Loading
ascension

Non hai dúbida: as festas da Ascensión son as máis santiaguesas das festas de Santiago. Afastadas da turistificación que sufre o Apóstolo, sitas no marabilloso maio galego que regala días interminables, calor e frío por partes iguais, as da Ascensión son as festas que nos sinalan que o verán vén para quedar.

A proximidade do estío é motivo inmellorable para celebrar. E a programación cultural invita a unírmonos á celebración. Un programa que, afortunadamente, foxe da estandarización festivaleira e, agás o inevitable guiño á comercialidade que supón o concerto de Los40 Pop do mércores, conforma unha plausible aposta polos músicos de Galicia.

Dicíao Branca Novoneyra na presentación das festas: “Querémoslle dar aos nosos músicos a posibilidade de ser profetas na terra; aínda que sexa unha frase moi manida, é importante que os nosos artista poidan ser escoitados en Compostela. Por iso apostamos pola última música feita en Galicia”.

Abe Rábade, Davide Salvado e Branca Novoneyra na presentación das festas.

Dalgún xeito a excelente imaxe que acompaña as festas, o cartel deseñado pola cambadesa Iria Ribadomar, fálanos ás claras da intención dos programadores na Ascension. Dende a Alameda, coa noria xirando ao fondo, dúas Marías do século XXI toman un selfie e chiscan o ollo. No centro seguimos estando nós e o noso, mais é preciso actualizarse, investigar, crear, avanzar. Iso dinnos estas Marías millenials, e iso fan a maioría dos artistas que veremos polas prazas de Compostela.

O epicentro da celebración serán oito concertos, catro na Quintana e catro no Toural, todos eles de entrada de balde como corresponde a unha celebración popular coma esta. Concertos que, obviando o xa citado do 40 Principales, pasamos agora a analizar.

Lorca Namorado

Entre todo o cartel sobresae unha cita, Lorca Namorado, que se poderá ver na Quintana o xoves, o propio dia da Ascensión, a partir das 22:00 horas. Sobresae, en primeiro lugar, porque suporá a estrea absoluta dun espectáculo que apunta moi alto.

Isto quere ser coma unha devolución a Lorca do seu cariño á cultura galega”

Ideado por Abe Rábade e Rosa Bugallo, Lorca Namorado ofrece unha reinterpretación musicada e de bailada dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Un espectáculo con máis dun ano de traballo ás costas, no que se teñen enrolado unha inmellorable tripulación de cantantes, músicos e bailaríns.

“Todos os músicos que están no espectáculo quixeron estar dende o principio”, dinos Abe Rábade. “Eu estou moi contento cos cantantes que participan porque teño a Salvador Sobral; teño unha representación perfecta da música flamenca con Kiki Morente, irmán de Estrella e fillo de Enrique Morente, que vén dunha estirpe increíble e vai cantar o Madrigal a Santiago; despois está Arcángel, que acaba de gañar o Grammy ao mellor disco de flamenco do ano; pola banda galega teño á miña voz favorita das galegas, que é Davide Salvado, e a Marcelo Dobode, que aporta moito tamén ao proxecto…”.

Banco Alameda
Os catro primeiros versos do Madrigal á cibdá de Santiago tallados na pedra da Alameda.

Rábade cóntanos como foi o seu traballo con estes artistas: “Unha cousa moi bonita é que tiven a oportunidade de traballar con cada un e facer os arranxos á súa medida. Fun a Sevilla en febreiro e alí foi onde as cancións deixaron de ser bocetos. Fixemos un traxe a medida para cada un deles. Dalgún xeito isto quere ser como unha devolución a Lorca do seu cariño e da súa achega á cultura galega”.

Seis Poemas Galegos

Falábanos Abe Rábade do Madrigal á cibdá de Santiago, un deses Seis Poemas Galegos de Lorca que tan ligados están á nosa capital. Os seus catro primeiros, inesquecibles versos, están tallados nunha pedra chantada aos pés dun banco dende onde ollar o perfil da cidade vella e a CatedralChove en Santiago / Meu doce amor. / Camelia branca do ar / Brila entebrecida ao sol. “O poemario en galego ten todo o imaxinario de Lorca. Ten moitísimo do Romancero Gitano e ideas que despois estarán en Poeta en Nueva York”, cóntanos Abe.

O espectáculo busca pór en valor a importancia que ten que un dos meirandes poetas do século pasado “escribise en galego a única produción poética que non ten en castelán. Iso só pode producir fachenda. É máis, son poemas escritos nun galego exquisito e reflicten a profunda amizade de Lorca con Eduardo Blanco Amor ou Guerra Dacal. Seguramente este poemario ten moito de experimental, de coworking, de descuberta do idioma”.

Os poemas de Lorca están escritos nun galego exquisito e reflicten a profunda amizade de Lorca con Blanco Amor ou Guerra Dacal”.

Para Rábade non foi difícil descubrir a musicalidade nos versos lorquianos: “O que fixen foi deixarme levar polas imaxes que transmite a poesía para que me dixeran que facer no musical a nivel formal e melódico. Fun cantando palabra a palabra, e deixeime levar polo ritmo. É moi claro que Lorca era músico; é un poemario moi musical na súa estrutura”.

Jazz, flamenco e Galicia

Este é un proxecto cun pé na tradición galega, outro no flamenco e as mans no jazz. Así nolo explica Rábade: “O proxecto é todo luz e ten catro toques rítmicos tradicionais. Dous da cultura flamenca, a bulería que é o Madrigal á cibdá de Santiago; e a soleá que é A danza da lúa en Santiago. Con respecto á cultura galega temos a xota da Cantiga do neno da tenda; e a muiñeira vella do Romaxe da Nosa Señora da Barca.

Kiki Morente
Kiki Morente, unha das voces flamencas do Lorca Namorado.

A formación jazzística do músico compostelán tamén está moi presente no espectáculo: “As outras dúas pezas son máis jazzísticas. Unha cántaa Salvador Sobral, e a outra é un dueto entre Salvador e Davide Salvado, que é o poema que lle escribiu Lorca a Rosalía, que practicamente é un arrolo e ten vínculos coas cancións máis líricas da tradición brasileira”.

Susana Seivane e Baiuca

Un día despois do Lorca Namorado, o venres, tamén na Praza da Quintana, poderemos disfrutar dun interesante binomio gaiteiro. Saltará primeiro ao escenario a cambresa Susana Seivane (21:00), herdeira dunha das estirpes de gaiteiros e artesáns máis importante das gaitas de Galicia, os Seivane, que neste 2019 cumpre os vinte anos dende a publicación do seu primeiro disco, alá polo último ano do pasado milenio. Dende finais de 2018 Seivane está a xirar con FA, o seu quinto traballo discográfico, que recibiu o nome polas iniciais de Fiz e Antón, os seus fillos, e falan da experiencia que supón a maternidade.

Baiuca Live Band
Baiuca chega a Santiago cun novo formato de Live Band, co que tocou en Pontevedra e Madrid.

E da gaita clásica a un dos grandes anovadores destes últimos meses, Baiuca, o persoal proxecto de Alejandro Guillán, quen un día se definira como “o friki da clase que tocaba a gaita”. Guillán podería definirse agora como o friki da clase que xuntou gaita e electrónica. E conseguiu que Solpor, o seu LP, se convertera nunnha das gratas sorpresas do pasado ano na música galega (en Inorantes elixímolo segundo mellor artista musical galego de 2018).

Baiuca chega á Quintana con novo formato, o Live Band, co que vén de actuar no TriFest de Pontevedra (con motivo do Campionato Mundial de Triatlón) e nas Praderas de San Isidro en Madrid. Neste formato a Guillán acompáñano Alejandra y Andrea Montero nas voces e pandeiretas, Xosé Lois Romero nas percusións, e Adrián Canoura no espectáculo visual.

Novedades Carminha

O último dos catro grandes concertos da Quintana terá lugar o sábado a partir das 21:00, e chegará a cargo dunha das bandas santiaguesas máis importantes do momento, Novedades Carminha. O cuarteto compostelán publicou nos primeiros meses deste ano o seu novo longa duración, Ultraligero, un traballo do que, en realidade, xa coñecéramos previamente moitos dos cortes que foron deixándonos aos poucos como pingas. Cortes como Te Quiero Igual ou as colaboracións con Dellafuente (Ya no te veo) e Esteban&Manuel (a versión do A Santiago Voy de Andrés Dobarro).

Na Quintana poderemos ver esta nova versión do grupo, afincado agora en Madrid, que semella ter abandonado por completo o garage que presidiu os inicios da súa traxectoria e achegarse definitivamente (como xa anunciaron co anterior disco Campeones del Mundo) no autotune e a mestura de xéneros, con preferencia polos ritmos de hip hop, cumbia ou reggae.

novedades carminha
Novedades Carminha pechan o sábado os concertos da Quintana.

Artellando

O empeño que ten o Concello de Santiago de levar a festa a todos os currunchos da cidade e facela popular é o corazón das actividades que oferta Artellando. Unhas actividades que se subdividen, á súa vez, en diversos ciclos: Artellando no Vermú, Artellando na Tarde, A festa no Teatro Principal e Artellando na noite.

Quedámonos co Artellando na noite, que vai ofrecer catro concertos moi interesantes na Praza do Toural. O mércores (23:00 horas) Davide Salvado, unha das mellores voces de Galicia, presentará o seu novo disco, Amarelo. Ao día seguinte, xoves (23:30 h0ras), será a quenda de Germán Díaz e Benxamín Otero, que coa zanfona e o oboe interpretan as súas Trece cancións bonitas, que recolle temas de cancioneiros como o de Olmeda, os cantos galegos recollidos por José Inzenga, ou o Romance de Santa Catalina.

Najla Shami
A galegopalestina Najla Shami estará no Artellando na Noite.

O venres (23:00) subirase ao escenario do Toural a compostelá Najla Shami. A galegopalestina presenta o seu novo traballo discográfico Ela Sabe A Sol, álbum no que recolle os legados de oriente e occidente. Algo semellante sucede coa última das propostas do Artellando na Noite, o sábado (23:30) De Mar a Mar, (a única en todo o programa de concertos sen sabor galego), proposta pola fusión que mestura a guitarra flamenca co laúde árabe e o acordeón, que mestura a música do mediterráneo coa latinoamericana.

Festa no Principal

As festas complétanse coa xa tradicional Festa no Teatro Principal, que se celebrará durante todo o día do sábado, e reúne unha nutrida e variada programación familiar, con contacontos, música, teatro…; así coma un bo número de actividades, tradicións e concertos, entre os que salientamos, para que non perdades, o de Chicharrón, dentro do ciclo Artellando no Vermú, o domingo ás 13:00 na Praza de Cervantes.

Tedes o programa completo das Festas da Ascensión nesta ligazón.

E se queredes afondar no Artellando, velaquí o seu dossier