Loading

Dobre aniversario de Guayasamín

  Oswaldo Guayasamín 1999 – 2019. Dos series. Dos aniversarios

  Oswaldo Guayasamín

  Sede Afundación. Santiago

  Todos os días, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00

 Ata o 23 de xuño

  Entrada de balde

A Sede Afundación de Santiago conmemora o dobre aniversario do pintor ecuatoriano Oswaldo Guayasamín cunha exposición. Por un lado, cúmprense cen anos do nacemento do artista e, doutra banda, hai vinte anos que tivo lugar o seu pasamento. Ademais, 2019 é o Ano internacional das Linguas Indíxenas. Un feito que tiveron en conta os organizadores e que casa moi ben coa filosofía deste creador: desde a segunda metade dos anos corenta, a temática da sociedade indíxena oprimida é un rasgo persistente nos seus traballos. A mostra, comisariada por Pilar Cagiao, exhibe dúas series de gravados do artista. Unha delas é De Orbe Novo Decades, que ilustra un fácsimil homónimo do humanista italiano do século XVI Pedro Mártir de Anglería. As 57 estampas amosan as visións mútuas entre dous mundos: Europa e América. A serie Emociones, conta con 20 litografías que supoñen unha achega do pintor de Quito ao mundo dos sentimentos, nunha obra simbólica e de gran forza expresiva. Todas as pezas exhibidas son depósito do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Artes de Ribeira.

Oswaldo Guayasamín (Quito, 1919 – Baltimore, 1999) é un dos artistas latinoamericanos máis destacados do século XX. Fillo dun indíxena e dunha mestiza, é unha figura esencial para comprender o indixenismo. Foi quen de fusionar esa arte de raíz coas vangardas europeas, especialmente co cubismo e o expresionismo, tal e como se pode comprobar na mostra. Tamén recibiu as influencias do muralismo mexicano de Rivera, Siqueiros e Orozco. Este último aceptouno como asistente nos anos corenta. Nesa mesma época, máis ou menos, entablou amizade co poeta Pablo Neruda e vendeu obra ao vicepresidente dos Estados Unidos, Nelson Rockefeller. A súa obra expresa a dor e a miseria dolor e denuncia as inxustizas. As súas figuras destacan pola dureza conseguida co emprego dos negros, das liñas grosas e de certo rigor esquemático.

  Infórmate:

  Entrevista a Oswaldo Guayasamín

  Web da Fundación Guayasamín

  Mira: