Loading
Iggy

As cifras de O Son do Camiño

Chega a segunda edición de O Son do Camiño ás instalacións do Monte do Gozo. Un festival que, por riba doutras consideracións, ofrécenos unha boa pista das intencións musicais da Xunta cara ao Xacobeo 21, que xa asoma ao final das páxinas do calendario. Este ano o cartel do evento foi acollido polo público cunha considerable mingua de entusiasmo respecto á edición inaugural. Polo menos así se deixou ver nas redes sociais. Porén, como sucedera o pasado ano, os abonos esgotáronse aos pocos minutos de saír á venda.

Se nos atemos a algo tan prosaico coma a posición e o tamaño de letra no cartel, a organización considera que as cabezas de O Son de 2019 son Black Eyed Peas, Iggy Pop e David Guetta. Nunha hipotética segunda fila estarían Rosalía, Die Antwoord, Bastille, Bloc Party, Iván Ferreiro, Vetusta Morla ou The Hives.

Black Eyed Peas
Black Eyed Peas, uns sorprendentes cabezas de cartel en O Son do Camiño.

Entendemos que a intención tanto da Xunta coma dos organizadores é consolidar un festival en Galicia que se poida facer un oco entre os principais eventos musicais do país. Un macrofestival que se una á lista dos Primavera Sound, Mad Cool, BBK Live ou FIB, que son quizais hoxe a referencia estatal no eido da música xeralista.

A maior inxección

Botémoslle pois un ollo a algunhas cifras destes festivais e poñámolas en comparación con O Son do Camiño para facernos unha idea da posición do festival galego. En primeiro lugar, o que máis chama a atención do evento do Monte do Gozo é a forte inxección de cartos públicos que recibe. Chamémoslle patrocinio, subvención ou axuda. Retorzamos como queiramos as palabras. O certo é que as arcas da Xunta achegan a esta nova edición 2,5 millóns de euros.

Atopamos que ningún dos outros grandes festivais analizados se aproxima a esta cifra. Os máis subvencionados serían o BBK, con 1,4 millóns de euros por parte do concello de Bilbao (un montante moi criticado pola oposición ano tras ano), así como un patrocinio menor por parte de Turismo do Goberno Vasco; e o Mad Cool, que tamén recibe preto de 1,4 millóns de euros, divididos entre os 700.000 euros do concello, os 600.000 da comunidade autónoma, e 90.000 euros financiados a medias entre as dúas administracións para abrir o metro pola noite.

Mad Cool
O Mad Cool recibe preto de 1,4 millóns das administracións.

Máis modesta é a achega ao Primavera Sound, o festival de Barcelona recibe arredor de 200.000 euros da Generalitat a través do Institut Català de les Empreses Culturals, uns 135.000 euros do concello, e menos de 50.000 do Ministerio de Cultura. En total, non chega aos 400.000 euros.

No caso do FIB de Benicassim atopámonos cunha maior opacidade. A información da que dispoñemos fala dunha achega de 500.000 euros da Deputación de Castellón para catro festivais (o propio FIB, Arenal Sound, Rototom e San San Festival). Pola súa banda, a Generalitat distribúe 700.000 euros entre 14 festivais da valencianos baixo o paraugas da marca Mediterranew Fest (cun máximo de 75.000 euros por evento). Por último, o concello de Benicassim viña achegando 400.000 euros anuais para o alquiler do espazo onde se celebra o festival, que agora o consistorio decidiu comprar por 3,6 millóns de euros que espera amortizar en dez anos. En calquera caso, aínda que non dispoñemos da cantidade exacta que recibe o FIB, o máximo non superaría os 800.000 euros.

A menor asistencia

De entre os cinco festivais analizados, o Mad Cool recibiu o ano pasado o maior número de asistentes aos concertos, cun total de 240.000. Unha cifra que estivo acompañada de moitas críticas polo trato ao público, as longas colas e os nervios. A organización pediu desculpas en redes sociais mais trabucou a verba ‘comprensión’ por ‘compresión’, algo que foi respondido con burlas dado o escaso espazo que tiveron para moverse os espectadores.

BBK Live
No BBK Live de Bilbao reuníronse 120.000 espectadores en 2018.

Un dato algo menor acadou o Primavera Sound, cun total de 220.000 asistentes, mentres que o FIB, segundo informou a organización, reuniu a 168.000 persoas. Por debaixo, o BBK Live de Bilbao, cun total de 120.000 espectadores.

O Son do Camiño estivo moi lonxe de todos estes eventos en canto a público se refire, xa que congregou 84.000 asistentes, se ben é certo que o aforo do Monte do Gozo, cunha cabida para arredor de 30.000 persoas, fai imposible elevar moito ese rexistro.

O menor impacto

Non somos moi afeccionados ás cifras de impacto económico que adoitan divulgar os organizadores destes eventos. Os investimentos públicos son (ou, polo menos, deberían) datos claros, cartos que saen dunhas arcas e chegan ás empresas que xestionan os festivais. O impacto económico, en cambio, é un concepto etéreo, no que non quedan moi claros os factores analizados nin, moito menos, quen son os beneficiarios.

Non obstante, deixaremos aquí as cantidades que difundiron os organizadores. No Primavera Sound, en 2017, falaban dun impacto económico para Barcelona de 94,8 millóns de euros. No Mad Cool aseguraban que en 2018 estivo en torno a 64,6 millóns. Os promotores do BBK Live deixaban o dato en 24,1 millóns.

David Guetta
David Guetta, o outro cabeza de cartel no Monte do Gozo.

Co FIB volvemos atoparnos coas cifras conxuntas. A estimación é que o Arenal, o Rototom e o FIB deixan 60 millóns na provincia de Castellón. O noso cálculo, tendo isto en conta, é que o FIB estaría nunha horquilla de entre 15-20 millóns de euros.

Ao referírmonos a O Son do Camiño, temos que remitirnos ao que informou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en rolda de prensa, quen cifrou “o retorno económico en máis de 12 millóns de euros”. Polo tanto, de novo, o de Santiago é o irmán pequeno destes festivais.

Os carteis

No Primavera Sound de Barcelona veñen de actuar James Blake, Solange Knowles, J. Balvin, Interpol e Stereolab. No Mad Cool lideran o cartel Bon Iver, The National, Smashing Pumpkins, The Cure e Prophets of Rage. No BBK estarán Thom Yorke, Liam Gallagher, The Strokes, WeezerSuede. No FIB as estrelas son Lana del Rey, Kings of Leon, Fatboy Slim e Franz Ferdinand.

Thom Yorke
Thom Yorke, un dos grandes nomes do BBK Live este verán.

Poderíamos discutir cal destes é o mellor festival do verán en España, e se O Son do Camiño realmente está en disposición de competir con eles. Pero iso entraría dentro do terreo da subxectividade.

Nós quixemos cinguirnos unicamente aos datos, e con eles na man podemos dicir que, en comparación cos eventos referenciais do sector, O Son do Camiño é o festival que menos asistencia congrega e o que menos impacto económico deixa. Pola contra, é, de longo, o que máis cartos públicos recibe.

O resto de conclusións deixámolas para o lector.