Loading

Seoane, o supremo artesán

Escritor, editor, muralista, deseñador, debuxante, gravador, pintor… a frecuente expresión de ‘home do renacemento’ ten en Luis Seoane un exemplo soberbio. Este ano dedícanselle as Artes Galegas ao noso creador máis internacional. Aprendeu de Os Novos, e moi especialmente de Carlos Maside, a adaptación da vangarda histórica ao contexto galego.

No exilio, quixo manter vivo a un país sometido ao Franquismo mediante as súas publicacións. As súas viaxes por Europa e as súas conversas con grandes nomes da cultura propia (como Castelao) ou allea (como Cortázar), sempre lle aportaron substancia que incorporar aos seus labores creativos: como artista ou como axente cultural.

En 1968 reactivou Sargadelos adaptando a Galicia, xunto ao seu ‘irmán’ Isaac Díaz Pardo, as ideas de Bauhaus e de William Morris. Alguén dixo unha vez e, sen dúbida, dixo ben, que a súa arte é para el como o seu diario. Figura única e irrepetible da que imos amosar varias facetas, centrándonos, debido á especial dedicatoria da Real Academia Galega de Belas Artes, na súa traxectoria artística.

Pintor e debuxante

Fillo de emigrantes, Luis Seoane naceu en Bos Aires en 1910, pero pronto regresou toda a familia a Galicia. En 1916 establecéronse na Coruña e, pouco despois, trasladáronse a Santiago. Na capital galega, iniciou clases con Tito Vázquez, un pintor local, de contrastada calidade e corte académico, moi influido por Velázquez e polo naturalismo. Aínda así, manifestou que lle aportou máis á súa pintura os paseos pola feira de Santiago, os xoves. Alí, na carballeira de Santa Susana, e en ocasións acompañado de Carlos Maside, maior que el e un dos precursores da renovación plástica galega, contemplaba os oficios tradicionais. A vida na aldea, espazo onde pasaba as vacacións, tamén fascinou desde moi cedo ao pintor.

Sendo un adolescente xa expuxo en Santiago, nun comercio da Praza do Toural. Un feito non só anecdótico, senón que fala da precocidade do futuro artista. Esta mostra, como a que fixo nesa cidade, en 1929, estaba composta por debuxos. Nesta última destacan as caricaturas de personaxes das nosas artes e letras como o pintor Maside, o escultor Xosé Eiroa ou o escritor Ánxel Fole. Ao ano seguinte, tamén na capital, inclúe acuarelas e témperas. Por estos anos interésalle o dadaísmo e o expresionismo: George Grosz, Otto Dix, Paul Klee e Picasso son algúns dos seus referentes artísticos. A eles engade importantes valores literarios e científicos como Freud, Dos Passos ou Einstein. A influencia expresionista ten certa lóxica pola urxencia con que ese movemento exhibe os sentimentos dun xeito directo. Individuais (do artista) ou colectivos (do pobo). Algo que vai ser unha constante no pintor.

Portada de Poemas do si e non de Cunqueiro (1943)

Santiago, a finais dos 20 e nos primeiros anos 30, é un fervedoiro cultural. No café Derby concéntrase o máis selecto da vangarda galega. Alí regalaba Castelao a Maside e Seoane diferentes números da publicación L’assiette au beurre. Deste xeito recibirían o influxo dos grandes caricaturistas europeos. Fai debuxos entre 1931 e 1933 para os libros de, entre outros, Álvaro Cunqueiro (Poema do sí e non) ou Aquilino Iglesias Alvariño (Corazón ao vento). Destacan polo seu carácter lineal, sinuoso e certa graza naif. Esa linealidade chega a un maior grao de estilización nas imaxes de liña pechada, contínua e rápida que faría para El Pueblo Gallego.

No exilio en Bos Aires, a onde chega en 1936, continúa ilustrando libros. Entre outros, O muro de Jean Paul Sartre. Por este traballo sería procesado porque, seguindo a temática da obra, os seus debuxos foron considerados pornográficos. O primeiro gran recoñecemento internacional vénlle no ano 1946, coa serie de debuxos Homenaxe á torre de Hércules. Nela destacan Pastor de Arzúa, Na Gándara e varios desnudos femininos. Cómpre sinalar ao respecto a relevancia da muller, en múltiples versións, que ten na obra do artista. As obras desta recompilación caracterízanse pola estilización, os arabescos e o trazo limpo e pechado. En conexión cos augafortes de Picasso para a Metamorfosis de Ovidio. Unha das obras desta serie foi publicada no New York Times, no ano 1946. O motivo foi que Homenaxe á Torre de Hércules fora seleccionada polo American Institute of Graf e pola Pierpoint Morgan Library como un dos dez mellores libros de debuxos publicados no período 1935–1945.

Un dos debuxos da serie Homenaxe á Torre de Hércules (1943)

O seu traballo, como consecuencia da saudade e da persistencia do réxime franquista, non mingua. Ao contrario, intensifícase. Tal e como sinalou o artista “solo atopaba acougo no traballo e na soedade”. Pensemos que a nova realidade xeopolítica que impuxo a Guerra Fría dinamitou as esperanzas que os exiliados tiñan de ver caer a Franco.

Paralelamente aos seus traballos como gravador, cartelista e ilustrador Seoane comeza a pintar ao óleo, a mediados da década dos corenta. Nestes primeiros anos, emula a estética do granito do movemento renovador. É dicir, adaptar aos postulados da vangarda histórica a tradición plástica da Galicia popular, evidenciada en cruceiros e igrexas, que era parte consustancial da paisaxe. A temática responde á Galicia tradicional, as formas son redondeadas e as cores son frías e terrosas. Hai un claro afán de monumentalizar as figuras. Destacan obras como O pastor, coa liberdade de pincelada e moito empaste, Desnudo na Praia, que segundo Concepción Otero amosa “a fortaleza da muller galega que agarda xunto ao mar” e Muller pelando patacas, que ten a robustez do románico autóctono.

O Pastor. 1949. Óleo sobre lenzo. 116 x 89 cm. Fundación Luis Seoane.

No ano 1949 viaxa por Europa con Maruja, a súa muller. Entre outros, coñece a Picasso en París e a Henry Moore en Londres. Ambos entrarán, rápidamente, no universo do pintor. Virá especialmente fascinado co cubismo sintético. É posible que este viaxe sexa o detonante para a mutación producida na súa obra no ano 1953. Hay unha vontade por depurar as formas e simplificar as composicións, constituídas, prinicipalmente, por liñas horizontais e verticais: a cor pasa da configuración de volumes, nos anos corenta, a ocupar campos de diverso tamaño, sen ningún matiz.

Figura. 1956. Óleo sobre lienzo. 92 x 65 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.

Así o exemplifica a Muller pensativa. Di que “a cor fai xurdir a forma na miña obra”. A tendencia a sintetizar as imaxes e descargalas de contido narrativo é cada vez maior. Unha das máis sobresaíntes en canto á disociación, máis ou menos harmónica, de debuxo e cor é Muller con rodete. Pero a súa temática non se limita á figura humana sexan mulleres sentadas, labregas, mariñeiros ou emigrantes. Tamén traballa as naturezas mortas, onde se observa unha maior experimentación. A intensidade da cor dalle unha enorme forza a estas composicións.

Muller con rodete. 1959. Óleo sobre lenzo. 129 x 81 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.

O contrato coa galería bonaerense Bonino, no período 1953–1966, impulsa ao artista. Consegue maior recoñecemento e viaxa a Europa outra vez en 1960 e a España en 1963. A relevancia de Seoane é tal que participa, en diferentes anos, nas bienais de Venecia, Tokio, Ljubljana, Cincinnati, Cracovia ou Sao Paulo. O seu carácter morriñento non mengua, como se pode ver nos seus debuxos sobre a emigración. Algúns deles con lendas tan suxerentes como “somos as divisas das que falan”, facendo alusión a aportación dos emigrantes ao Milagro Español. Ao respecto do Franquismo, un feito curioso: en 1963 néganlle a residencia permanente en España pero, sorprendentemente, a Dirección Xeral de Belas Artes de Madrid exhibe El Caído. Trátase dun cadro que denuncia o asasinato do político comunista Julián Grimau pola dictadura.

A gran comercianta. 1962. Óleo sobre lenzo. 116 x 89 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.

A autonomía da cor fronte á liña acada o seu apoxeo na década dos sesenta. Ás influencias de Picasso e Henry Moore, poderíamos sumar, definitivamente, a de Matisse. Agora búscase definir a figura cuns escasos trazos que configuren a súa estrutura esencial. As formas son máis estáticas que nunca e a cor adquire valor por si mesma. Xa non é un medio, senón un fin. En canto á liña, tal e como di Concepción Otero “pásase do debuxo ao grafismo na ordenación dos planos cromáticos”. Esta etapa, sen dúbida a mellor do artista, destaca pola presenza dun personaxe destacado. Unha figura, a maioría das veces feminina, na que insiste recurrentemente. Parece intentar avanzar nunha estética e nunha temática que quedou obsoleta logo do fulgor de Os Novos. As cores son máis fortes e vivas que nunca, distribuídas en campos sen matices. Ás veces xeométricas e, noutras ocasións, amosando certa anarquía estrutural.

Destaca, desta etapa A gran comercianta. É unha das obras máis sobresaíntes do pintor: grafismo moi limitado que contrasta cos tres campos de cor diferenciados en vermello, azul e amarelo. Aínda así, Seoane é capaz de que o espectador, á marxe do título, poida visualizar unha figura feminina que se dilue “ata os límites da non figuración”, segundo Concepción Otero. O meco é outra das grandes obras de Seoane. Nela parece acudir ao expresionismo e a unha inexacta xeometría para lograr unha composición eficaz, identificable e intelixible. Case como se buscase unha vulneración dos principios cubistas que tiña adoitado previamente. Nas mariscadoras xa detectamos unha maior concreción das formas, que se vincula á etapa final do pintor.

Mariscadoras. 1969. Óleo sobre lenzo. 114 x 146 cm. Museo de Belas Artes da Coruña

Desde finais dos sesenta e ao longo dos setenta parece que, en parte, hai un proceso de reconstrución. Como se quixera volver, de novo, a harmonizar liña e cor. Pero faino noutro senso, partindo do aprendido tras a esencial mutación do ano 1953. Nestes anos tamén é moi interesante a súa oposición ao réxime con óleos como o Cristo obreiro ou O proceso de Burgos. Non olvidemos que segue a política española desde máis preto, porque desde 1967 realiza viaxes períodicas a Galicia e establece na Coruña o seu taller. Son as paisaxes, algunhas da cidade herculina, como Mar do Orzán, o mellor, para nós, da súa producción final. A súa capacidade de síntese, a intensidade das cores contrastadas e o dinamismo da liña derivan nunha solución de alguén que está contemplando unha panorámica ao vivo. Curando, agora sí, a súa saudade.

Mar del Orzán. 1973. Óleo sobre lienzo. 114 x 146 cm. Fundación Luis Seoane.

Obra gráfica e cartelería

Luis Seoane foi un extraordinario cartelista e, tamén, un magnífico gravador. En maio de 1930, na exposición no café Español de Santiago xa inclúe carteis de corte político. Anos despois, coa victoria do Frente Popular en febreiro de 1936, denuncia o centralismo nos carteis e apoia a aprobación dun estatuto autonómico. Con 25 anos, Seoane xa capta perfectamente a funcionalidade do cartelismo. Texto e debuxo sintetizan unha idea de xeito gráfico. Un dos máis celebrados é O estatuto libertará a nosa terra, para a conferencia que vai dar Alexandre Bóveda. No cartel obsérvase a figura do polbo como símbolo dun poder central con múltiples tentáculos. O cefalópodo aparecerá posteriormente na súa obra, pero nese caso funciona como obxecto de construción pictórica.

O famoso cartel O estatuto libertará a nosa terra

Xa na Arxentina, exiliado, publica os gravados das Trece estampas da traición. Obra de denuncia contra o golpe de estado. As liñas quebradas e a dureza dramática dos negros expresan a fonda maldade dos sublevados. Sinala aos auténticos responsables da traxedia española. Pero por riba da obra de denuncia sociopolítica, a salvagarda cultural (certamente, inseparable da primeira circunstancia) é a súa gran preocupación. Así o amosan os seus gravados de personaxes célebres no imaxinario colectivo galego como a soldadeira María Balteira, o líder da primeira revolta irmandiña Roi Xordo ou a guerrilleira coruñesa María Pita. O sentido netamente escultórico destas obras concédelles a categoría de símbolo. De obra conmemorativa.

Obra incluída nas Trece estampas da traición

De toda a obra gráfica, cartelería e ilustración, para os inorantes, as obras máis destacadas son os seus traballos para Cinzano e Otard-Dupuy. Nelas vai un paso máis adiante, en canto a experimentación, do que ten acadado nos seus óleos da mesma época (anos cincuenta). Agora que estamos a vivir un revival do deseño e da ilustración, podemos ver como Seoane amosa un nivel digno dos grandes nomes destas artes. Preto deste cumio de excelencia están as portadas feitas para os 37 números de Galicia Emigrante. Unhas obras que van influir na súa pintura e nos seus murais.

María Balteira. 1944. Xilografía. Fundación Luis Seoane

Cando Seoane indaga nunha nova arte non significa que remate dun xeito brusco co que estaba a facer ata ese momento. Ao contrario busca incorporar estas aportacións nos diferentes campos creativos nos que traballa. Continuará vencellado á obra gráfica ao longo da súa vida, sempre buscando algunha transformación sobre o que xa ten feito: texturas, materias… todo está aberto á experimentación. Nos seus gravados sempre se detecta a evolución, e a capacidade inédita de expresión, dun espírito inquedo que sempre ten algo que dicir.

Deseño para a marca Otard-Dupuy

Os murais

Agora que está de moda o street art, un arte global no que varios artistas da nosa comunidade teñen un notable protagonismo, poderíamos falar do muralismo de Seoane como un precedente remoto. Para estas obras, o artista escolle a mesma temática que na súa pintura e nos seus debuxos, pero o carácter é distinto. Insistamos, pois, no diálogo entre as súas diferentes liñas de creación: “se alguén me pregunta agora mesmo qué me serviu máis para desenvolver o meu traballo diría que as tapas que realicei para varias editoriais”, afirmaría. Non é difícil albiscar a relación entre as portadas de Galicia Emigrante e varios dos seus murais, como o do Teatro San Martín, que evidencia ás claras a pegada de Fernand Léger. A orde compositiva dos mesmos é monumental.

Mural no teatro San Martín de Bos Aires

Do taller ao andamio e á rúa. O muralismo para Seoane representou a conexión definitiva co pobo e unha forma de completar a vida do artista. As propostas son, posiblemente, moito máis eclécticas que en calquera outra manifestación que puidera ofrecer. A variabilidade formal é enorme, moitas veces lograda co emprego de diferentes técnicas e materiais. Segundo o que lle interesa pode recorrer á pedra picada, mármore ou ferro. Destacan o mural do Centro lucense de Bos Aires, Figuras sentadas, Figura esperando e Figuras medievais.

A integración das artes e Sargadelos

Luis Seoane tamén traballou como escenógrafo e defendeu un teatro dinámico. Unha proposta que estivese baseada na pantomima, a pintura e a música. En definitiva, que fusionase as diferentes actividades creativas humanas. Non sorprende, polo tanto, que en 1962 escribira o seu ensaio sobre a integración das artes. Insiste en introducir na formación unha educación estética que vaia ligada dunha educación social. Unha proposta que buscan materializar no Laboratorio de formas de Sargadelos. Este foi creado en 1955 por iniciativa de Isaac Díaz Pardo, para estudar a cerámica doutras épocas.

Seoane e Díaz Pardo, os ideólogos do Laboratorio de Formas

O punto de partida foi La Magdalena (en Arxentina), unha fábrica na que os obreiros cambiaban de funcións intervindo nas diferentes fases do proceso creativo e, incluso, intervindo nos deseños. Un modo de ampliar o concepto de arte e de artista, en intima conexión cos postulados de vangarda, como a Bauhaus, e incluso anteriores, como o movemento Arts and Crafts. Esta innovadora empresa tería continuidade en Sargadelos, collendo un enorme impulso na década dos setenta. Nos deseños tería unha importancia capital Luis Seoane. Personaxes célebres, animais, meigas, xoias formaron parte dunha produción que buscaba diluir a distinción entre artes nobles e artes populares.

Editor e escritor comprometido

A vocación coa edición de libros e a escritura venlle a Seoane desde moi novo. Con só 14 anos deu os seus primeiros pasos como escritor coa obra El percebe en su tinta. O contacto coa editora da revista Nós foi quen lle descubriu o seu interese por ese mundo. Os resultados, especialmente en Arxentina, foron excelentes. É innumerable o seu labor no país austral, sempre con Galicia como principal preocupación, tal e como expresaba nas tertulias intelectuais do bonaerense café Tortoni. Escribiu con pseudónimo en Crítica, foi redactor en El Diario e tivo gran responsabilidade en diferentes publicacións e editoriais orientadas ao fomento e preservación da cultura galega. Entre outras a revista Galicia e as editoriais Atlántida, Emecé, Nova ou Citania. Xa falamos antes das portadas de Galicia Emigrante ás que lle podemos engadir as de Botella al Mar (1954). En ambas, pretendía Seoane que non quedase excluída a personalidade do artista gráfico, que o libro tivese unha parte importante de construción formal, que o obxecto tamén contase. Tal é o pensamento de alguén que cre firmemente na integración das artes.

Botella al mar. 1954

Tal era o seu interese pola literatura que na súa casa-taller era frecuente a presenza de escritores. Moitos deles figuras das letras universais contemporáneas como Rafael Alberti, Julio Cortázar ou Ernesto Sábato. No seu compromiso, escribiu sobre a tristura da emigración. Primeiro a América, en Fardel de Eisiliado e despois a Europa, en A maior abondamento. En Sant Iago, Na brétema ou Cicatrices fala da historia do seu pobo, das raíces medievais compostelanas e, tamén, do celtismo. Atreveuse, incluso, coa dramaturxia escribindo pezas teatrais como La soledad e El irlandés astrólogo. Pero por riba de todo, Seoane foi un artista plástico que amosou unha inefable querencia pola súa terra, polas súas xentes,  pola “vivencia da Galicia rural, especialmente da campesiña”. Ninguén a plasmou tan sentida nos lenzos. Ninguén amosou tanta autenticidade na dobre mensaxe que transmitía: estética e concienciadora. Así definiu Alberti ao artista e á súa obra na súa famosa homenaxe:

Un color finisterre, golpeado

Ojo que sueña al mar

Color mojado

Un pincel que se hiere

Que hasta rompe a llorar

Y hasta se muere (…)

Quema, distante

El lar

Un canto emigrante

Y siempre, en tu paleta

Una nostalgia quieta

¡Y el mar!

Consultas:

  • OTERO VÁZQUEZ, C. Luis Seoane. Diputación Provincial de A Coruña.
  • DÍAZ PARDO, I. (Coord.). Luis Seoane. Mostra antolóxica. Consellería de Cultura e Deportes / Concello da Coruña. 1989.
  • PEREIRA MARIMÓN, C (Coord.) e BUCCELLATO, L (Coord.). Luis Seoane. Museo de Arte Moderno de Buenos Aires.
  • ALVA NEGRI, T. Luis Seoane. Monografías de artistas argentinos. Academia Nacional de Bellas Artes.
  • OTERO VÁZQUEZ, C. Luis Seoane. En Artistas Gallegos. Pintores. Nova Galicia Edicións. 2000.

*Imaxe de encabezamento: Bodegón da cabaza. 1959. Óleo sobre lenzo. 81 x 100 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.