Loading
Lidia Cao

Murais e ilustracións de Lidia Cao

Eu non estou destacando. Simplemente tiven máis facilidades que as xeracións precedentes”. Quen fala é Lidia Cao (Santiago de Compostela, 1997), grafiteira e ilustradora á que o mundo millennial lle queda lonxe. Sendo realistas, deberíamos empezar a deixar de falar desa cohorte demográfica, iniciada nos primeiros oitenta, coma se fosen xente nova. Ela pertence á Xeración Z. A dos novos marcados pola crise do 2008. A do estímulo da inventiva por necesidade. Por iso, sorprende o seu optimismo e a seguridade coa que afirma que os que abriron camiño, xa hai anos, o tiveron máis complicado. Dos pioneiros en Galicia do Street Art aprendeu moito.

Di que intenta “recolectar o máximo de todos eles para poder chegar a facer algo realmente bo”. Unhas palabras que desprenden certa vontade autodidacta. O interese da artista por coñecer por ela mesma, sen guías. “No bacharelato artístico e no ciclo de Ilustración aprendín cousas, claro está, pero se teño que facer un balance, gañan as horas que lle adiquei a traballar pola miña conta”, sinala. Unha das cousas marabillosas da nosa xuventude é a súa capacidade para aprender a aprender. Incluso chegan a escolmar asignaturas de diferentes carreiras, que lles sirvan aos seus propósitos, pero sen a necesidade de rematar ningunha delas.

Mural en Aveiro (Portugal).

Fálanos da dobre vertente do seu traballo: mural e ilustración. E expresa as diferenzas e dificultades. “Aínda teño que pillarlle o truco, atragántaseme un pouco o formato e a pintura plástica. Estou acostumada a ilustrar a base de liñas moi pequenas, e iso levalo ao gran formato é máis difícil. Grazas ao mural estou aprendendo leccións de pintura que nunca tiven”.

Ademais dos niveis de pericia técnica e dimensións, engade o tempo como outro factor a ter en conta. “Unha ilustración podes alongala, podes estar cunha obra semanas ou meses, mentres que un mural é máis complexo. Dependes de moitas cousas, como os custos que na maioría dos casos non corren da túa conta (andamios, elevadores, etc) ou a climatoloxía”.

Semella, polo tanto, que traballar sobre a parede, nun espazo exterior e a contrarreloxo, pode ser algo estresante. Sen embargo, “pintar na rúa engancha moito”. Os seus grafittis manteñen unha certa constante temática. Trátase da figura feminina. Tan antiga como a propia historia da arte: desde as venus paleolíticas ata as diferentes raíñas da última serie de moda. Pero antes da teoría, estiveron os intereses propios de Lidia Cao: “Desde moi pequena chámanme moito a atención os rasgos anatómicos do ser humano. Teño debuxos de retratos desde os tres anos”.

No bacharelato artístico e no ciclo de Ilustración aprendín cousas, pero gañan as horas que adiquei a traballar pola miña conta”

Logo, dun xeito máis reflexivo e botando unha ollada ao pasado, di que “o tema da muller sempre me pareceu moi recorrente nas obras clásicas, mais a min gústame que interveñan nas miñas cun guiño victorioso e con mensaxes psicolóxicas. Non como unha ‘musa’, senón que cobren voz propia”. O que busca é darlle máis narratividade ás súas escenas e desvinculalas da aura de obra de arte. Deste xeito aproxímaas a un sentimento máis colectivo.

Desde un punto de vista técnico, os seus traballos caracterízanse polo emprego dunha paleta moi restrinxida. A Lidia Cao gústanlle “as cores pouco puras, saturadas e monocromáticas”, expresa. “Eu quero conseguir que a obra fale soa. Para min non é necesario encher de ‘cores’. Un debuxo a liña (branco e negro) dime moito máis que un traballo que teña moitas gamas cromáticas”. Poderíase dicir que a cor garda certa autonomía e é moito máis que o elemento para encher as contornas.

Ilustración en branco e negro.

É outro rasgo definidor da artista a utilización de liñas moi grosas coas que se definen as figuras. Segundo a artista “a liña é un recurso moi potente. Conseguir crear volume a base de series destas (liñas) paréceme incríble. É un traballo terapéutico. A min axúdame a manter a concentración e a relaxarme”. E concreta que “o obxectivo é facer duns simples trazos, todo un mundo máis complexo”.

Colaboracións

Lidia colaborou nun proxecto con Amnistía Internacional. Para ela é importante establecer unha relación entre a arte e o compromiso social, pero acepta que haxa creadores que non conciban as súas obras neses termos. Evidentemente, se algo é arte temos que asumir que se vai valorar “desde moitos puntos de vista”, destaca. Porque, según ela, “a día de hoxe  [a arte] non se pode definir e, en parte, ese é o encanto que ten”. Neste punto, case parece subscribir as palabras do filósofo Morris Weitz, quen dicía que a arte era unha categoría aberta e que os elementos que engloba teñen, ao sumo, un parecido de familia. Para que é necesaria, polo tanto, unha definición?

o tema da muller sempre me pareceu recorrente nas obras clásicas, máis a min gústame que interveñan nas miñas cun guiño victorioso e con mensaxes psicolóxicas. Non como unha musa”

Retomando a cuestión da súa colaboración con oenegués insiste en que a creación é “unha boa vía para reclamar dereitos e benestares”. E apunta que “un pouco de crítica nunca está de máis”. Especialmente se se conta cun espazo tan visible como pode ser a fachada dun bloque de vivendas, no centro dunha gran cidade. Tamén, reivindica que “é moi importante apoiar e dar visibilidade aos artistas galegos e sobre todo as artistas galegas, que cada vez somos máis”.

No plano musical dinos a artista que “este foi o ano das portadas”. En concreto, asinou tres. “Tiven a sorte e o pracer de poder traballar no proxecto de Sés e no de Dios Ke Te Crew. Tamén está en camiño outra portada para un grupo británico. Din que cando vén, vén todo xunto”. No caso de Sés, declárase seareira da cantautora e faille especial ilusión a participación no seu disco. Ademais, deulle total liberdade e “non me puxo ningunha traba co traballo final”, destaca. “Esa confianza depositada en min… agradecereillo sempre”.

Mural para o festival Desordes Creativas.

Rexenera Fest

Lidia Cao participa na quinta edición do Rexenera Fest, que se celebra en Carballo entre o 27 de maio e o 9 de xuño. Ela é a única artista galega e comparte cartel con Marina Capdevila (Catalunya), Millo (Italia), Satr (China), Milu Correcht (Arxentina) e Pichiavo (Valencia). Unha selección complexa, variada e ben pensada para uns artistas que, no formal, só teñen en común que son figurativos. Algo que demostra a personalidade tanto do comisariado como dos propios creadores.

“Foi no 2016 cando recibía o meu primeiro taller de muralismo con Cestola na Cachola en Carballo, dentro da programación do festival. E tres anos máis tarde, aquí estou, na cabeceira do cartel cuns artistazos inmensos. Sempre penso que aínda me vén grande isto, dame un pouco de vertixe”.

Entre tanta modestia, aparece o ton retranqueiro autóctono, para explicar por que hai bos festivais de street art e excelentes creadores en Galicia. Os grafiteiros galegos, pola particularidade climática, están “máis acostumados á humidade e iso fainos máis fortes á hora de afrontar as fachadas exteriores”, sentenza.

No 2016 recibía o meu primeiro taller de muralismo en Carballo, dentro da programación do festival. Tres anos máis tarde, aquí estou, na cabeceira do cartel”

Alén do Rexenera Fest e outros festivais, Lidia Cao está en período de asentamento no sempre complexo mercado da arte. “Este ano contactaron comigo varias galerías e, tamén, varias tendas físicas”, afirma. E confirma que foi neste 2019 cando “máis notei o cambio e o crecemento. Pero aínda non diría que estou asentada”. Axeitada percepción para valorar un mundo fluctuante e, ás veces, cruel. De momento, toca disfrutar. “Non me deu tempo a ver o negativo destas cousas. Polo momento, as experiencias foron boas”. E que continúe sendo así. Que manteña o entusiasmo que lle fai dicir “sigo alucinando cada día. Sigo repetindo: ‘estou moi agradecida'”

Mira: