Loading

Unha noite de nostalxia bravú

Unha noite de nostalxia bravú. Iso mesmo viviuse o sábado á noite na Gentalha do Pichel, con motivo do concerto duns referentes do movemento, Rastreros, de Chantada, acompañados pola banda tributo ao Xabarín de nome políticamente incorrecto, os Collón de Lola. Velaquí o noso pequeno aínda que sentido homenaxe ao porco bravo no seu 25 aniversario. Oink!

Rastreros
Rastreros, na porta da Gentalha do Pichel

En conversa con Inorantes, Rastreros amósanse felices antes do seu regreso aos escenarios en Compostela. Ensaiar é toda unha fazaña, confesan. O seu cantante, Xesús López Exposito ‘Heléctrico’, reside no sur de Galicia e xuntarse non é doado. Xoán Camilo Gómez Hermida ‘Richi’, ademáis de batería, é veterinario. Todo un paradoxo para unha banda que xurdiu no contexto do manifesto de Viana.

Comezamos a falar da nosa realidade, da aldea ou da cidade”

Como todo o mundo que participou dese movemento, os de Chantada advirten que o bravú non foi un xénero, senón unha amálgama heteroxénea na que tiñan cabida desde Os Diplomáticos de Monte Alto (Xurxo Souto foi, sen dúbida, o principal ideólogo do conto), ata O Caimán do Río Tea, quen, curiosamente, tamén veñen de volver ás andadas. O nexo, subliña Heléctrico, foi “a reivindicación”. “Comezamos a falar das nosas propias realidades, das nosas aldeas ou das nosas cidades”, destaca Richi.

Collón de Lola, na Gentalha do Pichel
Collón de Lola, dez anos facendo o seu particular tributo ao Xabarín

Para Adrián Salgado ‘Pichi’, batería de Collón de Lola, e para o resto de integrantes desta banda que leva dez anos homenaxeando ás músicas do porco bravo, o gran legado de xente como Rastreros foron as súas letras. Lonxe de “camuflala”, sinalan, cancións como O sacristán de Basán, o seu grande hit, levaba a crítica ao sistema capitalista á primeira liña, e todo isto no prime time televisivo para a infancia galega. Así quedou de marcada toda unha xeración, entre a que eles se atopan. 

Como frikis do Xabarín tiñamos claro que queriamos facer un tributo á súa música”

“Era un friki da hostia e desde o instituto tiña claro que quería facer unha banda para versionar a música do Xabarín”, recoñece Adrián. Non deixa de chamar a atención que o seu nome, en tempos de polémicas virais, lles dea algún que outro problema á hora de tocar en segundo que sitios. “Hai pouco falamos con xente dun festival que quería que tocásemos nun dos escenarios, pero botáronse para atrás polo nome”, conta Pichi. Tá-se bem na rádio, que diría Kussondulola.

Tanto el coma os seus compañeiros medraron co Xabarín e as melodías de Skornabois, a quen lles unen vínculos máis aló do musical (o irmán dun sknornaboi deulle clase a un collón de lola). Vinte e cinco anos despois, a todo nostálxico se lle escapa un sorriso cando escoita como o saxo entoa a sintonía de Bolas de Dragón

Ao fin e ao cabo, “aquelo foi unha época na que confluíron varias cousas, empezando pola Movida de Vigo dos 90”, reflexionan Collón de Lola. “É irrepetible”, valoran. Queda a nostalxia e quedan os lemas do punk rural instituidos xa desde aquela, como o “cotas non!” que se volveu a corear na noite do sábado na Gentalha.