona onde están continuamente aburbullando novas voces”.

 

O certo é que a precariedade nunca abandonou á literatura galega, unha sobrevivente absoluta. Neste escenario, onde as librarías son espazos de resistencia, calquera pode preguntarse: que estamos a facer mal?

“Nós non estamos facendo nada mal, a literatura galega está florecente, activa, en todas as súas dimensións”, di Ferrín. “O que ocorre é que o mercado do libro, e falo de comprar e vender, está en transformación. Non hai un descenso na venta de libros en galego, pero si hai unha ameaza tremenda para as librarías, que é o que representa Amazon como monopolio da venta en liña”, explica.

A literatura galega está florecente, activa, en todas as súas dimensións”

De feito, este mes anunciou o seu peche unha das librarías viguesas de referencia para o escritor, Andel. “Lamentablemente non hai competencia posible. A parte máis feble, que se manifestou en Vigo, foi unha libraría monográfica e especializada só no libro galego e portugués. Era a máis vulnerable e foi ferida de morte”, critica.

“Estando subvencionada a igrexa católica non sei por que non podían estar subvencionadas as librarías nacionalistas galegas, que son máis útiles que as parroquias e os seminarios, que tampouco teñen clientes nin venden nada”, propón Ferrín.

Estando subvencionada a igrexa católica non sei por que non podían estar subvencionadas as librarías nacionalistas galegas”

O que para el está claro é que “hai unha poesía xove galega que exerce unha influencia hexemónica sobre a poesía española e sobre a poesía en lingua inglesa dos Estados Unidos e de Canadá”. “Véxase o caso de Chus Pato. Iso é evidente, só hai que ler un pouco para decatarse”, asevera.

Xa con certa nostalxia, insiste Ferrín sobre os poetas máis novos da tradición galega: “Eles están sen terminar de falar, e eu estou rematando xa”.