Loading
Adrián Canoura

O cinema etnográfico de Canoura

Ocineasta Adrián Canoura (Burela, 1991) non sabe ben de onde lle vén a vea etnográfica. O caso é que algo o leva a filmar pezas que están a medio camiño entre a investigación antropolóxica e a viaxe abstracta por naturezas incertas. “Intento andar por eses camiños, apegado á terra. Retratar mundos que desaparecen é o meu leit motiv”, destaca en conversa con Inorantes.

A presenza desacougante no medio dos camiños de Adrián Canoura

Canoura recoñece que “é curioso”, pero non sabe “de onde nace” ese interese que sempre sentiu pola cultura popular, manifestada en tradicións, supersticións e tarefas do día a día dos pobos. Este mozo burelao, que polo de agora firmou catro filmes e numerosos videoclips, supón que incide a relación que sempre tivo coa súa aldea, coa súa familia, co seu pai e avó mariñeiros… “Todo iso converxeu”, reflexiona. De aí que comezara a estudar historias como coas que fantasía en Caerán Lóstregos do Ceo, peza recén galardoada no Festival de Cans, e Rexistros (xeografía de San Sadurniño), que este domingo proxecta o (S8) Mostra de Cinema Periférico.

Non busco conclusións. Máis ben contos da tradición oral, con ese toque de ir difuminándose”

“Non busco ningunha conclusión. Máis ben é como se fora un conto da tradición oral, que ten ese toque como se se fora difuminando”, sinala sobre Caerán Lóstregos do Ceo, unha curta documental cun marcado carácter experimental que vén de recibir unha mención especial no Porriño, pero que tamén foi seleccionada (entre outros recoñecementos) pola crítica francesa Nicole Brenez, unha referencia no cinema de vangardas . Estar entre o mellor de 2018 para ela “xa me dixeron que é case mellor ca un premio”, destaca Canoura.

Un fotograma de Rexistros (xeografía de San Sadurniño), que proxecta este domingo a Mostra de Cinema Periférico

Co mar como “elemento moi poderoso” (impulsou a Mostra de Cinema Marítimo na súa localidade) e a fotografía como paixón, Adrián Canoura ten na música outra das súas debilidades, de novo influenciado por algún parente. En Madrid, onde fixo o Máster LAV (Laboratorio de Práctica y Creación Audiovisual Contemporánea), participa da crew de Raso Estudio e forma parte de Nistra co seu amigo Anxo Rodríguez (agora en Novedades Carminha). Fixo un videoclip para a banda Guerrera e tamén ten un rol fundamental noutro proxecto de electrónica e renovación do folclore que (agora xa si) está en boca de todos: Baiuca, xunto a Alejandro Guillán.

“Estou moi contento de que Alex se interesara por darlle outra dimensión a Baiuca, a dimensión audiovisual. Sempre me deu moita liberdade”, expón sobre a súa colaboración nesto da folktrónica, poucos días despois do espectáculo que ambos deron, acompañados de banda, nas festas da Ascensión de Santiago. A próxima semana estarán no Son do Camiño, tamén en Compostela, para quen aínda non os puidese disfrutar en directo.

Encántame manipular imaxes e darlles outro significado”

Os collages que compón Canoura para dar intensidade e profundidade aos concertos de Baiuca son en parte “cousas de arquivo”, de modo que aproveita material que atopa mergullando. “Encántame manipular e darlle outro significado ás imaxes”, explica. Ao respecto, apunta ao influxo do cineasta hispano-venezolano Andrés Duque, quen lle aprendeu nunha clase sobre o concepto de “ecoloxía da imaxe”. “Preguntounos se era necesario estar producindo todo o rato. No mundo hai moito material desaproveitado. Poder darlle outra volta é un traballo case manual incrible”, opina Adrián.

A realidade é que con Baiuca fai o que lle transmite a música, segundo indica, aludindo ás sensacións que experimenta un creador cando unha obra “desperta en ti un lume interior”. Mentres, Nistra continúa aí, “case coma un colectivo artístico”. “Fixemos un documental, saíu o disco e non temos ningunha pretensión. Igual un día nos dá por facer unha performance”, adianta.

 

Para rodar Caerán Lóstregos do Ceo, que inicialmente concebira como proxecto de fin de máster pero que ao final produciu con máis tempo, Canoura desprazouse a lugares tan simbólicos como San Andrés de Teixido e Serra da Capelada, pero tamén acabou en outros puntos da xeografía galega como O Saviñao, para capturar o Folión das Fachas de Vilelos. “Foi incrible estar alí no medio”, recorda, sobre un ritual ancestral co que deu por casualidade, na procura de “algo sobre o lume”.

Canoura acabou por casualidade no Saviñao, onde capturou o ritual ancestral do Folión das Fachas de Vilelos.

E é que o xeito de producir deste cineasta ten bastante de impulsivo. “Son da idea de que a mellor forma de facer algo é facelo”, expresa, aliñado co espíritu “punki”. “Se esperas a ter unha subvención ou a que o proxecto sexa seleccionado… Eu prefiro ao salvaxe, cos meus medios, aínda que sexa un material precario, desenvolvelo”, sostén.

Son da idea de que a mellor forma de facer algo é facelo”

Medios entre os cales figura unha cámara doméstica, da súa familia, “esquecida” pola casa e que Canoura rescatou para grabar Caerán Lóstregos do Ceo. “É unha cámara pequena, dese momento no que se produciu a fenda entre o dixital e o analóxico, con catro botóns, pero que da moito xogo para crear figuras psicodélicas e difuminadas”, explica.

Precisamente sobre ese aspecto fantasmagórico da curta, conta que un espectador lle chamou a atención hai pouco, durante un coloquio, sobre que o filme lle recordara a unha ocasión na que consumira LSD. “Díxome que lle causara as mesmas sensacións”.

Manuel de Mondariz, no cartel da obra que Nicole Brenez escolleu entre o mellor de 2018

E logo… que conta Caerán Lóstregos do Ceo? Canoura levaba tempo visitando ao Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, unha tarefa que confesa que lle atrapa. E un día topou co home que vedes xusto enriba, con pucho, unha cruz nunha man e unha espada na outra, protagonizando o cartel da obra. “Alucinei”. Xunto a fotografía só había un pequeno texto no que se facía referencia ao seu nome, un tal Manuel de Mondariz, e a que “mata demos”.

Sobre esta “primeira pedra” decidiu investigar, coa Santa Compaña como “un fío” do que tirar. A partir de aí descobreu textos de Vicente Risco sobre algo que da en chamar “etnografía espiritual ou rural”, acerca de historias de mitos pagáns dos que logo fixo apropiación o cristianismo… E optou por seguir a desenmarañar a tanza. 

Unhá cámara doméstica permitiu ao burelao lograr o aspecto fantasmagórico das imaxes

O resultado ten múltiples lecturas, xa que Adrián Canoura ofrece esa “viaxe abstracta” e non unha mensaxe pechada. Parte do público ve no home que protagoniza a fita como “un intermediario entre dous mundos, como un espectro” e el admite que “a figura retrata iso”, pero advirte de que tampouco ten “un significado oculto”. Así, fai fincapé en que o seu reto está máis en plasmar as súas pesquisas que na concreción dun relato. Para sermos claros: Canoura quédase co “ambiguo”. E nós con esa visión que pasa a cultura popular e as tradicións galegas polo filtro lisérxico.

Este domingo, o (S8) da Coruña proxecta Rexistros (xeografía de San Sadurniño). Con Consuelo Picos, preséntase como “unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e disfruta da aventura da percepción”.