Loading

“Santiago é a cidade máis onírica”

Recitar a Lorca é unha boa responsabilidade. Xa cantei a Fernando Pessoa e, polo tanto, estou acostumado a esa presión dos grandes escritores”. É o poeta granadino, e o seu idilio con Galicia, o que trae de volta a Salvador Sobral polo noso país. Ou case. Realmente quen convidou ao cantautor portugués a Compostela desta volta foi o músico Abe Rábade, que non dubidou en contar coa sensibilidade de Sobral nun proxecto tan emocionante como Lorca Namorado

Sobral confésanos que “non coñecía” os poemas escritos en galego por Federico García Lorca. Non é estraño, hai realmente pouco tempo que esa coidada e fermosa producción do poeta na nosa lingua traspasou a barreira académica para chegar ás rúas. “Fiquei moi sorprendido cando Abe me mostrou os poemas”, conta.

Fiquei moi sorprendido cando Abe me mostrou os poemas galegos de Lorca”, di Sobral

Lorca Namorado é o nome do espectáculo creado polo pianista galego Abe Rábade para o que fixo moito máis que poñer música aos versos galegos do granadino. A primeira representación terá lugar o xoves 30, día da Ascensión, na praza da Quintana de Santiago. Sobral explicounos que participa deste proxecto pola relación que estableceu con Abe na súa primeira colaboración xuntos, na gala dos premios Ari[t]mar do ano pasado: “Gústame moitísimo como músico, como compositor e tamén como persoa. Morría de ganas de facer algo con el”.

Salvador Sobral estará o xoves 30 na praza da Quintana de Santiago na estrea do espectáculo Lorca Namorado.

“Adoro a Salva. Coñecémonos en Madrid porque temos a sorte de traballar coa mesma produtora”, apunta Rábade. “Xa dende o principio tivemos unha conexión musical moi forte e moi auténtica. Cando hai persoas coas que te levas musicalmente dese xeito, hai que facer cousas porque o sentes como algo natural”.

Dende o principio tivemos unha conexión musical moi auténtica”, sinala Rábade

“O Abe ten un son de piano como eu nunca vira na miña vida. É unha honra enorme colaborar de novo con el”, sinala o cantautor portugués. Salta á vista que estamos ante dous profesionais que se admiran dentro e fóra dos escenarios.É marabilloso que Salvador estea neste proxecto. Ten unha maneira de entender a música que me gusta moito e coa que estou moi dacordo”, engade o galego.

 

Sobral mantén unha forte ligazón coa cultura galega. Cando o ano pasado veu recoller o premio da gala Ari[t]mar xa se reivindicou como “galego do sur” e puxo de manifesto o que nos une coa cultura lusa. “Já fomos um. Por que não continuarmos a sê-lo, ainda que for de outra maneira?”, destacou daquela.

Lonxe queda o rapaz coitado que gañou o festival de Eurovisión. Que de coitado tiña, por certo, máis ben pouco e que demostrou saber empregar a visibilidade que lle deu aquel escenario, porque el xa levaba moito percorrido antes de agasallarnos aquela rareza eurovisiva que foi Amar pelos dois. 

Salvador Sobral e Davide Salvado cantarán a dúo a Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta.

O lisboeta regresa agora a Compostela con Lorca Namorado. “Santiago é a cidade máis misteriosa e onírica que coñezo. Adoro estar aí”, asegura Sobral.

E faino con enerxías renovadas, ben de saúde e cun novo disco baixo o brazo: París, Lisboa. Un álbum cheo de referencias, que comezan polo título e a fotografía da portada [a que encabeza esta conversa] que son unha homenaxe ao filme París, Texas, do cineasta alemán Wim Wenders.

Santiago é a cidade máis misteriosa e onírica que coñezo”, confesa o portugués

No seu segundo LP Sobral fala das súas experiencias destes últimos tres anos, que o levaron a pasar moito tempo na casa, en Lisboa, pero tamén na capital francesa. No disco canta tanto en portugués, como en castelán, francés e inglés. “Cada idioma ten os seus vocábulos musicais, que se poden explorar. O idioma é a música, a lingua na que se canta é só un instrumento máis”, explica.

Galicia deitada e queda / transida de tristes herbas. / Herbas que cobren téu leito / e a negra fonte dos teus cabelos cantará Sobral a Rosalía falando por boca de Lorca, dende Compostela. Sen dúbida, é unha “boa responsabilidade”

 

*Foto de portada: Ana Paganini