Loading
Bob Dylan

Que Bob Dylan é, con permiso de John Lennon, o músico máis influínte dos últimos 60 anos é algo sabido. Non hai outro artista que poida presumir dos recoñecementos que atesoura o de Minnesota, dende o Pulitzer ata o Nobel de Literatura. Non é intención deste artigo debater a xenialidade do artista, senón, aproveitando a súa quinta visita a Galicia o luns 29 no Fontes do Sar, facer un repaso polos anteriores concertos do americano no país. Utilizamos como fonte a prensa escrita da época. E unha cousa podemos adiantarvos: o xenio non foi obxecto de grandes eloxios…

A Coruña, 1993

A primeira vez que Dylan actuou en Galicia foi no xa mítico Concerto dos Mil Anos que se programou no Xacobeo 93. Case outra vida, Outra era, na que organizar festivais con grandes clásicos significaba traer a Dylan, Neil Young, Sting, Robert Plant ou The Kinks, non sacar a Jamiroquai dun Dunkin’ Donuts.

Bob Dylan
Dylan no Azkena Rock de Bilbao de 2010.

O 9 de xullo o músico de Duluth saltou ao escenario instalado no estadio de Riazor, a moi poucos metros de distancia do punto de penalti no que só dez meses despois Djukic erraría unha das penas máximas máis famosas da historia. Digamos que a decepción dos asistentes ao concerto de Dylan non foi tan grande como a que provocou o lanzamento do serbio, pero as enormes expectativas xeradas tampouco se viron satisfeitas.

Así o contou Ignacio Sáenz de Tejada ao día seguinte en El País: Bob Dylan apareceu no escenario coma unha pantasma (…). O seu comezo foi decepcionate. Un son impresentable, por débil e mal mesturado, uniuse á nula intención de Dylan por todo o que teña algún parecido a conectar, comunicar, ou como se lle queira chamar a establecer unha relación cómplice co público” (…).

Un son impresentable uniuse á nula intención de Dylan por todo o que teña algún parecido a conectar” (Ignacio Sáenz de Tejada, El País, 1993).

“Todo parecía que aquela lenda (…) ía saír pola porta falsa. Pero rapidamente atacou Memphis Blues Again (en versión case irrecoñecible, como as de todas as demais cancións) e seguidamente, salvando a súa aparente desgana chegou unha pasadísima versión de Just Like a Woman, coa que se lle puxeron os pelos de punta a máis dun”.

“Entón, sen dicir nin adeus (tampouco dixera ola), marchou definitivamente entre a división de opinións. Aqueles que fixeron o esforzo suplementario que require penetrar no seu mundo, encantados. Os que non, decepcionados”.

Santiago, 1999

A segunda visita de Dylan a Galicia tivo lugar seis anos despois. Foi tamén en ano xacobeo, neste caso no de 1999, e supuxo a súa primeira parada do xenio en Compostela. En concreto, no Multiusos Fontes do Sar, o mesmo espazo que acollerá o concerto do luns. Xa entón o espazo amosábase indigno para a capital do noso país.

Bob Dylan
O músico de Duluth xa actuou no Fontes do Sar en 1999.

Vinte anos despois seguimos arrastrando a mesma eiva. Santiago non dispón dun recinto para grandes concertos que teña o mínimo de calidade de sonido esixible. E non pinta que o vaiamos ter a curto-medio prazo (pero esa é outra historia).

Isto era o que contaba Xosé Hermida, tamén en El País, do debut de Dylan en Santiago o 9 de abril de 1999: “A certas idades, o máis conveniente é non arriscar demasiado e, fiel a ese principio, Bob Dylan, que cumprirá 58 anos dentro de mes e medio, emprendeu onte a noite, en Santiago de Compostela, a súa xira española cun concerto tan correcto como previsible. Ante 6.500 personas, que case cubriron o aforo do pavillón do Sar, Dylan aferrouse ao seu repertorio de sempre e ofreceu unha actuación para todos os públicos (…)”.

O público captou que o guión xa non daba máis de si e retirouse disciplinadamente. Ninguén saíu defraudado, pero tampouco ninguén se emocionou máis da conta” (Xosé Hermida, El País, 1999)

“Ás dez en punto, Dylan apareceu sobre o escenario vestido de traxe vaqueiro negro. Foi unha declaración de intencións. Durante a media hora seguinte, o antigo discípulo de Woody Guthrie explotou a súa vella alma acústica e country (…). Agotado o preludio acústico, Dylan tomou a guitarra eléctrica e atreveuse con outras incursións sonoras, un rock sempre a medio ritmo, sen grandes estridencias e con algún toque reggae esporadicamente (…)”.

“Vinte cancións e 120 minutos despois da súa aparición sobre o escenario, Dylan concluíu a función. O público captou que o guión xa non daba máis de si e retirouse disciplinadamente, sen insistir máis. Ninguén saíu defraudado, pero tampouco ninguén se emocionou máis da conta (…)”.

Santiago, 2004

De novo a capital santiaguesa acolleu a terceira visita de Robert Zimmerman polos nosos lares. De novo en ano xacobeo. De novo uns concertos que celebraban o milenio. Neste caso, o ‘novo milenio’. Se vos dicimos que no cartel tamén estaba Iggy Pop, podedes facervos unha composición da frescura de ideas dos promotores musicais deste país…

Bob Dylan
Dylan compartiu cartel con Iggy Pop ou Lou Reed no Xacobeo 2004.

Ademais dos xa citados, o festival incluía a Lou Reed, The Cure, Chemichal Brothers, Massive Attack, Muse ou Echo & The Bunnymen (e si, sentímolo, mais a comparativa só fai confirmar a nosa idea de que O Son do Camiño é un oneroso calote), e será lembrado coma a oportunidade perdida de ver a David Bowie en Galicia. Unha lesión no ombreiro do artista de Brixton roubounos ese luxo para sempre.

Un 17 de xullo saltaba Dylan ao escenario. A cousa comezou enrarecida co retraso de Gary Jules e a improvisada actuación de Eva Amaral como teloneira (a aragonesa estaba de vacacións en Santiago). A actitude arisca de Dylan (e empregamos ese adxectivo porque somos moi amables) e a súa forma de disfrazar as cancións ata facelas irrecoñecibles foron o máis comentado do concerto. Así o viu a axencia EFE nunha noticia que non leva sinatura do xornalista:

O artista pode permitirse antollos coma o de cambiar por completo o cartel dun festival ou impedir que os medios o fotografíen. Tampouco se acenderon as dúas pantallas, porque a súa idea é que a xente vaia só velo cantar” (EFE, 2004)

“O artista de Minnesota optou nesta xira polos teclados fronte á súa clásica guitarra (…) Malia que debía pechar o último día do festival, Dylan quixo actuar antes e deixar que foran The Corrs e Echo & The Bunnymen os cabezas de cartel. Aos seus 64 anos, o artista pode permitirse antollos coma o de cambiar por completo o cartel dun festival ou impedir que os medios o fotografíen durante a actuación. Tampouco se acenderon as dúas pantallas para ver ao lendario artista de preto, porque a súa idea (…) é que a xente vaia só velo cantar (…)”.

“Tras pouco máis dunha hora de actuación, Bob Dylan saíu do escenario só por uns minutos. Á hora dos bises primeiro chegou Mr. Tambourine Man, mais cunha versión case irrecoñecible. Tamén reinventou para a ocasión Like a Rolling Stone, de forma máis pausada e cunha voz máis grave, mentres o público non podía reprimir cantala ao estilo clásico (…)”.

Vigo, 2008

Chegamos á que foi a última visita de Dylan a Galicia ata o luns. O día, o 27 de xuño; o escenario, o Ifevi de Vigo, que tamén deixa moito que desexar para recibir a unha lenda; as críticas, semellantes a todas as anteriores: frío, escasamente memorable, cumprir e pouco máis… Contábao Sylvia G. Saborido no Atlántico Diario. O titular da crónica xa era bastante indicativo Dylan para os máis fieis.

Dylan e Ginsberg
O músico acompañado do poeta beatnik Allen Ginsberg.

“Con el, ou se comulga ou non (…) Onte houbo momentos de comunión mística, e tamén momentos onde o público se perdeu, porque Dylan versiona a Dylan (…)”. Sen concesións, e cun concerto sobrio, esencial e, si, especialmente frío. Bob Dylan volveu ás orixes da música tradicional americana, non a de Dolly Parton, senón a dos narradores, que non necesitan máis cunha boa letra, unha guitarra e un ‘os tempos están cambiando’ (…)”.

Dylan quere todo o contrario que ‘epatar’ e nada houbo no seu concerto de espectáculo de masas (…). Con fría puntualidade, Dylan saíu ao escenario ás 21.35 horas. Fóra seguían as retencións para acceder ao Ifevi, tanto de coches como de persoas (…).

Dylan quere todo o contrario que epatar e nada houbo de espectáculo de masas. Sen concesións, cun concerto sobrio, esencial e especialmente frío”. (Sylvia G. Saborido, Atlántico Diario, 2008)

Dylan apareceu, na parte central do escenario e, sen mediar palabra, con breve xesto da cabeza, comezou (…) A primeira canción foi Lay, Lady, Lay. O grupo da primeira fila experimentaba xa a comunión mística, tan importante nestes casos, pero algúns seguidores -a min o que me gustan son os primeiros discos- afirmaban recoñecer a duras penas o vello himno. -É que terxiversa as cancións-, afirmaba unha das seguidoras do vello Dylan. -Bueno, pero a Bob perdóaselle todo-, respondeulle outra. ¿Había algo que perdoar? (…)”.

Santiago, 2019

A do luns será, pois, a quinta oportunidade de Dylan de convencer ao público galego en directo. De eludir esa sensación de só-apto-para-furibundos-dylanianos… Xa vos avanzamos que a piques de cumprir 78 anos, vai ser difícil que o músico admita que as augas ao seu redor medraron. É sabido coa idade as vellas manías se recrudecen e a paciencia diminúe. (E, recoñezámolo, os tempos están cambiando cara unha estupidez tan xeralizada que a paciencia é case un exercicio de santidade).

De feito, en Viena, na presente xira, hai unha semana, o artista rachou co seu costume de non dirixirse ao público. Pero fíxoo só para abroncar aos que estaban a facer fotos cos móbiles. O Nobel detivo a actuación e dirixiuse ao auditorio de malos modos: “Ou tocamos ou posamos, vale?”. Despois dunha pequena pausa, o concerto reanudouse sen maiores incidencias.

 

Sexa como for, é posible que o concerto do luns no Sar sexa a última ocasión de ver a Bob Dylan no país. Só por iso xa é histórico. Porque Dylan é historia da música e da cultura do século XX. Xamais xulgaremos coma virtudes a excentricidade, o divismo ou o elitismo, mais se alguén ten dereito a facelo despois de seis décadas de carreira é precisamente el.