Loading

O xuramento de Aries ao seu pai

Juramento Mantarraya é o novo disco de Aries, proxecto persoal da música bilbaína afincada en Vigo Isabel Fernández Reviriego. Algún Inorante pensaba que o título do álbum tiña algún vínculo co artista de vangarda Man Ray, e non podía estar máis equivocado. En realidade, “provén da promesa que lle fixen ao meu pai sendo unha nena. Buceábamos todos os veráns e o meu animal favorito é a raia. É unha promesa sobre ser valente e facer o teu propio camiño”, afirma Fernández. E, como este traballo insiste “no camiño, no erro, na dúbida… pareceume bonito utilizalo”

Raquel Peláez, de La Castanya, o selo que edita o disco en España, di del que é pop soleado e electrónica inventiva para viaxar mentalmente. As letras, ademais de afondar na creatividade e no valor para a toma de decisións, semellan unha crítica ou unha solicitude de corrección á vida moderna. Un intento de baixar dese capitalismo atroz que non nos permite ficar quedos nin un instante: producir e consumir. Difícil ser creativo nesas circunstancias. Imposible que, con ese caos constante, os artistas poidan descubrir e subministrar un atractivo trascendental e provocar un efecto catárquico.

Isabel Fernández cumprindo co Juramento Mantarraya.

Nesa liña vai o terceiro sinxelo, Space Cake, que “fala de desaprender, de reaprender. Celebra o pensamento crítico, fala da vontade de entendemento”, reflexiona. O punto de partida para este tema foi a inxesta dun anaco dun pastel de marihuana e as conversas que tivo ese día cos seus amigos. Pode estimular a inspiración o cannabis? “Non creo que axude (…) venme ben fumar porque deixa que as cousas flúan durante horas sen ter ese xugo de autoesixencia”, conclúe. O disco conta con temas tan inspirados como Dolce far niente, Un gran puente ou El camino.

Todos eles teñen unha sólida armazón electrónica onde se congregan, e actualizan, varios estilos do pop moderno. Tómese como botón de mostra La mejor sensación, coa que Aries fai “unha canción de girl group dos sesenta, pero producida hoxe, por min. Tamén ten un montón de arpas e sintes do Moog inspirados en Alice Coltrane”, describe. Esta multiinstrumentista que menciona Fernández foi unha das poucas músicas que empregou a arpa nas bandas de jazz.

Cando din que son unha bóla de optimismo e luz paréceme un pouco reducionista”

Aries é un proxecto que leva activo desde 2011. Catro discos e centos de concertos despois podemos afirmar que a personalidade deste proxecto está completamente definida. Aínda que a artista lamenta as descricións breves, porque suprimen os matices: “cando din que son unha bóla de optimismo e luz paréceme un pouco reducionista (…). Eu mesma hai días que estou súper triste, como calquera. O que si é certo é que avogo máis por construír que por destruír”. Un lema esencial para combater a todoloxía virtual que converte un espazo de opinión e posta en común nun campo de batalla. Doutra banda, nada lonxe do que é a historia da humanidade.

En realidade, a etapa anterior de Fernández Reviriego é longa. “Desde que era adolescente toquei en grupos e vivín moitas experiencias grazas á música”, afirma. Destacamos Electrobikinis, un conxunto con referencias a The Breeders, Mudhoney e Ramones, capaces de ofrecer pildorazos como Boston City Girl. E, doutra banda, está Charades, un conxunto onde os arreglos, as harmonías e os múltiples matices das atmosferas pódense tomar como punto de partida da súa carreira en solitario, especialmente no disco Revolución Solar. Que queda desta etapa? “Levo esas vivencias e aprendizaxes comigo. Creo que queda a mesma ilusión por facer discos e descubrir cousas novas”

 

Se revisamos as opinións sobre a carreira de Aries son recorrentes unha serie de nomes do pop e da electrónica anglosaxona. Pero a súa instalación en Galicia fíxolle botar un ollo á nosa tradición musical. “O meu primeiro disco, La Magia Bruta (2012), está moi influído pola música que descubrín ao vir aquí, como Emilio Cao. Tamén merquei un pandeiro que sampleei mazo. Ademais, encántame toda a tradición pagá: cando descubrín os carnavais galegos estiven obsesionada. Do folque vasco tamén sampleei txalapartas por doquier”.

Logo, evidentemente, hai que trasladar toda a concepción dos discos ao vivo. Fernández non ten interese en acompañarse dunha formación. Isto é “como se lle propós a un grupo de rock se queren facer os seus directos con máquinas. Non me gusta analizar a música coa dicotomía electrónica/orgánica. Interésame se me emociona ou non, independentemente de como estea feita”, insiste. Ao igual que a propia música, a compañía tamén é algo emocional. Por iso concibe ás bandas “como grupos de amigos facendo cousas. A idea de pillar unha banda de concerto non me seduce nada. Quizais no futuro volva coller a guitarra: iso si que non o descarto, porque a toco habitualmente e encántame”.   

Aries, a gran ponte entre electrónica e pop. Foto: Laia Benavides

Música, Cans e videoxogos.

O 23 de maio Aries actúa no Festival de Cans. Ademais de presentar os temas de Juramento Mantarraya, agárdase un reseteo de varios temas dos seus antigos traballos e que así respondan ao momento creativo actual da artista. Vai ser interesante escoitar as novidades que traen, se é que forman parte do setlist, Eclipse total ou Visiones. Cans é un festival de cinema. A selección de Aries é moi acaída e vai alén dunha actividade complementaria.

Non me gusta analizar a música coa dicotomía electrónica/orgánica. Interésame se me emociona ou non, independentemente de como estea feita”

A súa paixón polas artes visuais e o mundo do cinema queda patente se nos pasamos polo seu blogue. “Sempre lle din importancia”, afirma. “Desde os carteis, fotos, vídeos, visuais de concertos… É a dimensión do proxecto que máis me permite interactuar coa xente (…). Ademais traballo facendo música para proxectos audiovisuais, así que creo que ten moita relación”.   

Tal é o vínculo que, no último ano, creou a banda sonora do videoxogo Melbits World, compuxo a banda sonora dunha curtametraxe de Stella McCartney e tamén cantou para Hora de Aventuras, unha das mellores series de animación da última década. Preguntada concretamente polo videoxogo destaca que “aprendín novas cousas en asuntos de produción. Tamén me levou a ter que facer gran cantidade de música por encargo”. O último disco fala de desaprender. De non facer absolutamente nada. Algo que pode entrar en conflito coa inquedanza dunha artista. O conflito de Aries.

 

*Foto de portada: Laia Benavides