Loading

Davide Salvado fálanos de folk

Davide Salvado é un dos renovadores da tradición musical. Posiblemente o máis visceral de todos eles. O seu arraigo pola nosa cultura é, no seu caso, unha actitude vital. “Desde o corazón galego estamos a facer cousas ben modernas”, di. Armado coa súa fantástica voz e o pandeiro, amósase aberto a todo tipo de colaboracións interdisciplinares. Perspicaz nas súas respostas e cheo de autenticidade e carisma, citámonos no CGAC para a entrevista. Este museo, de titularidade pública e autonómica, é a principal referencia da arte en Galicia.

Apenas a uns quince metros atópase o Museo do Pobo Galego, salvagarda dos costumes olvidados da nosa terra. Parece logo o lugar axeitado para que lamente que “os políticos non cren no noso folclore”. Está a dar resposta a por que a nosa tradición musical é menos internacional que a doutras rexións, coma Andalucía co flamenco.

Sen embargo, lembramos que houbo un momento no que, sendo presidente Manuel Fraga, enchéronse de gaitas todos os concellos do país. Pero, evidentemente, esa non é a resolución axeitada. “Penso que non só son gaitas o que hai que exportar. E non dese xeito militarizado, en plan ‘veña! mil gaiteiros, ou mil pandeireteiras, ou mil o que sexa’. É máis apoiar (…) cada proxecto artístico individual como pode ser o meu, como pode ser o de Xabier, como pode ser o de Sés, como pode ser calquera que ten identidade propia, e ademais colectiva, porque ten algo patrimonial”.

Davide Salvado, escala de grises e cor do folclore

En calquera caso, e a pesar de afirmar que a el non o apoian, sóbranlle sitios nos que actuar. A Davide tanto o podemos ver en Insua, unha aldea da Terra Chá, coma no WOMEX ou no Festival de Lorient, no que vai participar este ano. El xamais vai abandonar os eventos modestos. “Unha vez díxome [a cantautora] Ugía Pedreira, que é unha gran amiga miña e aprendín moito dela, que nunca me esquecera de tocar en palcos pequenos. É unha frase que levo comigo. Eu aprendín nos palcos máis pequenos, que son as casas das mulleres, e non me quero esquecer diso. Moitas veces é máis gratificante tocar para dez persoas nun entorno incrible e nun proxecto moi mimado, que para dez mil”.

Esta forma de expresarse saca a relucir a quen valora a creación e o proxecto por riba das demandas estritamente económicas. Sen dúbida, o formato grande tamén lle podería resultar atractivo porque, como é lóxico, é máis rendible. Aínda así, insiste en que “eu non canto polo diñeiro exclusivamente, gústame tocar en calquera sitio onde haxa cariño”.

Moitas veces é máis gratificante tocar para dez persoas que para dez mil”

Ese cariño do que fala el o ve no rural, nas súas xentes e nos seus modos de vida. Encántalle conectar con ese mundo: coa conservación inconsciente do noso pasado musical. Ainda que nas súas recollidas non se percibe como “un etnógrafo nese concepto de ir gravar a unha señora e marchar. Eu fun máis de coñecer o espazo, de coñecer as familias, de coñecer as señoras. E máis que o que cantaban, interesábame por que o cantaban así. Por iso vivo no rural e do xeito que vivo”.

Davide vive en Palas de Reis e encántalle dar paseos pola aldea, falar coa xente e coidar dos seus cabalos. Non ten televisión e apenas emprega internet. Recoñece que coa renuncia tecnolóxica pérdese algunhas cousas, pero gaña moito noutras. Cando fala dos rexistros de información sempre emprega o xénero feminino. “Neste caso hai que dicir ‘elas’, porque a maioría son informantas”, aclara. “De mil mulleres hai dous homes que ensinan folclore”.

A tradición oral é algo ben antigo, en Europa queda na Revolución Industrial pero aquí mantense”

Segundo Davide, en Galicia acontece algo único en Europa. Trátase do “feito diferencial de que podes ir ás aldeas (tamén ás cidades) e hai mulleres que tocan a pandeireta e cantan e bailan dun xeito real: aprendidas, con toda a súa familia, con todos os seus devanceiros. Iso é algo incrible. A tradición oral é algo ben antigo, en Europa queda na Revolución Industrial pero aquí mantense”. Mesmo en España, “o sitio máis vivo de variacións de músicas e de ritmos é Galicia”.

A diversidade do cancioneiro do artista é un exemplo do que está a describir. Podemos comparar, entre moitos outros, os temas Helena, Todo o Corpo ou Gora para confirmalo. Nos seus temas tamén se observa a gran capacidade para incluír o folclore doutras rexións e diferentes estilos actuais. Pero lonxe de considerar isto como algo revolucionario, di que “iso faise agora, simplemente, porque temos acceso. Eu sei de moitas mulleres que cantaban o que aprenderon da súa nai, da súa avoa ou da súa veciña, pero cando chegou a radio introduciron as melodías que escoitaban no folclore. Nós facemos o mesmo, pero temos máis influencias: internet, a capacidade de viaxar… todo o que nos vai aparecendo, incorporámolo. É algo natural, que pasou sempre”.

Unha afirmación que leva implícito fuxir do purismo extremo ou ben que os puristas deberían tolerar a modernidade. Con todo, afirma que en Galicia non se atopou con ningún conflito ao respecto, porque “a xente que critica, escoita e fai foclore galego son xente moi aberta”.

 

Cal é o problema, entón? “O problema está na xente que non apoia o folclore e que fala mal do folclore sen ter ningún coñecemento”. Ocórresenos, como exemplo, certa prensa cainita que ideou e propagou o concepto de apropiación cultural: moi empregado, por certo, cando abordan o folclore. Davide amosa certa indignación no tono ao comentar isto. “Miña avoa, como era maior e xa non se cortaba, diría que ‘iso é unha pura merda'”, sentencia. É ben difícil, nos tempos que corren, crer nesa fabricación histriónica. Porque esa ortodoxia está chea de tintes chovinistas. E o músico teno ben claro ao saldar esta cuestión. “Creo que todos estamos empapados de todos e nada é tan puro como para non ter influencias. E menos mal!”.   

Amarelo

Davide Salvado é un dos protagonistas das Festas da Ascensión de Compostela. Vai actuar por partida dobre: o día 29 presenta o seu novo proxecto e o día 30 colabora nun espectáculo con máis artistas. O nome dese novo plan que está a trazar e que vai exhibir o mércores na Praza do Toural é Amarelo. Pero, que é Amarelo? “É o meu interior. O interior do meu corpo. O meu espírito é amarelo. Eu son unha persoa moi positiva, que entendo a vida desde ese lado e sempre me foi ben. As cousas malas que tiven foron por algo bo, sempre. E traballo desde a miña vida. A miña obra é moi persoal. É como vivo, desde onde vivo e desde onde observo. Só me rodeo de xente amarela: a xente boa”.

A simbiose coa Galicia rural

Fácil extraer, das súas palabras, que isto é moito máis que un disco. De feito, o disco aínda non está publicado. Contrariamente ao que vén sendo habitual, Davide dá concertos e participa en espectáculos antes de ter rematado o traballo de estudio e parece concebir o álbum como o remate dun complexo proceso espiritual, formal e estético.

Aquí “hai algo de repertorio novo e algo dos anteriores traballos, pero tinguido dunha sonoridade ben distinta. Incorporo algo moi novo que é o clarinete baixo tocado por Pablo Pascual e iso xa tingue todo dun amarelo estupendo”. No Toural poderemos ver que tal lle senta esa instrumentación a temas como O Manso, Cabaliño, Lobos ou Gargamala.

En canto aos novos temas, trátase de cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo. Están reinterpretadas desde unha óptica contemporánea e con novos textos de Manolo Cortés. Este escritor, guionista e actor “é moi sensible co folclore. Sabe como son, sabe como vivo, sabe o que me gusta. Entón é como se as letras as escribira eu. As palabras teñen que coincidir coas melodías que son antigas e el encaixaas á perfección”, eloxia. Vai actuar en formato trío, acompañado dos irmáns Pascual (Pedro e Pablo), e moito ollo porque “haberá un convidado sorpresa” que non quixo desvelar.  

[Amarelo] é o meu interior. Traballo desde a miña vida. A miña obra é moi persoal”

Lorca Namorado

O día 30 Davide participa no espectáculo Lorca Namorado. “A ideóloga é Rosa Bugallo e encargoulle a dirección a Abe Rábade”, o pianista de jazz. “É un xenio. Entendeu moi ben a proposta de Rosa e o resultado vai ser moi bonito”, afirma. Está baseado nos Seis poemas galegos de Federico García Lorca e, musicalmente, reúne á tradición galega, o flamenco e o jazz.

Ademáis de Rábade e Salvado, van participar Kiki Morente, Salvador Sobral, Susana Seivane, Arcángel e Marcelo DoBode. “A min escolléronme para cantar con Salvador Sobral en formato dúo, que é un pracer inmenso para min. Logo, con Kiki Morente e Sobral farei outra intervención máis poética”.  

Síntese fascinado polo proxecto e confesa que é “algo que me xenera eses nervios que había tempo que non tiña”. Se alguén coa súa experiencia amosa esa inquedanza, é porque algo importante se está xestando. Menciona a incrible banda que vai participar, o mesmo que as coristas e o fantástico piano de Abe Rábade. Ademais, teñen previsto darlle continuidade ao espectáculo, pero “coa banda reducida. E creo que vou ser eu o que leve a parte vocal”. Agardamos, pois, que haxa máis oportunidades para este Lorca Namorado. Aínda que sexa sen as grandes estrelas foráneas.

Cor de tradición sen marco e sen pintura

E, por certo, que significa Lorca para Davide? “Para min significa moitísimo. Non é só unha persoa especial que escribiu obras mestras, que significan tanto para o universo particular de moita xente. É tamén o cruel que foi este país con el”. Non deberíamos olvidar que foi asasinado en 1936, polos seus ideais, e que os restos do poeta continúan en paradoiro descoñecido. “[Debido á homenaxe que se lle vai render na Quintana] empapeime del, lin moito sobre el, vin moito sobre el. Téñoo moi presente estes días (…) Incluso o meu vestiario está moi orientado para este espectáculo. Co que estou facendo e a interpretación que lle estou dando, estou pensando en cantarlle a Lorca. Estou seguro de que lle ía gustar moitísimo”.

Davide recomenda

Aínda que soe contraditorio, a renovación da música tradicional galega é un feito innegable. Ademais estase a actuar desde as opcións máis variadas: pop, jazz, experimental e electrónica incorpóranse con total naturalidade no noso folclore. Un de tantos responsables de que isto sexa así é o propio Davide Salvado. Por iso pedímoslle que nos recomende a algún artista.

“Sés fai algo de menos raíz, pero capaz de conectar coas novas xeracións. Mercedes Peón está a facer algo moi marciano e consegue chegar a espazos nos que se fala de folclore galego grazas a ela. Tamén temos a Xabier Díaz, que está con algo moi comercial necesario para este país, que é levar as melodías tan bonitas que canta a masas de xente ás que lles gusta ese tipo de interpretación”. Todos eles son proxectos cheos da autenticidade e do cariño que demanda para a súa propia obra.