Loading

Retornan Skacha: os Clash de Coia ou os Dead Kennedys do Casco Vello, como os define con afervoamento algún dos seus seguidores. E volven coa formación orixinal de A ferro e lume (2006) e o mesmo espírito guerrilleiro co que naceu esta banda viguesa aló polo 1991. “Hoxe en día, as cancións só falan de amor e de desamor ou de floclore español”, critica contundente Max, o seu guitarrista. Falamos con el días antes do seu primeiro concerto, que será na súa cidade, na sala Rouge, onde o cartel de non hai entradas está colgado desde hai semanas.

 

En conversa con Inorantes, Max asegura que o feito de ser considerados por moitos uns dos referentes da escena punk galega non o teñen en conta. “Danos igual. Facemos o que nos gusta e se podemos vernos, mellor”, afirma.

Despois de sete anos de descanso, confesa que do que ten máis ganas, ademais de tocar, é de reunírense. “É unha escusa para quedar”, chancea. Polo de agora só marcaron dúas datas no calendario, a de Vigo o 4 de maio e outra en Santiago o día 18, pero supoñen que haberá máis e de feito xa lles chamaron desde a organización dalgúns festivais.

Skacha regresa con dúas datas, polo de agora: en Vigo o 4 e en Compostela o 18 de maio.

Desde a convicción de que letras combativas (como as que caracterizan a Skacha) sempre fan falla, Max cre que o sistema fomenta moita da música de hoxe en día para “manter a idiotez”. “Rómpennos a cabeza con reggaeton”, lamenta. Por iso celebra o “revival” que supón a reaparición de grupos como La Polla Records, outros de Oi! ou eles mesmos. E exclama: “Non foi unha cousa pactada!”.

Este revival non foi unha cousa pactada”

Reflexiona neste punto sobre que “os punkis dos 80 foron uns visionarios”, á vista do actual escenario sociopolítico, no que novos partidos como Podemos “volven ser un chiste”. “Semellan unha novidade, pero volven ser un chiste”, opina. Ao seu xuízo, a formación que lidera Pablo Iglesias é “máis do mesmo” e ata “se lles dá pulo desde o poder”. “Non sei se lle fan o xogo á dereita”, resolve. Por todo isto, “probablemente son máis precisas as cancións que falen de loita”, como as súas.

Rómpennos a cabeza con reggaetón para manter a idiotez”

Ao respecto desta “volta atrás”, o que pensa é que “todo é un pouco cíclico”, e así cometa que ve “unha nova vaga de rapaces que busca referentes de antes”. Tamén entende que é posible que quedara un oco coa súa marcha, aínda que continúan en activo outros xa clásicos como Tiro na Testa ou Soak. Pero insiste en que “a ledicia é volver reencontrarse” e acordar da festa que houbo en Vigo nos 90.

 

O concerto de Vigo, como o de Compostela, será un recital “clásico”, no sentido máis punk da palabra. Max adiántanos que haberá tamén “un par de novidades”. “Sorpresiñas”, sinala. O feito é que agradece que a resposta do público fose tan “brutal”. “Esperabamos que fose unha cousa entre amigos e nostálxicos e fóisenos das mans”, subliña. 

Esperabamos que fose un regreso entre amigos e fóisenos das mans”

Algúns deses nostálxicos lembran, precisamente, a gravación do DVD+CD en directo do Ceibe, Violento e Furtivo Tour, feito en 2006 xunto a Soak e Tiro na Testa. “Non chegou editarse”, constata Max, sen recordar moi ben cal foi o motivo. Quizáis este 2019 proporcione a oportunidade para saciar a sede deses fans, quen sabe.