Loading

A ilustración segundo Barea

Leandro Barea sabe ben que a morte fai “táboa rasa” con todos e precisamente por iso é “un tema ideal” para dar “renda solta ao humor negro”. “Porque ninguén se pode dar por ofendido. E se alguén se ofende, que se foda, porque vai morrer igual”, afirma.

É ilustrador e naceu en Lugo en 1974. “Despois de acabar os seus estudos de deseño gráfico e ilustración, convértese noutro artista totalmente innecesario”, di el mesmo no apartado ‘Sobre min’ da súa páxina web persoal, chea de sorna.

O certo é que pasou case que 14 anos colaborando con La Voz de Galicia. En conversa con Inorantes, acorda con cariño esa época: “Foi a miña etapa de formación como ilustrador profesional porque empecei a colaborar con eles moi mozo, 25 aniños tiña. Nun xornal esíxeseche ritmo de produción, pero sobre todo entregas puntuais. O ritmo diario, os compañeiros xornalistas e fotógrafos, o estrés, as chamadas de políticos queixándose; era apaixonante”, conta.

O ritmo diario, os compañeiros, o estrés, as chamadas de políticos queixándose; colaborar cun xornal foi apaixonante”

Recoñece que “en certo modo si é máis sinxelo sobrevivir (verbo “preciso” para case todos os artistas, como subliña) cando tes un mecenas ou como neste caso unha empresa potente que che paga con regularidade”. “Pero claro, ten a súa contrapartida”, advirte. Persoalmente, desvinculouse do periódico “por varios motivos”. Despois de tantos anos, en primeiro lugar, comezou a estar “canso de facer sempre ilustracións de política unha e outra vez”. “Ao final sempre son os mesmos papeis pero con diferentes actores”, chama a atención.

Por outra parte, Barea non só facía caricaturas no diario, tamén se encargaba de ilustracións e do guión e debuxo de tres viñetas diarias para distintas seccións. “Digamos que estaban a aforrar moitos cartos comigo porque polo prezo dun debuxante tiñan catro e en ningún momento tiveron intención de valorar o meu esforzo”, critica.

Desvinculeime de La Voz de Galicia porque se estaban a aforrar cartos conmigo e non valoraban o meu esforzo”

Con todo, a terceira razón é ao seu xuizo a que máis pesou, o detonante para a súa saída. “Creo que o motivo máis importante foi pensar que o futuro da ilustración pasa polas redes sociais e internet e non pola prensa escrita. Grazas ás redes sociais hoxe podemos ter público de todas partes do mundo e eu quería facer esa reconversión o antes posible”, resalta. Así que por aquí anda agora, meneando as súas creacións polo hiperespazo, pequenas pílulas de filosofía e humor concentrado nun sempre estético e colorido recadro.

Ademáis de viñetas e outra obra gráfica, Barea adícase en boa medida ao street art: murais, pezas urbanas, fotos. “A arte urbana a nivel persoal paréceme xenial para plasmar ideas e que a xente as vexa si o si; como os valados publicitarios, que os tes que ver si ou si e ninguén semella protestar por estar exposto a gilipolleces a todas horas”, sinala.

Na súa opinión, a arte urbana é unha das correntes “máis frescas e accesibles para todos desde o punk”. “Só tes que ter ganas de expresarte e, ala!, a buscar a vida!”, sinala. E reflexiona sobre que “moitas formas de arte urbana acompañáronos ao longo dos séculos pero hoxe grazas aos novos materiais e medios dixitais de comunicación pódese ter acceso a unha audiencia masiva”.

A arte urbana é unha das correntes máis frescas e accesibles para todos desde o punk”

O street art, claro está, “pode ser subversivo ou non”, constata Leandro. “Eso depende de cadaquén”. Pola súa banda, valora como algo “xenial” que as administracións apoien o muralismo e, ao respecto, recorda que “El Guernica pagouno o estado español na súa época e non por iso deixa de ser unha obra mestra”. En calquera caso, “respectar o traballo alleo é importante” para el e só unha vez modificou unha pintada de alguén, unha frase que ía ser borrada. “Nunca se me ocorrería estropearlle a obra a ningúen”, asevera.

Calquera que bote unha ollada á obra de Leandro Barea quedará co seu estilo persoal: filosofada vital, ironía… Como xorden as súas ideas? “Non teño nin idea de como xorden as ideas. Se soubera como, tería boas ideas todo o rato”, chancea.

Non teño nin idea de como xorden as ideas. Se soubera como, tería boas ideas todo o rato”

Mais algo ten por seguro. Non é un moralista. “Sobre todo porque paso moito tempo comigo e coñezo os meus vicios como para andar predicando sobre moral a ninguén”, precisa. O que pasa, segundo prosegue, é “que me gusta moito botar un pouco de humor sobre o miserable que é con frecuencia a existencia humana”. “Somos envexosos, ruíns, orgullosos, xenerosos, altruistas, etcétera, pero sobre todo somos así de capullos sabendo que temos data de caducidade e iso faime moita graza”, sentenza. 

Materializa as súas creacións como a “vella escola”, en papel. Pero nin tan sequera ten “idea” de por que as súas personaxes adoitan ter un só ollo, grande, ou dous puntos pequeniños. “Ás veces a xente descobre cousas no meu traballo das que nin eu son consciente”, recoñece.

Así “a bote pronto” supón que cando debuxa personaxes cun só ollo “ben aberto” é para as ilustracións nas que quere lograr “máis intensidade”. E, aínda que rexeita definirse, admite que a etiqueta de “nihilista esperanzado” faille bastante graza.

 

Despois de deixar que a súa hilarante arte rulase por internet, Leandro Barea publicou hai pouco unha recompilación no libro Mas futvol por fabor, de Demo Editorial. Aquí enriba tedes o vídeo co que promocionaron a campaña de mecenado.

Para Barea, a prensa tradicional atópase agora “como o Titanic”, referencia que vén máis o caso que nunca co lema ‘Haz que pase’ do PSOE de Pedro Sánchez. A política actual? “É a mesma merda que foi durante toda a nosa historia”, opina. “O que ocorre hoxe é que os cordeiros temos altofalantes no curro e poden escoitarse as nosas protestas e as nosas burlas”, entende. “Para compensar, o Poder ganou medios de sobra para seguir puteándonos polo resto dos séculos sen gran esforzo”, conclúe.

Neste contexto, “internet e as redes sociais son o futuro que xa está aquí”. Leandro Barea comenta que “grazas a internet o traballo dun ilustrador pode chegar a ter unha audiencia mundial”. Amósase sorprendido xa que, “ironías da vida”, na actualidade ve máis xente a súa obra que durante a súa etapa en prensa. E aproveita para darse “un pouco de bombo”: vén de facerse unha tenda en ThreadLess.com para chegar co seu material ao público do outro lado do Atlántico, e “están funcionando bastante ben”. “Esto era impensable hai uns anos, agora sacas uns cartos”, indica.

Demo Editorial publicou Mas futvol por fabor

A arte, avisa, estivo “sempre dun ou doutro modo mercantilizada”. Ao seu xeito de ver, “cando empezas en calquera disciplina artística debes facelo polo pracer ou a necesidade de expresarte, os cartos non deben ser xamais un obxectivo”. Mais “o soño de todo artista é poder vivir da súa arte e o que diga o contrario mente”. O resultado, deduce: “da loita entre adaptarte ao que che piden e manter a túa voz sairá a túa verdadeira personalidade artística”.

Da loita entre adaptarte ao mercado e manter a túa voz sae a túa personalidade artística”

Pola súa banda, Barea non acepta encargos para calquera cliente, xa que o que fai “non é do agrado de todos”. “Se vexo que non vou quedar contento co resultado dun traballo digo que non, porque logo acabo facendo o que non quero e rífome a min mesmo. Ás veces uso unha metáfora: se o que queres é a Justin Bieber, entón non chames aos Ramones, así de sinxelo”, remata.