Loading

Crónica do Esmorga Fest (II)

  Ladrillo y Mujer + Juanita Dinamita + Amor Germanio + Bestia Bebé + Don Gonzalo + Apartamentos Acapulco + Perro + TAB + Lagartija Nick + Carolina Durante + Za! + PV3000

  La Unión + Sala Litmar. Sarria

  16 de marzo de 2019

A xornada grande do Esmorga Fest, a do sábado, empezou ben cedo na sociedade recreativa La Unión, un espazo que nos encantou polo que ten de amalgama entre o vintage máis rancio e a modernidade máis milenial. Xa na sala Litmar, esa oda ao discotequeo da Galicia dos 70, e con un cheo que obrigou a colgar o cartel de sold out, vivimos grandes concertos. Contámosvos algúns dos máis interesantes.

Bestia Bebé

Estes catro rapaces arxentinos e, como non, futboleiros (son de Boedo, de onde é o San Lorenzo de Almagro, pero algún deles é do Racing), foron, pode ser, das experiencias máis refrescantes desta quinta edición do Esmorga. Na sociedade recreativa e cultural La Unión o seu concerto tivo ecos para algúns ó de La Plata do ano pasado, con paradoxa incluida xa que os de Levante levan por nome unha cidade do país dos Bestia Bebé. O seu pop natural e sen pretensións (ás veces tampouco pasa nada por gozar con un pouco de radiofórmula) puxo a bailar ó público e deixou rimas pegadizas nas cabezas dos festivaleiros. O primeiro LP da banda arranca coa intro do xogo Super Star Soccer Deluxe, todo un detalle. Un bo descubrimento dunha banda que anda pola península de xira con Apartamentos Acapulco, aos que animaron con cánticos como bos aficionados xa na sala Litmar.

 

Apartamentos Acapulco

Os granadinos subiron sensiblemente o nivel respecto do visto en La Unión. O seu discurso está absolutamente marcado pola nostalxia, co shoegazing que fixo de ponte entre as décadas dos anos 80 e 90 como leit motiv. Na Litmar amosaron dúas caras, chegando a ser o seu concerto un pouco previsible. Por unha banda, buscaron a construción de atmósferas introducindo diferentes capas nas súas cancións. Nese punto, certa distorsión dos graves e a escasez de matices evita o magnetismo pretendido. Como se buscasemos sumerxinos no universo de David Lynch e, no canto diso, nos sae un serial do Lindelof máis trampulleiro.

Doutra banda, soaron verdadeiramente contundentes cando se mantiñan no límite de intensidade do seu son. No cumio dos crescendos captaron, por méritos propios, a atención do público. Esa constante, durante todo o directo, entre a tentativa de gravitar e a tempestade sónica, chegou a facerse un tanto repetitiva. O setlist entrelazou temas do seu traballo máis recente cos das súas publicacións anteriores. Destacamos as interpretacións de Hola y adiós, Deseo, Nunca te dije, La mujer y el monstruo e, por riba de todas elas, Scarlett. Correcto arranque no escenario principal para un grupo que, tamén ao vivo, amosa un exceso de saudade por referentes pasados que xa debería ir sendo hora de superar.

>

 

Perro

Os murcianos son sinónimo de diversión. “Somos de Murcia, África”. Así se presentaron no Esmorga, que debeulles molar cando volven despois daquel 2016 no que compartiron cartel con Disco Las Palmeras!, Juventud Juché, Tigres Leones, Bala… Por entón andaban co disco Estudias, Navajas. Agora, o seu último álbum, Trópico Lumpen, téñeno bastante rodado, porque se algo fan estes rapaces é tocar por moitísimas salas. As dúas baterías sempre foi algo que nos marabillou deles e, agora cada vez máis enfocados ás distorsións pseudoelectrónicas, moi presentes no último LP, volveron tolo ao auditorio. As letras, como sempre, do máis surrealista, e non faltou o himno con mención expresa a Karpin, Finidi e Hasselbaink

>

 

Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro aterraron no cartel do Esmorga Fest por sorpresa en substitución de Toundra, que por desgraza tiveron que cancelar a última hora, pero o seu foi un concerto para a historia. O mellor ruido que se fixo onte en Sarria levaba o selo dos de Abanqueiro, que aceptaron o reto de incorporarse ao festival e claramente o desfrutaron porque así o transmitiron á xente que encheu o Litmar.

Isa, Rodrigo, Rafa e Zippo conseguen un son tan sólido nos seus directos que resulta imposible non sentirse atrapado por eles. No Esmorga ademais acertaron co repertorio, fixeron un equilibrio perfecto. Soaron as cancións que xa consideramos himnos, como son El fantasma de la Transición, De la monarquía a la criptocracia e Barca Quemada. Houbo tempo para arranxar a historia tal e como nola teñen contado cos temas do seu último EP, Gatopardo, e momentos máxicos como cando medio Sarria berrou a letra de Seguidores: “me gustabas más cuando no hablabas, cuando no me pedías nada”.

A xente voaba por enriba das nosas cabezas e desaparecía entre a masa, incluso algún intentou trepar ao escenario. O de Triángulo de Amor Bizarro onte en Sarria foi unha explosión de enerxía que non se pode explicar. As cancións mistúranse unhas con outras nunha sucesión perfecta que case non che permite facer unha parada para coller folgos. O directo dos galegos non deixou de mellorar nestes anos.

 

Lagartija Nick

Con Crimen, Sabotaje y Creación, os de Granada volven á escena. Reivindicando que son moito máis que a banda que fixo Omega con Enrique Morente, aínda que marcados e orgullosos por iso, Lagartija Nick deron a impresión en Sarria de estar en forma, e non houbo momento para o baixón durante a súa interpretación. Nun contexto en que volve, por así dicilo, a moda do rock andaluz (véxanse bandas como Derby Motoreta’s Burrito Kachimba), eles dan un golpe enriba da mesa co seu rollo alternativo á vella usanza. Mención especial para Eric Jiménez aos tambores. Case Cuatro millones de golpes para a gloria cos que nos agasallou na noite grande do Esmorga (cando, por certo, nos chamou a atención ver a súa historia escrita na zona de merch do festival). 

 

Carolina Durante

Se houbo un momento do festival onde asomaron de xeito masivo os móbiles ese foi o concerto de Carolina Durante, o grupo de moda. Os madrileños saben conectar cos seus fans, empezando pola pose do seu frontman, Diego Ibáñez. O cantante é todo un catálago de teatralidade barroca. A busca continua da instantánea perfecta. A súa proposta anacrónica ten en directo dúas cousas ben satisfactorias: transmiten boas sensacións ao seu público e o seu directo ten forza. En tempos de trap, parece que son cada vez máis estimulantes as respostas planas e básicas. Este cuarteto recolle, claramente, o legado do punk estatal, con Los nikis como estandarte.

Nun momento do show afirmaron que era un “auténtico privilexio tocar despois de Perro, Triángulo de Amor Bizarro ou Lagartija Nick”, como se quixeran advertir de que aínda teñen todo por facer. De que todo acaba de comezar para eles e, aparentemente sen esperalo, convertíronse nun fenómeno da industria do entretemento. Cayetano deu unha das instantáneas do festival cunha sala Litmar entregadísima e, xunto a Veneno e Joder, no sé, os mellores momentos do seu concerto. Na súa man teñen conservar todo este entusiasmo, propio e alleo. Nós estamos convencidos que o seu futuro non se pode ver en La bola de cristal.

>

 

Za!

Como definir o que fixo Za! nesta edición do Esmorga Fest? I+D? Coñecementos musicais aplicados? Deconstrución? Desde logo, non hai unha resposta doada. Aínda que non existe unanimidade entre os inorantes, para quen esto escribe os cataláns deron o mellor concerto do festival. En fondo e en forma. Sendo xustos, cómpre sinalar que unha parte do público xa estaba de retirada e, entre os moitos que alí quedaban, non todos conectaron cunha proposta tan extrema. Mesmo se escoitaron algúns comentarios vehementes ao respecto. Os que si o fixeron, os que si demandaban unha fuxida do rutinario, puideron emocionarse con dous auténticos creadores de música. Resulta hipnótico velos tocar na batería e nos teclados. Igualmente fascinante é o xogo de voces entre os suspiros e os alaridos.

Na súa proposta pode ser difícil distinguir a homenaxe da ironía cando, por exemplo, fan hip-hop. Aínda que iso está máis claro cando cantan “Maricarmen. Maricarmen. Todos mis amigos se llaman Maricarmen”. Na Litmar, durante algo máis dunha hora, viaxamos no tempo e no espazo. Da tribu virxe aos martelos pilóns das fábricas. Do art-punk dos setenta ao big beat dos noventa, pasando polo free jazz dos sesenta. É verdadeiramente impresionante como trasladan o seu concepto ao vivo. O dúo congregou, no seu concerto, todo o relevante da historia da música do século vinte (e parte do vinte e un). E fixérono cun estilo único, propio, xenuino e intransferible. E en tempos de apropiacionismo cultural remataron facendo súas La rave de Dios de Pony Bravo, Smack my bitch up de Prodigy e Bloc Rockin’ Beats de Chemical Brothers. Za! son o estrambótico elevado a categoría estética moderna.

Ligazóns:

Crónica do Esmorga Fest (I)

Conversa con Nelo, de Pálida e Seda