Loading

Eduard Velasco debuta na novela

Humor, política e amor. Como a vida mesma. Con estes ingredientes creou o escritor catalán Eduard Velasco (Barcelona, 1982) a súa primeira novela, Os días felices de Benvido Seixas. Unha sorte de encontro entre unha moza e un mozo que lles leva a explorar máis alá dos seus entornos sociais e a coñecerse mellor a si mesmos. Conversamos con el sobre este libro, editado por Xerais, que promete aos lectores unhas boas gargalladas.

A historia de Mariña e Benvido foi escrita entre os anos 2014 e 2015 en Compostela. Foi finalista do Premio Xerais de Novela e este mes de maio saiu do prelo case ao mesmo tempo que chegou o verán adiantado (outra vez) a Galicia. Non é casualidade, pois esta é unha historia moi de sol e tamén de mar e praia.

“É unha historia moi clara e pechada. Moi redonda. Fixen algunha modificación antes de que entrase na imprenta pero o fío é o mesmo. É moi sinxela no que ao argumento se refire”, explica Velasco, que neste tempo xa deixou de vivir en Santiago para recuperar os castiñeiros familiares na Ribeira Sacra (ou quizáis para dar clase nunha escola catalana). 

O escritor Eduard Velasco e o director de Edicións Xerais, Fran Alonso, na presentación da novela en Compostela.

A novela naceu de xeito experimental, Eduard conta durante a conversa con Inorantes que quería saber se era capaz de tecer unha novela. Agora ten dous poemarios publicados, despois de facerse co XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé no ano 2014. Os días felices de Benvido Seixas tivo un obxectivo fundamental dende o inicio: facer rir. “É a única intención da novela”, confesa o autor.

“Pode ser boa ou pode ser mala, non son eu quen o ten que decidir, pero a pretensión de pasalo ben escribindo, de rir e de intentar que os lectores rían e pasen un bo anaco co libro nas mans é realmente a única intención desta novela”, sentenza.

A pretensión de pasalo ben escribindo, de rir e que os lectores rían é realmente a única intención da novela”

“Síntome moi identificado co humor en xeral na vida. Non a concibo sen el porque xa bastantes cousas temos como para non poñerlle humor”, explica o escritor, licenciado en Filoloxía Catalana e Galega pola Universitat de Barcelona, para engadir que estivo “moi a gusto” escribindo dese xeito. O cal non quere dicir que non escriba noutros rexistros, “pero a verdade é que estaría moi contento se a xente que le esta novela o pasa ben”

Estamos ante unha novela onde predomina unha caricatura humorística da sociedade contemporánea galega, pois os dous protagonistas da acción, Mariña e Benvido, son así mesmo representantes antagónicos de dous eidos políticos enfrentados. Ela simpatiza co nacionalismo galego de esquerda, mentres que el comulga con ideas que representan á dereita.

Portada da primeira novela de Eduard Velasco, que estrea unha nova liña estética de Edicións Xerais de Galicia.

“Esa dualidade existe. Todos vivimos no mesmo lugar pero realmente pertencemos a mundos completamente distintos. Podemos ser veciños e vivir coma en países distintos, con culturas distinas e facendo vida en linguas diferentes. Pero tampouco a intención da novela era facer unha caricatura social, o que pasa é que o humor saíume por aí”, explica.

Sen embargo, non hai ningún personaxe que estea inspirada en persoas reais. “Son caracteres que fun inventando. Todos son personaxes un pouco caricaturescos. O que hai son algunhas alusións a personaxes reais que aparecen na novela que, en todo caso, son alusións por facer un broma, por brincar un pouco co lector. Incluso hai referencias que soamente vai entender o meu círculo máis próximo”, asegura o autor.

Todos vivimos no mesmo lugar pero realmente pertencemos a mundos completamente distintos”

“É moi san facer crítica de todo. Rir dos outros pero tamén de nós mesmos: da nosa forma de vida, das nosas opcións políticas, da nosa forma de entender a familia, o amor ou a amizade… Reivindico ademais esa necesidade de rirse un pouco de todo”, reflexiona Eduard.

“A situación política é terrible non só en Cataluña ou en Galicia, senón en toda Europa. O humor non ten que ir só, sen acción; temos que loitar para intentar cambiar as cousas, pero penso que o humor é imprescindible para non morrer de seriedade. O humor é a única maneira de sobrevivir”, afirma. 

O escritor Suso de Toro participou na presentación da novela na libraría Chan da Pólvora.

“Quería tecer unha novela escrita sen manías e foi aparecendo isto que non sei se podemos chamar crítica social ou non”, engade. “O narrador da novela ri un pouco de todos os personaxes. Realmente o lector pode rir de todos os personaxes, pensen o que pensen, falen como falen, ou vivan onde vivan. É o lector o que terá que decidir se hai unha crítica social aí”. 

O certo é que nin o humor nin a situación política son idénticos en Catalunya e Galicia, pero iso tamén forma parte do xogo para o autor, que coñece ben ambas realidades. Esta é unha historia que nace dos coñecementos adquiridos nos seus anos en Compostela e, aínda que asegure que é todo unha ficción, son esas referencias recoñecibles polo lector as que conseguen a verosimilitude da narración mesmo nos momentos máis inesperados.

O lector pódese rir de todos os personaxes, pensen o que pensen. É quen terá que decidir se hai crítica social”

En realidade Eduard tiña unha idea para escribir unha novela en catalán. Naquel intre a súa lingua de traballo e de relación era o galego. Esa novela era unha historia tan seria que só de pensar a escribir aburríase, ademais de que lle costaba poñerse a escribir en catalán. Foi entón cando, tomando un café cos amigos, Gonzalo Hermo lle suxeriu que escribira unha historia en galego sobre algo divertido a modo de adestramento para esa outra novela que polo momento non chegou materializarse.

Alicia Fernández deulle un final naquela conversa da que, sen querer, saíu Os días felices de Benvido Seixas. Na nosa conversa, Eduard insiste en que non tiña un guión previo da historia e que foi encaixando os acontecementos para chegar ao desenlace que tiña na cabeza.

“Houbo un momento no que non sabía que facer con Benvido e levaba varios días sen escribir… Así que pensei no que faría eu no seu lugar, que sería ir a almorzar e despois xa pensar no que facer nesa situación. Iso foi o que fixen co personaxe e a partir de aí o resto saíume todo rodado”, conta como proba de que a historia foi discorrendo na súa mente á vez que na pantalla do seu ordenador.

O escritor e traductor asegura que o seu maior interese era desfrutar durante o proceso da escrita.

“Gozo do tempo da escrita, pero en canto remato esquezo completamente o que fixen. No momento de publicalo teño a sensación de que me fai ilusión o momento de ver o libro mais xa é coma se non formase parte da miña vida. A novela é froito dunha experiencia que para min xa pasou, aínda que mentres tes a idea na cabeza parece como se esa obra estivese activa dentro de ti”, sinala para destacar que “a publicación é case unha casualidade biográfica, pode suceder ou non, e non pasa nada por non publicar”. “Iso si, unha vez que iso sucede a obra morre para min e acábase”, sentenza.

Despois de case cinco anos de existencia na cabeza do autor, Os días felices de Benvido Seixas aparece no mes das letras por excelencia. O día das Letras Galegas ten que ser un día laborable para que sexa un día de festa, e non un día festivo para que se converta nun día de praia, razoa Mariña nun dos estimulantes diálogos do libro. Coa súa reflexión quedamos. E engadimos un consello, non deixedes a novela a medias porque o final (que estaba escrito antes que a propia novela) non é nin sinxelo nin predecible.

Unha entrevista de Ana González Liste