Loading

Eroski Paraíso na gran pantalla

Luns 13 de maio, nove e media da mañá. O director Jorge Coira (Rábade, 1971) atópase no Auditorio de Galicia para gravar a música de Eroski Paraíso. Mentres que chega o pianista Suso Alonso, o lugués saca un pouco de tempo para manter unha conversa telefónica con Inorantes. Amósase feliz e entusiasta a tan só dez días da estrea do filme, que abrirá o Festival de Cans este xoves 23 de maio. E despois? Despois a intención é presentar a película en distintas citas que Coira aínda non pode desvelar, pero sobre as que si que advirte: “A vontade é que teña alcance internacional”


A música de Eroski Paraíso (o filme) é un dos factores que a diferencia da obra de teatro. Á parte de dúas cancións preexistentes (The Time of My Life, coñecida polo final de Dirty Dancing e o tema que compuxeron os muradáns Terbutalina para Chévere), a adaptación cinematográfica que vén de rematar Jorge Coira conta con moita música de piano que é a que se dispón a gravar Suso Alonso neste comezo de semana, a escasos 10 días da estrea en Cans.

Segundo di Miguel de Lira, aquela noite xa lles dixen que a obra tiña que ter unha adaptación ao cine”

Entre os preparativos, Coira recorda como decidiu levar adiante este proxecto. “Vin a función e gustoume moitísimo. Chévere gustoume sempre, pero esta función pareceume que tiña un nivel de madurez e de complexidade moi potente”, relata. Por iso, esa noite, tras a interpretación, “estaba tomando algo con eles e falando, segundo di Miguel de Lira, xa comentei ese día que esta obra tiña que ter unha adaptación ao cine. Tempo despois chamáronme eles e ao comezo falabamos dun formato televisivo”, explica.

Ao principio, pensaban en algo semellante a Estudio 1, o programa de TVE que entre 1965 e 1984 consistía na representación televisada dunha obra de teatro. Pero “o que tiña claro” Coira “é que quería aportar algo”. Non pretendía facer unha mera traslación á grande pantalla, polo que lle deu voltas e axiña xurdiu a idea chave: “Xa que a obra de teatro é unha rodaxe na que non se ve a cámara, ese punto de vista ía ser a miña óptica”, destaca.

Rodaron durante unha semana no propio Auditorio da Ramallosa, en Teo, do que Chévere é compañía residente. Con dúas cámaras. Como a de Eroski Paraíso é unha historia “chea de dualidades”, xa que retrata o paso do tempo e tamén porque escudriña a maneira na que se observa cadaquén, as pantallas partidas déronlle “moito xogo” a Coira. E tanto. A película é unha sucesión de contrastes na que os tres actores principais se enfrontan á súa imaxe e á dos seus compañeiros nese xogo de pantallas partidas.

A montaxe foi divertida, pero tivemos coidado para non caer en algo manierista”

O traballo de montaxe, en consecuencia, tamén foi unha parte vital da produción. “Foi divertida, pero tamén tivemos coidado para non caer en algo manierista e para tampouco cansar ao espectador”, conta Jorge. Ben ao contrario, o público “entra e sae” por esa especie de fiestras nas que se converten as distintas seccións da pantalla. O cume desta formulación é a escena a catro, nun momento dado desta historia que ten tanto de Muros e de Mazaricos, pero (precisamente por iso) tamén de universal.

 

Antes de definir o proxecto, Coira ata dubidou se afrontalo como un plano secuencia. Pero “non tiña sentido”, recoñece, xa que hai saltos no tempo que non o recomendaban. O que si que fixeron foi rodar “do tirón” aqueles bloques con unidade temporal. “Os actores teñen tan mamada a función, coñecen o texto de tal modo, que a obra a facían de xeito naturalista”, apunta o director. De feito, o guión apenas sufreu “algún cambio”.

Os actores teñen tan mamada a función que a facían de xeito naturalista”

Outra das innovacións da película, ademáis dalgúns exteriores, é a animación que en determinado punto dá forza a trama. “Hai un momento da obra no que o personaxe que interpreta Miguel de Lira ponse a explicar como era o Paraíso”, apunta Coira. É nese intre no que introduciu unha transición “case invisible” na que converte a explicación mediante “corpo e voz” do teatro á linguaxe cinematográfica, con recursos máis axeitados para a modalidade: debuxos sobre un fondo neutro.

O recoñecemento que obtivo Chévere desde que recibiu o Premio Nacional de Teatro (en 2014, pola súa conexión coa realidade social e económica) “abriu portas”, segundo subliña Jorge Coira. O seu obxectivo, xunto cos actores (a produción da fita corre a cargo de Chévere e OlloVivo), é que esta película “humilde” chegue a un público “amplo”.

“Que non quede restrinxido ao público ao que lle gusta o teatro”, sinala o director. Así, pretende que a Eroski Paraíso se achegue un público “menos específico” que pode conectar coa historia, centrada nos cambios que produce o tempo. Por ese motivo, asume que os espectadores han ser adultos, pero tamén chama a atención sobre que “a partires dos 20 xa comeza a interesar o paso do tempo”. Non en van, Álex, a protagonista, está nesas idades e ten ese “ímpetu” que a leva reflexionar sobre as transformacións que se producen e marcan tanto á súa familia como ao que a rodea. 

E para os que aínda non coñezades o argumento de Eroski Paraíso, velaquí a sinopse: Alejandra regresa a Muros para rodar o seu proxecto final da escola de cine. Leva tempo querendo facer un documental que conte a historia dos seus pais, como se coñeceron na sala de festas Paraíso e como unha noite mudou para sempre as súas vidas. Pero Eva e Antonio levan anos separados, a vella discoteca é hoxe un supermercado Eroski e os recordos nunca espertan como os imaxinas. Con todo, esta é a súa película

… e os datos técnicos da longametraxe:

EROSKI PARAÍSO

2019 |75’|Galego, castelán

Dirección: Jorge Coira e Xesús Ron

Guión: Chévere

Produción: Chévere e OlloVivo

Elenco: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias, Luis Martínez e Fidel Vázquez

Montaxe: Lucía Iglesias e Jorge Coira

Son: Juan Gay

Postprodución de imaxe: Alfonsin Digital Lab

Postprodución de son: Soundtroop

Dirección de arte: Antonio Pereira e Chévere

Dirección de produción: Gaspar Broullón e Patricia de Lorenzo