Loading

O Carballo Interplay é xa un festival consolidado de contidos audiovisuais dixitais. Serve como lugar de encontro para toda a xente que está a facer audiovisual en Galicia con internet como soporte principal, tamén ten un público de referencia a nivel estatal e nesta sexta edición, que se celebra do 3 ao 6 de abril, reafirma a súa vontade internacional coa incorporación da Arxentina coma país convidado.

A directora e actriz Sonia Méndez está ao frente do festival, coa xornalista María Yáñez como coordinadora das actividades e a actriz Sonia Lesta como responsable da gala. Elas son parte dun equipo con maioría de mulleres que consegue que a boa experiencia no festival de Carballo chegue polo boca a boca a xente como Rocío Quillahuaman e que faga que queiran repetir Los Prieto Flores.

Como nos comunicamos en internet é un dos leitmotiv deste festival que ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo. Como explican na súa web, os contidos do CIP “van máis alá da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor máis transgresor, a non ficción, a cultura dixital, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base”.

Fotografía de familia despois da gala de clausura da quinta edición do Carballo Interplay.

En galego, en construción. Pitching de proxectos de webserie en galego é un dos apartados máis interesantes do Carballo Interplay, pois trátase de escoller un proxecto para impulsalo e que chegue a materializarse. Na presentación do festival desvelaron que este ano eses proxectos serán Válgame Deus!, Amnesia, A mafia da verdade e Xan. Isto será o xoves ás 19:30 horas. 

Ademais, a continuación vaise estrear a webserie gañadora do premio a mellor proxecto en lingua galega da pasada edición, Sígueme. Creada por Alba Pego, Nuria Cancela, Laura Pose e Aitor Ramos, estudantes de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, trátase da historia dunha estudante de Psicoloxía que, despois de ser expulsada da facultade, decídese a forzar os seus resultados desexados nun estudo con persoas con doenzas mentais.

A xornada do xoves péchase cunha sesión en directo do podcast e videoblog Jirafas, presentado polo compostelán David Sainz, que se emite en Youtube e na plataforma de RTVE PlayZ. Para o especial en Carballo convidaron ao cómico David Suárez e ao guionista Enrique Lojo 

 

Esta edición será tamén un lugar de encontro para os youtubers galegos co seu público. Porque xa se sabe que isto de ser youtuber é un traballo bastante solitario… O venres sairán das súas casas Marcos López (Tele Jaita), Miguel Silva Conde (Aquel-e), Laura Cruxeiras (Corasón de Churrasco, Blanca & Tinta) e Juan Gimel. E o sábado lba Mancebo, Edu Fernández, Olaxonmario e María Mera. Destas conversas pode saír calquera cousa, e por iso paga a pena achegarse sempre a este festival: porque nunca sabes o que vas atopar.

A xornada do venres complétase coa prestrea de Terror y feria, o próximo pelotazo da plataforma de Atresmedia, Flooxer. Dirixida por Benja de la Rosa e producida polos Javis, a serie preséntase como “un Black Mirror co espírito de John Waters, Alfred Hitchcock, La Veneno e Chicho Ibañez Serrador“. Aí o deixamos!

 

Ademáis o venres Aldaolado, é dicir Lucía Aldao María Lado, darán una pseudoconferencia baixo o título O Código Fonte Audiovisual. Sabemos que convidarán a un curator a que seleccione e comente fragmentos de obras audiovisuais embebibles que teñan marcado a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Estamos seguros de que este repaso pola cultura audiovisual da súa xeración estará cheo de frases retranqueiras. 

A propia Sonia Méndez mostrou a súa ilusión pola presenza en Carballo das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López, artífices do show humorístico Hermostra. “Tenemos que escribir un libro en el que podamos decirles a las mujeres cómo conseguir todo lo que desean en la vida, cómo hacer todo bien y, sobre todo, cómo salir adelante frente a las adversidades”. Disto, da muller e das contradicións, vai o libro das arxentinas cuxos vídeos son mundialmente coñecidos polo seu característico xeito de rirse de todo e de todos.

 

Manuel Bartual e o seu xa histórico fío de Twitter que revolucionou ao persoal no verán do 2017 tiñan que estar no Interplay. Pero non de calquera xeito, en compañía do Hematocrítico, Miguel López. Vaia dous. Xúntanse precisamente para falar da súa experiencia usando Twitter como medio para contar historias. Será o sábado ás 11:00 horas. 

Xa dixemos que este é un festival con maioría de mulleres na organización. Poir ben, a sororidade tamén chegou ao programa. E diso, da sororidade no mundo dixital van falar a investigadora e desenvolvedora de videoxogos Isabel Cano e as creadoras de Instagram Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman o sábado ás 12:00 horas.

 

O salón da familia de Borja Prieto e Natalia Flores volverá ubicarse o sábado no escenario do CIP. Los Prieto Flores teñen novos convidados para frikear (non se pode expresar mellor doutro xeito) e serán as arxentinas Charo López e Malena Pichot, El Hematocrítico, Rocío Quillahuaman e Lula Gómez.

Da gala de clausura só podemos dicir dúas cousas. Un, rumoréase que é a mellor gala de entrega de premios do país e dous, o presentador é o actor Alberto Rolán en modo capitán pirata. Para saber máis hai que estar o sábado ás 21:oo horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O peche a toda esta morea de contidos apetecíbeis será unha festa amenizada por Rapariga DJ, aka a ourensá Cristina Pontanilla. Desexámosvos un bo #Interplay19!

Ligazóns:

Conversa con Rocío Quillahuaman

Conversa con Lucía Aldao

*Para coñecer a información completa do Carballo Interplay, podedes premer aquí.