Loading

O xiro de Novedades Carminha

En contra do pronóstico dos haters, Novedades Carminha segue a preferir tocar nas festas da Ascensión de Santiago que no San Isidro de Madrid. Así nolo contou o seu baterista, Xavi Pereiro, nunha conversa sobre música, cine, as dificultades de ser punki e como o único xeito de non aburrirse é evolucionar.

“Bua… Teño que dicir que San Isidro é algo moito máis tranquilo que tocar na Ascensión para nós. Creo que na Quintana xa tocamos tres ou catro veces e aínda non teño controlados os nervios. Tocar en Santiago é unha responsabilidade moitísimo máis tocha que facelo en Madrid ou en calquera outro sitio. Santiago é a nosa casa e sempre temos moitas ganas de facelo ben”, explica Xavi. 

Tocar en Santiago é unha responsabilidade, é a nosa casa, temos ganas de facelo ben”

“Tocar diante dos colegas é unha responsabilidade. Os meus polo menos critican moito a Novedades Carminha. Son defensores dos primeiros discos… e tocar diante de xente tan preparada e tan brava dá respecto…”, confesa. O grupo actúa na Praza da Quintana o sábado a partir das 21:00 horas, con sorpresa incluída, como unha das apostas fortes das festas da Ascensión. 

Sen eufemismos, Xavi di que supón que os inicios da banda -entón trío e agora cuarteto- soaban máis punkis. “Daquela estabamos máis afincados en Santiago e agora estamos un pelín máis despegados. Estamos en Madrid, tocamos en San Isidro, facemos música de baile…”, apunta. É algo así como moi criticable. Facer música de baile en tempos de revolta social, con todo en crise, pois é menos macarra”, destaca con sinceridade.

Que pasou con Novedades Carminha entre as cancións Amor rural (2011) e Te quiero igual (2017)?

“Pois eu creo que nos suavizamos. Seguimos falando de amor, pero Amor rural é un tema máis bruto, que leva unhas cantas frases polas que igual en 2019/2020 seríamos súper criticados… As dúas teñen un espírito punki de fondo pero unha agrede á música indie, e a Los Planetas en particular, e a outra máis ao amor romántico, pasional, intenso… Diferentes épocas de Novedades Carminha, unha máis punki e a outra máis bailable, pero penso que seguimos tirando pedras en todas as direccións”.

 

O baterista compostelán afonda sen pudor nos cambios do grupo. “Xa con Campeones del Mundo (2016) decidimos que ser punki a diario era un pouco aburrido porque militar en algo por militar é aburrido de base. Comer todos os días caldo está moi guai, pero hai que variar”.

Aos galegos, que buscaban manter o seu discurso ácido e punzante, o que lles pedía o corpo era cambiar máis á música de baile. “Á xente parece que o que lle apetece é disfrutar nun concerto. Apostamos por cambiar á música de baile e manter a nosa actitude coa intención de que se algo funciona hai que cambialo para que siga a funcionar”.

Facer música de baile en tempos de revolta social é menos macarra”

“Temos claro que antes que creadores de música somos consumidores. Entón, somos un pouco escravos do momento. Intentamos estar no que nos gusta e que o grupo sexa un transmisor do rollo no que nós andamos persoalmente. Novedades Carminha non ten unha liña propia sen entender o que nos gusta a Carlos, a Jarri, a Anxo e a min. Nós somos eso. Ante todo somos xente que vai a ver música en directo e disfruta dela, así que intentamos demostrar os nosos gustos”, afonda Xavi

E en Santiago, nunha época que Xavi define como “dominada pola cumbia”, os membros de Novedades Carminha estaban tentados de sumarse ao ritmo latino sen deixar de lado as súas raíces. De aí xurdiu a colaboración con Esteban&Manuel. “Pedímoslles que nos ensinasen as claves da cumbia para poder trasladar algo de eses sons de Santiago que consideramos propios á nosa xira”, di. A súa versión do A Santiago Voy do Andrés Dobarro é a materialización de todas estas intencións. 

Pero que lles gustou máis, colaborar co dúo galego ou co rapeiro andaluz Dellafuente?

“Eu disfrutei moitísimo de Esteban&Manuel porque os coñezo xa dende hai tempo e tiña ganas de facer algo con eles. Pero tivemos sorte porque a colaboración con Dellafuente resultou ser moi potente. Tivemos sorte de que os nosos plantexamentos musicais funcionan coa súa forma de cantar e saíu ben. Pero, a priori, o que fai Dellafuente queda máis lonxe de nós”.  

Temos claro que antes de creadores de música somos consumidores, escravos do momento”

Novedades Carminha leva doce anos dando caña. O grupo creouse en Madrid, aínda que todos son galegos, algo que lembra Xavi ante as críticas para explicar que non marcharon agora, xa estaban fóra. “Se din que nos vendemos, eu creo que nos vendemos dende o principio entón. Sempre foi a nosa intención chegar a máis xente e máis lonxe. Intentamos que o grupo fose algo saudable para nós, solvente. Normalmente as bandas son un hachazo de cartos e dende o inicio preferimos tocar en Bueu a pagar por ir a Berlín a dar un concerto”. 

Aparte de ser o baterista do grupo, Xavi ten unha faceta máis descoñecida polo momento. Está a facer unha carreira cinematográfica como montador. Neste momento está máis concentrado na música, pero xa participou en proxectos como o filme Animales sin collar, de Jota Linares, e no documental La asfixia, de Ana Isabel Bustamante. Sobre este último, que acaba de gañar un premio no festival BAFICI, cóntamos que se trata dunha película guatemalteca na que traballou cinco anos sobre a desaparición dun pai [o pai da directora] na ditadura de Ríos Montt, pero sen facer del un mártir. “É unha forma de achegar o que está a pasar alí, que ás veces queda moi lonxe de nós que estamos en Europa moi tranquilos”.

Para o seu concerto na Ascensión anuncian unha sorpresa “totalmente inesperada”. Algo novo do que non queren revelar nada. Do que si fala Xavi é do nivel de nerviosismo pre-concerto pola presión de tocar diante da familia. “Eu levanto a cabeza e vexo a miña nai aí no medio do público e bufff… Se non lle gusta a ela me sabe fatal… Tristeza absoluta”.  

“Os nosos pais sempre fixeron piña para virnos ver aos concertos. Ao principio seica non lles gustaba que tiveramos un grupo de punk  e que tocásemos nas aldeas facendo o animal. Pero agora xa cruzamos unha liña: cando tocas en Santiago diante de miles de persoas, ou en Madrid, xa mola; non tes tanta cara de desgraciao e tes máis cara de emprendedor”, sinala con certa retranca.