Loading

A India rural segundo Rodero

  Tierra de sueños. Cristina García Rodero

  Paseo da Ferradura. Santiago

  De luns a domingo. Todo o día

Inauguración: venres, 12 de abril. 12:30

Ata o 9 de maio

Entrada de balde

A mostra itinerante Tierra de sueños, da fotógrafa Cristina García Rodero, fai parada en Santiago. Nela expresa a particularidade e a asimetría da vida na India rural. En concreto, afonda na comunidade de Anantapur, no estado de Andhra Pradesh, un dos máis pobres dese país. Durante mes e medio García Rodero visitou hospitais, centros de acollida de mulleres maltratadas, talleres, escolas, casas… O seu obxectivo foi dar unha instantánea da cotidianeidade que moitas veces queda invisibilizada (ou tratada con frivolidade) nos grandes medios. A exposición está comisariada pola artista.

Na escolma de corenta fotografías, a muller ten gran protagonismo. Ela representa o principal motor do cambio socio-económico en Anantapur. A cámara da fotógrafa achégase ao drama cun “respecto reverencial”, segundo os organizadores, e obtendo unhas instantáneas próximas ao realismo máxico: fermoso e cheo de vitalidade. Están afastadas, por suposto, de todo signo de sensacionalismo. A través da súa arte vemos un anaco da India. Un mundo desdobrado, vibrante e que será protagonista nun futuro próximo. A mostra forma parte do programa Arte en la calle, que trata de amosar a arte fóra do habitual contexto de museos e salas de exposicións.

A manchega Cristina García Rodero goza dun notorio recoñecemento internacional. En 2009 converteuse na primeira (e, ata agora, única) fotógrafa española, en formar parte da Axencia Magnum, e a cuarta muller de calquera nacionalidade en ser aceptada pola prestixiosa Axencia. Ao longo da súa traxectoria ten dedicado moitos esforzos en retratar celebracións populares, costumes e tradicións en España e o mundo (ben coñecidos son os seus traballos en India ou Haití). Iso tróuxoa en varias campañas a Galicia, onde asinou algunhas das mellores fotografías recentes da nosa Comunidade. A inauguración da mostra será este venres ás 12:30 e contará coa presenza da artista.

  Infórmate:

  Información e obras na galería Juana de Aizpuru

  Cristina García Rodero na web de Magnum

  Reproduce:

  Mira: