Loading

  Melona Fest 4

  Sala Malatesta. Santiago

  6 de abril de 2019

A cuarta edición do festival de La Melona rematou o sábado por todo o alto cunha sala Malatesta chea. Soledad Vélez, Pantis, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Pony Bravo e Akkan foron a aposta para a noite de peche despois de catro días de actividades e obradoiros en Compostela.

Pasaban poucos minutos das nove. Apenas cinco persoas na cola para poñer a pulsera do Melona Fest na taquilla da Malatesta. Ábrese a porta e chega unha voz inconfundible. Soledad Vélez comezou en hora. Escóitase El Poder, un dos temas do seu disco Nuevas Épocas. Un artefacto sobre o amor e o desamor (sobre que se non?) que para unha parte de Inorantes é un álbum redondo.

Non hai máis de trinta persoas dentro e a chilena confesa que vén case de reenganche do seu concerto en Ourense. No escenario ela e o seu teclado inseparable do que se separa por momentos para facer unha sorte de bailes moi efectivos. Vaise soltando e comenta que Cuando me dices que no é o seu tema preferido do disco. “Se llama fuego eso que enciendes cuando me dices que no”, di no inicio desta canción. 

 

Soledad Vélez fala do que lle axudou compoñer estas cancións e, concretamente, do que significa para ela Compañera. Un tema aparentemente simple no que se refire a esa “igualdade á que queremos chegar”. “Falo de como ás veces non temos que rirnos de bromas que queren sacarlle importancia a algo que é violencia machista”, sentenza.

Flecha, Cromo y Platino… case todos os temas de Nuevas Épocas soaron en Compostela. A sala foise enchendo e Soledad deixounos con ganas de máis. Volverá no verán e declarouse fan da nosa terra: “En mi corazón always.

 

Rubén Domínguez deulle o relevo á chilena afincada en Valencia coa súa frenética electrónica. Pantis e as súas referencias a San Vicente do Mar, en O Grove, fixeron que por uns minutos a fría noite de choiva santiaguesa semellara un serán de verán xunto ao mar. Todo isto sen saír da Malatesta.

A Pantis sempre gusta velo en directo. A enerxía de Rubén é incombustible. Hipnotiza cos seus movementos case epilépticos sobre o teclado cunha man aferrada ao micrófono e a outra entregada aos sintetizadores.

 

Se de algo saímos convencidas foi de que Derby Motoreta’s Burrito Kachimba teñen calidade como para acadar moita sona. Son moi quinquis, pero de verdade, e isto misturado coa psicodelia con acento andaluz que practican convérteos nun sopro de aire fresco no escenario.

Os andaluces e a súa kinkidelia conquistaron ao público de La Melona. O Dandy Piranha lidera unha banda de músicos profesionais que engrandecen as cancións e fan que, por momentos, semelle que son unha banda de rock metal. Destacamos Aliento de dragón e Grecas, do seu disco homónimo editado este ano.

 

Pony Bravo son xa uns veteranos. O público estaba quente para cando apareceron no escenario e non baixaron o nivel coa súa verbena. Os sevillanos, que volveron o ano pasado con temas novos despois de cinco anos de silencio, teñen bastantes fieis en Compostela. Fixeron un repaso do seu último traballo, Gurú, intercalado coas cancións máis aplaudidas da súa discografía.

A festa na Malatesta rematou co dúo de electrónica barcelonés Akkan, pero continuou na madrugada en Ruta coa pinchadiscos arxentina Ana Helder. Proxectos coma La Melona arriscan coa súa programación e iso para nós é básico: queremos seguir descubrindo grupos e que nos sigan a sorprender.